Preto da miña parroquia había unha sabia, a señora María, unha muller analfabeta, mais posuidora dunha intelixencia prodixiosa. A súa capacidade de observación, a profundidade na análise das situacións e unha memoria fóra do común fóronlle creando, co paso dos anos, un gran prestixio entre os veciños, que deron en dicir que tiña poderes. Especializouse en quitar o aire e no levantamento de paletilla. O aire de defunto, ben é sabido, é moi prexudicial, sobre todo para os pequenos, que poden quedar desmedrados. A paletilla, cando cae, déixate sen ánimos, crebado, esmorecido e co corpo desgustado. Ou se coloca no seu sitio ou non tes forzas para nada.
Eu cheguei á súa casa unha tarde de verán, canso de andar polos camiños. Ela deseguida me diagnosticou: "Tes a paletilla fóra de sitio". Deixeime facer. Sentei no chan, a carón da lareira, coas pernas estiradas. Ela situouse detrás e levantoume os brazos por enriba da cabeza: "Aquí o ves: a man esquerda está máis baixa cá outra. Hai que volver a paletilla ao seu". Pasoume polo lombo uns ramallos de loureiro, namentres murmuraba polo baixo, agarrou outra vez os brazos e fixo algúns estiramentos ata que estalaron. Volveron os murmurios e os lostregazos. Saín como novo. Ata tiña a sensación de que medrara un pouco.
Estiven na súa casa moitas veces, máis que nada pola conversa. Algúns días tiña media ducia de coches aparcados na eira. Vin algún licenciado agardando quenda para recibir atención. Pero ela nunca falou, nin ben nin mal, de ningún cliente. Tiña moi claro a cuestión do segredo profesional. A min preguntábame cousas do oficio, e prestaba moita atención ás explicacións. Estou seguro que memorizaba palabras para despois soltalas, cando houbese ocasión, e darlle un aire máis científico ao seu traballo.
Un día díxome que tiña un libro agochado no faiado. A pesar de que non sabía ler, moitas veces deixaba o cliente agardando e ía consultar o texto máxico. Cando pasaba dos oitenta foi deixando, pouco a pouco, o exercicio profesional. Só atendía cousas de moito compromiso ou persoas moi achegadas. Tentei convencela varias veces para que me deixara o libro en herdanza, pero non houbo maneira. Dáballe a risa a miña perseveranza. Cando morreu andou a neta buscando. Revolveu o faiado enteiro, pero o libro nunca apareceu.
No hay comentarios:
Publicar un comentario