Somos o que somos segundo o que reflictamos na ollada dos demais. Ás veces non nos decatamos da importancia do propio, da singularidade da nosa presenza ata que alguén o sinala desde fóra. Para coñecer as nosas orixes, para saber de onde vimos e entender a vida dos nosos avós é aconsellable visitar a esposición Ruth Matilda Anderson. Unha mirada de antano,na sede da Fundación Caixa Galicia da Coruña -deica o 28 de febreiro, e despois viaxará por outras cidades de Galicia-, na que se amosa o extraordinario traballo desta viaxeira que, en centos de fotografías, deixou testemuña de como era a vida na nosa terra a primeiros do século pasado.
As nosas cidades e vilas, as paisaxes do rural e os traballos do mar, os nenos descalzos ollando hipnotizados para a cámara, mulleres portando pesados bultos enriba da cabeza, os distintos oficios e tarefas da vida de aldea, os animais convivindo coa xente na beira das lareiras, a matanza do porco, as feiras do gando, as celebracións relixiosas: sobre todo niso e en moito máis pousou a atenta mirada desta muller que soubo retratar e deixar plasmado para o futuro un anaco do noso pasado recente.
A fotógrafa e etnógrafa americana Ruth Matilda Anderson estivo en Galicia dúas veces -en 1924 e 1926-, acompañada na primeira ocasión polo seu pai (tamén fotógrafo e o seu mestre) e na segunda por unha compañeira de profesión. Fixo ámbalas dúas viaxes por encargo da Hispanic Society of America, organismo fundado por Archer Milton Huntington, que lle propuxo realizar unha extensa reportaxe fotográfica sobre o noso país.
En 1924 desembarcou co seu pai no porto de Vigo. Paseou a nosa xeografía de maneira incansable, deixando a xente impactada pola presenza daquela moza americana conducindo o seu Ford. Neses anos a fotógrafa recorreu as provincias da Coruña e de Pontevedra, chegou ata a Costa da Morte -daquela non había estradas e había que facer o camiño a cabalo-, compartiu xantar coas xentes que a acollían e tamén durmiu, en ocasións, en leitos pragados de pulgas.
Froito destas viaxes, do seu traballo metódico e dunha grande curiosidade, deixou un valioso e extenso legado de grande valor cultural, etnográfico e histórico. O catálogo editado recolle o contido da exposición e representa un enorme arquivo fotográfico que achega unha valiosa información sobre a época.
No hay comentarios:
Publicar un comentario