O médico trata con persoas que sofren, que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade. Por iso o aspecto humano e relacional adquire unha especial relevancia. O médico debe actuar en todo momento con respecto e cordialidade. A empatía é unha forma de coñecemento, de aproximación ao outro, na que tentamos "poñernos no seu lugar". Temos que saber que a doenza non está separada da persoa e que todas as enfermidades teñen compoñentes mentais e físicos. A relación entre médico e paciente é o centro da curación: o médico é o primeiro e principal placebo. Xa dicía Balint que "o que non saiba administrarse como fármaco que se adique a outra cousa".
Rita Charon (Columbia University) fala da necesidade de desenvolver a "competencia narrativa" dos profesionais sanitarios, que lles permita penetrar no mundo do sufrimento dos seus pacientes, ofrecer apoio e acompañar na experiencia da enfermidade. Só aqueles médicos que teñen desenvolvido a súa competencia narrativa saberán "recoñecer os desexos e motivacións dos pacientes, deixarán contar a historia das súas doenzas ata a fin, e poderán ofrecerse a si mesmos como instrumentos de curación". Como consecuencia chegarán tamén a entender mellor o sentido das súas propias vidas.
O médico Albert Jovell tamén é, desde 2001, un enfermo de cancro. Esta experiencia cambiou a súa vida. Casado, pai de dous nenos, nun artigo falaba do medo. O medo é un síntoma moi frecuente. Non só o padecen os enfermos senón tamén os seus familiares. Pode manifestarse de diferentes maneiras: medo a empeorar, medo á dor e medo á morte. Existe, aínda que o enfermo tente controlalo: "Cando un esquece, os demais recordan: a ollada do outro convértese no espello no que te miras. É a ollada do medo". Resulta estremecedor o seu testemuño. Por iso compartimos a proposta de reclamar unha "medicina baseada na afectividade", entendendo que tan importante como curar é coidar e confortar. A compaixón e o acompañamento deben formar parte da boa práctica médica. Porque, como el mesmo nos lembra, tarde ou cedo todos padecemos "ese medo que, como gas indoloro, invade todo o corpo e, nese instante, un fica perplexo ata que desaparecen no recordo os tempos en que padecía a soberbia do san".
No hay comentarios:
Publicar un comentario