jueves, 17 de marzo de 2011

A deterioración da sanidade galega

A facción de ultradereita que goberna actualmente en Galicia amosa un desprezo radical sobre as potencialidades do sector público. Só confían na iniciativa e na xestión privada. Os seus desvelos por acadar o poder non son debidos ao afán por mellorar os servizos públicos: o seu empeño débese ao interese por acceder aos orzamentos e buscar o xeito de favorecer negocios privados á súa sombra. O botín sanitario é moi apetecible: o 30% dos orzamentos da Xunta corresponden á Consellería de Sanidade.
O Goberno de progreso deulle un impulso importante á sanidade pública: mellorou os orzamentos, consolidou o emprego dos traballadores, ampliou a oferta de servizos e potenciou a modernización e informatización dos centros. O actual goberno está a desmontar todo o desmontable. Coa escusa da crise e da ficticia austeridade reduciu os orzamentos (por primeira vez na historia da autonomía), paralizou os proxectos públicos de construción, freou a actividade extraordinaria para redución das listas de espera e cancelou o plan de mellora da Atención Primaria. Nos próximos anos non haberá investimentos para mellorar a capacidade resolutiva dos centros nin se creará ningunha praza nos servizos sanitarios; pola contra, quedan sen cubrir as prazas vacantes por xubilación dos profesionais. A consecuencia é inevitable: a deterioración asistencial.
Mentres, están a potenciar espazos de negocio co diñeiro público. Non son outra cousa os proxectos de construción dos novos hospitais e centros de saúde polo sistema de concesión a empresas privadas. Este modelo (PFI) é menos eficiente que o utilizado polo Goberno anterior (SPI), reduce a calidade asistencial, xera problemas na xestión futura dos hospitais e deixa o Sergas hipotecado, xa que terá que estar pagando un alugueiro á empresa construtora durante vinte anos. Pero non importa nada. O obxectivo desta facción non é garantir e mellorar os servizos públicos senón procurar beneficios privados a grupos afíns a expensas do erario público.

No hay comentarios:

Publicar un comentario