Conta a Biblia que o Faraón tivo un soño inquietante: sete vacas gordas eran devoradas por sete vacas fracas.
Xosé, fillo de Xacob, explicoulle que as vacas gordas simbolizaban sete anos de abundancia e prosperidade, mentres que as vacas fracas representaban a escasez e a penuria que virían durante outros sete anos.
Recomendoulle ao Faraón que durante os anos de abundancia debía encher os silos para ter reserva de alimentos nos anos malos. Foi a primeira lección de economía.
E as vacas fracas chegaron. Víase vir, pero ninguén fixo nada. A crise económica vén de lonxe e ten moitos responsables. Os banqueiros que agora usan diñeiro público para evitar a quebra financeira, as axencias de cualificación que non controlaban nada e se deixaban subornar, os tiburóns das bolsas que especulaban para amasar fortunas sen reparar nas consecuencias, os gobernos que asistiron impasibles á montaxe desta gran fraude e non a detiveron, e as persoas que vivían por enriba das posibilidades e solicitaron hipotecas que nunca poderían liquidar. Todos actuaron con absoluta impunidade. Procederon os bancos e as axencias de forma discrecional e frívola, cometéronse numerosos delitos que quedaron sen castigo. Despois algúns banqueiros deixaron o posto cunha xenerosa xubilación e hai brokers que presumen das súas feitorías. Nos EEUU falan do comunismo ao revés: o uso de diñeiro público para rescatar os financeiros, os bancos e a aristocracia de Wall Stret.
A situación en España é aínda máis delicada. Nos anos noventa Aznar alentou a especulación inmobiliaria (economía do ladrillo) e privatizou as principais empresas públicas nunha operación audaz e fraudulenta. Entregou Telefónica, Endesa, Argentaria, Tabacalera e Repsol a cinco homes da súa confianza (Villalonga, Martín Villa, Francisco González, Alierta e Cortina). As empresas saíron a Bolsa, pero os cinco amigos seguiron á súa fronte. Jesús Mota di que "o termo expropiación non é unha metáfora: é real". ZP cometeu erros, por imprudencia e frivolidade, pero este home tiña por obxectivo reducir o Estado á súa mínima expresión.
Agora o Estado é máis pobre. Para afrontar a época das "vacas fracas" ten que baixar o salario dos funcionarios. Pero o ex presidente afirma en público que el ten a solución para a crise. Xa o vexo vir: seguir vendendo o Estado e decretar o despedimento libre. Axudando, como sempre: ante o precipicio, un empurrón.
No hay comentarios:
Publicar un comentario