Nos nosos cemiterios a práctica totalidade das lápidas están escritas en castelán calquera que fose a lingua utilizada en vida polas persoas alí soterradas. De seguro que veu algúen do Máis Alá para informar do asunto. Vai ser que no ceo -e no inferno- non entenden o galego. Doutro xeito non se entende.
As necrolóxicas que se publican nos nosos xornais tamén aparecen en castelán, sendo a presenza do galego absolutamente testemuñal.
Hai poucos días un amigo meu enterrou a seu pai. Trátase dunha familia galegofalante e mesmo comprometida coa defensa do idioma. Aínda que a celebración se realizou nunha vila da costa, donde a totalidade da poboación entende e fala a nosa lingua, non foi posible que a empresa funeraria facilitase o uso do galego nos ritos fúnebres. Non dispoñían de libro para sinaturas, nin de bandas para as coroas, nin de estampas-recordatorio impresas no noso idioma. Por suposto, a misa foi celebrada integramente en castelán.
Nestes días en que lembramos os nosos defuntos a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística acaba de iniciar unha campaña para acadar a galeguización dos actos funerarios. Un total de 25 concellos galegos asinaron xa unha declaración na que se comprometen a impulsar o idioma nestas celebracións. Entre outras propostas, a Asociación convida a homenaxear os nosos defuntos rehabilitando a súa memoria cultural e lingüística, substituíndo as lápidas en castelán por outras en galego, así como a instar as autoridades eclesiásticas e as empresas funerarias para acadar máis utilización da lingua galega nos actos litúrxicos e que a oferta dos seus servizos sexa tamén no noso idioma. Esta campaña foi presentada o mércores da pasada semana en Santiago. Nese mesmo acto tamén se presentou un fermoso libro (En galego, agora e sempre) coas mandas testamentarias de máis de sesenta persoas que deixan unha encomenda aos seus fillos para que utilicen e protexan o noso idioma. Hai algúns textos ben fermosos. Recollo, a modo de exemplo, o que lles escribe o amigo Turnes aos seus descendentes: "Non reneguedes nunca da vosa orixe, amosade sempre o orgullo de pertencerdes á nosa tribo, tentade contribuír a facerdes este mundo un pouco mellor, gardade memoria de quen vos antecedeu e vos deu a vida, e construíde o voso mundo e o voso futuro usando sempre a nosa lingua: o galego".
No hay comentarios:
Publicar un comentario