Connor McCreaddie con oito anos xa pesaba 90 quilos. Hai un par de anos os medios de comunicación de todo o mundo fixéronse eco do drama deste neno e da súa familia. O rapaz pasaba os días sentado diante do ordenador e da TV e tragando comida lixo. Sen chegar a unha situación tan extrema o certo é que a obesidade mórbida ameaza, no mundo occidental, cada vez a máis persoas e a idades máis precoces.
¡Que triste paradoxo o deste noso mundo! Dous terzos da poboación sofren de fame e miseria mentres o mundo rico tenta fuxir das doenzas provocadas pola opulencia. No noso contorno a obesidade representa un serio problema que condiciona a aparición doutros moitos, que mingua a nosa calidade de vida e ameaza a nosa lonxevidade. A obesidade non é unha cuestión estética. Pero arredor do sobrepeso ergueuse unha complexa trama económica que persegue o mito da delgadez. Temos que dicilo ben claro: ter dous ou tres quilos de máis non debe preocupar. Pero cando se sobrepasan certos niveis a obesidade é un problema de saúde que, á súa vez, provoca complicacións: hipertensión, diabete, colesterol, artrose, así como doenzas do corazón e das arterias. Cando cómpre baixar de peso non se pode facer en dous días. A batalla contra da obesidade require unha abordaxe a longo prazo e a modificación dos nosos hábitos. O sedentarismo, as présas da vida actual, o estrés e a ansiedade poden favorecer a inxesta excesiva. Pero se un está estresado, na vez de desfogarse coa comida ou co alcol, é mellor facer deporte. O exercicio eleva o nivel de endorfinas e mellora o benestar físico e psicolóxico. Ademais, queima calorías, porque, a fin de contas, o que temos que facer para controlar o peso ten certa similitude cunha conta corrente: se ingresas máis calorías das que gastas, aumenta o saldo.
Moitas persoas buscan remedio nas dietas milagreiras: ningunha delas ten unha base científica sólida, algunhas presentan riscos para a saúde e, ademais, a grande maioría das persoas que perden peso deste xeito recupérano en pouco tempo. Reducir as calorías e aumentar o exercicio: non hai máis segredos para ter o peso controlado. Máis, para iso, temos que asumir a responsabilidade sobre o noso corpo. Se asumimos o control poderemos "rachar a dinámica que leva de non facer nada a gañar peso e de gañar peso a non facer nada" (Valentín Fuster).
No hay comentarios:
Publicar un comentario