http://www.galiciahoxe.com/hemeroteca-web/gh/tempo-da-memoria/idEdicion-2010-04-12/idNoticia-534935/
O venres pasado proxectouse no Auditorio da Fábrica, en Oleiros, o documental O tempo da memoria, dirixido polo meu amigo Jorge Gil. Nel rememórase, coa testemuña de personaxes públicas (Díaz Pardo e Alonso Montero, entre outros), de compañeiros e familiares, a traxectoria vital de dous militantes do PC que, nos inicios da década dos corenta, regresan a España, desde o exilio en Suramérica, para traballar desde o interior pola restauración da República.
Resulta emocionante ver o compromiso destas persoas que, na inmediata posguerra, espuxeron a súa vida para defender un ideal democrático. Xosé Gómez Gaioso e Antonio Seoane nunca souberon que a ditadura de Franco duraría ata o ano 1975, e que o militar golpista ía morrer de vello no seu propio leito. Daquela tiñan a confianza de que podían vencer a curto prazo. Non foi así: en 1948 foron apresados na rúa Real da Coruña, sometidos a tortura e a un xuízo sumarísimo -sen posibilidade de defensa ningunha- e fusilados no Campo da Rata, preto da Torre de Hércules. Un grupo escultórico deseñado por Díaz Pardo recorda o lugar onde centos de republicanos perderon a vida fronte ao pelotón de fusilamento.
Este documental debería ser visto nas escolas de Galicia. Os nosos rapaces deben coñecer canto sufrimento hai detrás da construción desta democracia que hoxe desfrutamos. Os familiares e os camaradas dos fusilados teñen o dereito, e mesmo a obriga, de restauraren a imaxe dos seus mortos. Non é admisible que, sesenta anos despois, estas persoas heroicas aínda figuren, nos papeis oficiais e no imaxinario colectivo, como bandoleiros. Deben recuperar o papel que lles corresponde: o de figuras exemplares comprometidas coa defensa da legalidade e mais da xustiza.
Mais a persecución que exerceu o réxime franquista contra os seus detractores, e que provocou máis de 100.000 persoas desaparecidas (enterradas nas gabias e en foxas comúns), non rematou na posguerra. Agora continúa nos tribunais. Os herdeiros do franquismo andan á caza do xuíz Garzón, quen se atreveu a iniciar unha investigación sobre as vítimas da ditadura. Este intento de apartar o xuíz das súas funcións, ademais de ocultar as atrocidades do réxime, tamén quere botar terra sobre o caso Gürtel: a trama político-mafiosa máis grande e descarada da nosa recente democracia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario