http://www.galiciahoxe.com/hemeroteca-web/gh/defender-alegria/idEdicion-2010-07-26/idNoticia-572956/
Estes días pasados estiveron aquí uns amigos andaluces. Andivemos pola península do Barbanza e paseamos as rúas de Santiago e Coruña. Facía moito tempo que non visitaban Galicia e agardaban ver unha terra sombría, as mulleres de loito co pano na cabeza, as estradas impracticables e a xente recollida darredor da lareira. Pola contra, atoparon un territorio luminoso (o sol acompañounos nestas xornadas), unha rede viaria de primeiro nivel, unhas cidades fermosas e cheas de vida e unhas casas acolledoras e confortables.
Semella que teñen que vir de fóra para decatarnos de que non estamos tan mal. Porque esa é a realidade: Galicia nas últimas décadas deu un salto cualitativo e xa non estamos entre os pobos máis pobres de Europa. Xa non somos a terra aldraxada e colonizada que ainda predica algún nacionalismo rancio e antiguo. Hoxe somos un país próspero, emprendedor e capaz, instalado na modernidade, que pode mirar o futuro sen medo e con plena confianza nas súas posibilidades. A Galicia pobre e triste que eu coñecín na miña infancia xa non existe. A nosa vida é mellor que a dos nosos pais, e os nosos fillos son máis altos, máis fermosos e están mellor preparados ca nós. Temos xente cualificada, con iniciativa e capacidade para xenerar proxectos de futuro.
O cambio producido no agro é paradigmático. Hai poucos meses visitei algunhas granxas, acompañando ao meu amigo Turnes, e decateime de que xa non existe o cadro da vaquiña pola corda pacendo polas gábeas. As granxas de hoxendía están dotadas de alta tecnoloxía. As vacas dispoñen dun control alimentario e sanitario estricto, as salas de muxir están hixiénicas coma quirófanos e o funcionamento das granxas está controlado informáticamente. Pese a todas as dificultades o campo modernizouse, igual que todo o país.
Pero os nosos gobernantes, na vez de alimentar a autoestima e a capacidade emprendedora crearon un discurso autoexculpatorio (esta crise non nos permite facer nada), que fomenta o medo e a mentalidade subsidiaria das nosas xentes (estamos en dificultades, que veñan a axudarnos). O actual presidente só ve buratos orzamentarios, atrancos no camiño e carencia de axuda exterior (a culpa de todo é do goberno central). É necesario outro discurso. En vez de instalarnos no lamento e na autocompasión precisamos construir un espazo de confianza que permita defender a alegría polo camiño andado e afrontar o futuro sen temor.
No hay comentarios:
Publicar un comentario