Traballo na sanidade pública como médico de familia desde hai tres décadas. Desde os inicios escoito voces, da dereita económica e política, que anuncian a inviabilidade do sistema público, proclaman a necesidade urxente de cambios no financiamento e prestación de servizos e promoven novos modelos de xestión. O tempo amosa que a ameaza non é tan inminente. Outros expertos, menos alarmistas, destacan a eficiencia do noso modelo, que acada bos indicadores de saúde cun baixo investimento do PIB, en comparación cos países do contorno (Vicenç Navarro).
Na década dos oitenta Romay Beccaría acadou notoriedade como conselleiro coa proposta das fundacións sanitarias, que pretendía estender por todo o Estado cando chegou a ministro. Núñez Feijóo era o seu brazo dereito e animoso impulsor destas ideas. Por fortuna fracasaron no intento, pois as fundacións galegas constituíron un auténtico desastre, na xestión e na prestación de servizos, e tiveron que ser rescatadas da quebra polo Goberno de Touriño.
Esgotada a proposta, na década dos noventa, os ideólogos da dereita inventaron unha nova: a xerencia única. En Galicia puxeron en marcha a xerencia de Ferrol que, cinco anos despois, segue sen estar avaliada e non consta que achegase mellora ningunha. Pola contra, nestes anos a sanidade ferrolá caracterizouse polas excesivas demoras, pola carencia de medios e profesionais e a constante conflitividade.
Numerosos traballos poñen en evidencia que a sanidade estruturada en dous niveis resulta máis eficiente e ofrece máis calidade na atención (B. Starfield). Máis, contra vento e marea, a dereita que agora nos goberna recolle este proxecto (abortado no 2005, cando perdeu as eleccións) e está no camiño de implantalo en toda Galicia. A atención primaria, que experimentou un notable avance nos últimos anos, pode recibir un golpe decisivo.
O desequilibrio orzamentario existente entre os dous niveis vai aumentar, e reforzarase o hospitalocentrismo. Este modelo, xa funcionante nalgunha comunidade, non mellora a calidade asistencial nin a eficiencia. Pero dá igual. Dentro de pouco, de seguir adiante coa proposta, falarán os nosos gobernantes da autoxestión dos centros de saúde e da contratación externa dos servizos. Non vai mellorar a sanidade nin a situación dos profesionais, pero algúns van facer negocio neste novo escenario. A fin de contas, é do que se trata.
No hay comentarios:
Publicar un comentario