Todos os anos, nos meses máis duros do inverno, hai fortes nevaradas que deixan illadas algunhas aldeas da alta montaña e que impiden a circulación dos vehículos en certos puntos da xeografía. As predicións meteorolóxicas son cada vez máis precisas e sempre se producen alertas á poboación nos días previos. Pese a todo, a miúdo quedan centenares de coches atrapados na tormenta e nos medios de comunicación asoman voces iradas que sinalan, co seu dedo acusador, ás autoridades públicas. Todas as fins de semana hai, nas estradas galegas, terribles accidentes provocados por mozos que conducen de maneira temeraria poñendo en grave risco as súas vidas e a dos demais condutores. Eu almorzo tódolos luns vendo, nas portadas dos xornais, as fotografías dos vehículos convertidos en chatarra e lendo os comentarios críticos sobre a falta de educación vial e de seguridade nas estradas. Pero aínda así, as pensións das avoas do rural seguen a utilizarse para mercar motos potentes e coches de alta cilindrada a rapaces desarraigados que utilizan a noite dos venres e sábados para abusar das drogas e do alcol e conducir despois, a gran velocidade, cara á súa propia desgraza.
Porque a reponsabilidade destes sucesos non está só no territorio da política. Existen intereses sociais e económicos que promoven certos valores e impulsan determinados estilos de vida: a exposición innecesaria ao risco, o amor pola velocidade, a busca permanente da transgresión, a negación dos límites. Pero en último termo está a responsabilidade individual. A nosa vida desenvólvese nun escenario determinado que nos vén dado, e a presenza do azar, igual que nas novelas de Paul Auster, determina en boa medida o que sucede coa nosa existencia. Pero unha gran parte do que nos sucede é produto da nosa propia conduta, da nosa interacción co mundo e cos demais.
Na última semana ocorreu unha tremenda desgraza en Castelldefels. Decenas de persoas foron arrolladas por un tren de alta velocidade cando cruzaban a vía férrea en plena noite para acudir á celebración do San Xoán. O que debía ser unha festa acabou en escena dantesca, en terrible traxedia. A falta de percepción do risco, a transgresión da norma e a conduta gregaria da xente levou a que, en lugar de usar o paso subterráneo, moitos optasen por cruzaren temerariamente as vías sen decatarse do perigo ao que se expoñían.
No hay comentarios:
Publicar un comentario