O venres pasado presentouse en Coruña a novela de Luís García Mañá O grito de Ipiranga.Numerosos amigos, achegados e lectores acompañaron o autor neste día festivo. É a terceira entrega dunha serie de narrativa policial protagonizada polo detective Nemesio Castro. O novelista ensambla nesta obra tres elementos que coñece de primeira man: a actividade policial (pola profesión), o mundo da emigración (por biografía) e o século XIX (por erudición). O grito de Ipiranga figura na historia como o momento iniciático da liberación do Brasil. O 7 de setembro de 1822, ante as abusivas esixencias feitas desde Portugal, o príncipe rexente don Pedro proclamou, na beira do río Ipiranga: "Brasileiros, de hoxe en adiante a nosa proclama será: ¡Independencia ou morte!". Tendo como referencia este feito histórico o autor constrúe unha trama moi ben acaída darredor do seu personaxe principal.
Pero non vou facer unha recensión crítica do libro. Hai xente máis cualificada para ese labor. Mais quero destacar neste artigo que este home, que se declara agradecido á vida por permitirlle dedicarse a xuntar palabras e a inventar historias no seu tempo de lecer, ademais de excelente escritor, é o xefe superior da Policía de Galicia. É de agradecer que unha persoa que desempeña un cargo de tan elevadas esixencias saque tempo para escribir e que o faga en galego. Porque García Mañá, xunto con Carlos Varela, o fiscal superior de Galicia, son as dúas personaxes de maior relevancia pública neste eido que amosan un compromiso firme e continuado coa cultura e a lingua do país. Hai persoas que teñen valor por si mesmas, máis alá do cargo que desem- peñen nun momento dado. Este é o caso. Para o noso idioma é imprescindible, neste tempo de dificultade, que existan ámbitos do poder donde se utilice de xeito natural, para fuxir da imaxe de idioma rústico e residual que algúns lle queren asociar.
Neste momento en que o galego perde falantes entre a poboación máis nova e cando as autoridades políticas están a elaborar normas que dificultan a súa supervivencia, cómpre perseverar na defensa do idioma coma quen defende unha especie en perigo de extinción. O presidente da RAG, Méndez Ferrín, dicía hai poucos días que vivimos, no que respecta á lingua, nun estado de excepción e o que cómpre neste punto é resistir. Tamén teremos que dar aquí o noso grito de Ipiranga: "¡Lingua e vida!". A ver se conseguimos mil primaveras máis para o noso idioma.
No hay comentarios:
Publicar un comentario