Un dos investimentos afectivos máis importantes da nosa vida é a elección dunha persoa para vivir en parella, para compartir afectos, ilusións e a crianza dos fillos. Cando, pasado o tempo, alguén chega a decatarse de que, no lugar do amor, non hai máis que desconfianza, desprezo e humillación, a vivencia de fracaso non pode ser máis absoluta. Por iso moitas mulleres maltratadas non son capaces de asumir a tremenda perda que esta situación representa. Chegan a estar avergoñadas polo que lles acontece e a sentirse culpables da situación. Ás veces, cando lles preguntan pola orixe dos golpes na cara, buscan unha escusa. "É que batín coa porta", como no libro de Roddy Doyle.
O maltratador adoita ser amable na rúa, pero a vida é un calvario de portas para adentro. A miudo sucede que, despois dunha agresión, se produce unha escena de arrepentimento. A muller queda atrapada neste círculo vicioso, entre o maltratamento e o perdón, a pesar da reiteración desta noria infernal. A tortura pode prolongarse durante décadas, mentres a vítima ve como está cada vez máis atrapada nesta rede perversa. María Tareixa aguantou durante 34 anos as humillacións do seu marido, ata que acabou coa súa vida: malleiras, insultos e abusos, que incluían a filla do matrimonio. Agora acaba de ser xulgada na Coruña por un tribunal popular que, pese a declarala culpable, solicita o indulto, por entender que xa tivo sufrimento dabondo á beira do seu home.
A semana pasada celebrouse o Día Internacional contra da Violencia de Xénero. Hai quen considera que o intenso traballo desenvolvido en España nos últimos anos para combater o maltratamento non está a producir os resultados desexados. Máis cómpre entender que os cambios sociais son lentos e mesmo inapreciables a curto prazo. Pero estamos a camiñar na dirección correcta. Vimos dunha cultura que entendía a vida en parella como unha relación de subordinación e dependencia e estamos a construír, con dificultades, un novo xeito de relación entre iguais que elixen a vida en común para atopar afecto e axuda mutua.
Hai anos a muller ofendida e humillada non tiña máis remedio que resistir e calar. Houbo moito silencio arredor do maltratamento. Non é que agora o problema medre; só se trata de que, por fin, esta tortura da vida cotiá se fixo visible. Aínda queda moito camiño por andar, pero xa se deron pasos importantes. Agora o maltratador non goza da impunidade nin da complicidade social.
No hay comentarios:
Publicar un comentario