O luns pasado estiven en Santiago. Foi un extraordinario día de sol e as rúas estaban ateigadas de xente. Queremos Galego convocou en Compostela milleiros de persoas de toda idade e condición. Entrementres, o presidente afirmaba, nun acto organizado pola RAG no Courel, que se comprometía a facer un gran pacto pola lingua e que "o galego sobrevivirá sempre que todos os galegos queiran que sobreviva". Non estou de acordo: o galego debe ser un idioma vivo e útil para a vida diaria, mesmo se dita unanimidade non se dera.
Nestes días, respondendo á demanda dunha amiga, participei como xurado no certame literario dun colexio de Santiago. Pasei dúas tardes lendo relatos escritos en galego por rapaces de oito a dezasete anos. Aprendín moito. Hai nenos que posúen unha imaxinación desbordante. Pero tamén me decatei de que a maioría non utiliza o galego e que elaboran os textos facendo tradución simultánea. O castelán non corre perigo pero o galego si, de non conseguirmos que o utilicen os rapaces no patio do colexio.
Sen facer caso do clamor das rúas, a Xunta de Galicia aprobou, días despois, o polémico decreto do plurilingüismo. No mesmo non se establece o dereito e elixir o idioma no que os escolares estudarán cada materia (promesa electoral do PP), pero remiten a unha futura Lei de convivencia educativa que regule como facer esta e outras consultas.
Non contentan a ninguén; tanto é así que unha organización amiga fala da "baixeza moral" do presidente a quen tilda de mentireiro. Tantas viravoltas teñen difícil explicación. Esta teima lingüicida, este impulso temerario para cometer un suicidio colectivo (iso sería matar a lingua con premeditación) non se entende. Chego a pensar, cando teño o día paranoico, se non será unha inmensa manobra de distracción para ternos a todos ocupados e preocupados con este tema mentres, á caladiña, están a montar negocios co diñeiro público, que é o que realmante importa a esta dereita neocom que nos goberna.
Na sanidade, que é o territorio que mellor coñezo, están dando pasos de xigante, seguindo os esquemas aplicados en Madrid e Valencia (ambas as comunidades ao bordo da quebra sanitaria), para fomentar negocios privados á conta dos orzamentos públicos: os proxectos de xerencia integrada e do hospital de Vigo van nesa dirección. Tamén na Coruña houbo un alcalde que estivo moitos anos xogando co L.
No hay comentarios:
Publicar un comentario