O galego non é propiedade de ninguén: é patrimonio da humanidade. A diversidade cultural e idiomática é unha das riquezas do planeta. Do mesmo xeito que se protexe a biodiversidade tamén temos que favorecer a variedade cultural. Cada verba que desaparece deixa máis pobre o mundo. Temos a obriga ética de deter esta deforestación das palabras.
O galego é unha lingua viva e aínda maioritaria en Galicia. Cómpre evitar o pesimismo: máis da metade dos galegos utilizamos o noso idioma de maneira habitual, e está presente na vida cotiá. Pero esta presenza debe ser consolidada e só se acadará se o asumen como propio os mozos. E aí temos un problema: o uso do galego decrece nas novas xeracións urbanas. O obxectivo dos gobernantes debe ser o de conseguir máis falantes para o galego.O avance nas últimas tres décadas foi impresionante. Algunhas voces prognosticaban a súa morte en menos de vinte e cinco anos. Lonxe diso, o galego consolidouse e chegou aos ámbitos ilustrados e urbanos dos que estaba ausente. Os medios de comunicación propios e os avances normativos fixeron moito por reforzar a posición do idioma. Pero aínda hai contornos impermeables. Un deles é o dos servizos sanitarios. Nos hospitais e nas consultas a presenza do galego é testemuñal. Débese favorecer o seu uso na sanidade porque o prestixio da profesión médica podería contribuír a valorar máis o idioma. Ademais, temos a obriga de que ningún cidadán sexa discriminado por esta causa e, sobre todo, porque no caso dos galegofalantes o uso do idioma polo profesional favorece a comunicación e a empatía, mellorando de xeito notable a relación.
O goberno bipartito deu algún paso normativo para mellorar a presenza do galego na sanidade: a Instrución 11/2005 sobre "emprego do galego nos documentos da Consellería e do Sergas" e a Circular POE-2006, sobre "obxectivos para a normalización da lingua na sanidade", entre outras medidas. Máis hoxe existe un abandono total do idioma por parte das actuais autoridades sanitarias, que xa non empregan o galego nin nas comparecencias públicas nin na escrita. De persistir neste empeño o señor Feijóo quedará na historia como o primeiro presidente de calquera país do mundo que utiliza o poder que lle conceden os cidadáns para atentar contra o principal patrimonio cultural do seu país.
No hay comentarios:
Publicar un comentario