martes, 15 de marzo de 2011

O dedo corazón

José María Aznar foi presidente do Goberno español durante dúas lexislaturas. Atopou un período de bonanza económica durante o cal deixou florecer a especulación inmobiliaria e que se amasaran grandes fortunas ante a súa ollada de compracencia. Tamén privatizou as empresas públicas máis rendibles (Telefónica, Endesa, Argentaria, Tabacalera, Repsol e Correos -levada ao sector privado por Núñez Feijóo-) e colocou á súa fronte persoas da súa confianza. Sempre tivo predilección polos xestos grandilocuentes, pola exhibición do seu poder e das relacións de privilexio cos amos do mundo. Foron amplamente comentadas algunhas instantáneas da súa traxectoria: sentado no rancho de Bush cos zapatos enriba da mesa, a foto do trío dos Azores, a fastuosa voda da súa filla no Escorial.
O seu estilo arrogante levouno a cometer erros gravísimos que o electorado non lle perdoou. Houbo un clamor popular contra da participación española na guerra de Iraq (contestación que el afrontou con xestos de desprezo), xestionou a crise do Prestige baseándose na mentira permanente e, finalmente, instalouse nunha paranoica teoría conspirativa cando sucedeu en Madrid o terrible atentado yihadista, o 11-M de 2004.
Xubilado da primeira fila da política, despois de que o seu partido perdera as eleccións ante o novato Zapatero, agora exerce de profesor nunha universidade americana, acode a diversos foros como conferenciante, preside a fundación ultraconservadora Faes e presta os seus servizos de asesoría a empresas multinacionais.
O seu xenro, Alejandro Agag, tamén se converteu nun importante home de negocios e acadou unha posición de privilexio no contorno da Fórmula I.
Hai uns días estivo en Oviedo ditando unha conferencia. Na mesma amosouse, coma decote, contundente. Acusou o presidente do Goberno de ser pirómano en lugar de bombeiro. Coma sempre, en tempo de tribulación e dificultade para o pobo, non vén temperar os ánimos e favorecer a recuperación, senón que empuxa un pouco máis cara ao abismo. Só está disposto a colaborar se mandan el e os seus.
Rematado o acto un grupo de estudantes increpouno con pancartas acusatorias e berros cargados de ironía ("¡Presidente, presidente!"). Atoparon unha resposta definitiva: o señor Aznar amosoulles o dedo corazón dirixido ao ceu, coa melena ondeando ao vento e un sorriso de autocompracencia. Unha foto máis para a historia. Un xesto heroico, á altura do que vén sendo este home: un patriota e un grande estadista.

No hay comentarios:

Publicar un comentario