Este mes de agosto vai pasando, placidamente, entre o traballo cotián, algunha tarde de praia, ceas cos amigos e festas familiares. Houbo incendios, como tódolos anos, atascos nas estradas, como de cotío, e chegaron a Galicia milleiros de peregrinos convocados polo Xacobeo. O ruído político é de baixa intensidade e as preocupacións da vida céntranse noutras cuestións.
Vivir nunha cidade con mar ten as súas ventaxas. Podes seguir co traballo en agosto -cando semella que todos os demais están de lecer e case o mundo se para- e baixar, algunha tarde, para camiñar pola beira do mar e bañarte nas augas do Orzán. Tamén se pode pasear pola rúa Real (a mesma que menciona George Borrow, o vendedor de Biblias que, no século XIX, chegou á Coruña e quedou deslumbrado polo esplendor do enlousado) ata a praza de María Pita para tomar un refresco debaixo dos soportais. De cando en vez viaxamos a algunha praia (Perbes, Seselle, Valcobo ou Barrañán), magníficos areais situados en paraxes de singular beleza.
Agosto tamén trae innumerables festas e verbenas por toda a xeografía. Na miña parroquia celébrase o cinco de agosto a Nosa Señora das Neves. Tamén hai festa principal o día quince. Ata hai pouco a verbena organizábase na fermosa carballeira de Covas que, co paso dos anos, foi minguando pola presión do urbanismo. Agora as orquestras montan os seus enormes escenarios transportables no recinto da vella escola, donde eu aprendín a ler e escribir. Na sesión vermú atopámonos os que algún día fomos nenos e xogabamos darredor deste espléndido edificio -levantado a primeiros do século pasado co patrocinio da Unión Barcalesa da Habana-, lembramos os tempos pasados e recoñecemos, nos nosos rostros, a pegada do paso do tempo.
A festa familiar ten sempre o mesmo guión. Repítese o menú ano tras ano, sentámonos cadaquén no sitio acostumado, e os avós octoxenarios expresan a súa alegría por xuntarnos darredor da mesa. Despídennos sempre coa mesma reflexión: "A ver se o ano que vén estamos todos aquí para celebralo". Ao longo do ano hai outras reunións familiares, máis estas teñen para eles un especial significado simbólico: é a celebración da vida, da posibilidade de seguir vendo medrar aos netos, de asistir á continuidade das xeracións. Pronto chegará setembro, co seu propio ritmo e con outras tarefas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario