A sanidade pública en Galicia está estruturada en dous niveis asistenciais: Atención Primaria (AP) e Atención Especializada (AE). A fortaleza deste esquema é evidente: a nosa sanidade figura entre as máis eficientes e equitativas do mundo. Os estudos concordan: ao comparar 12 países occidentais industrializados demóstrase que aqueles máis orientados á AP presentan mellores graos de saúde e menores custos. A AP é recoñecida, cada vez máis, como un compoñente fundamental dos sistemas sanitarios: "un sistema sanitario forte precisa unha AP forte" (B. Starfield). Baseado nestas evidencias o anterior goberno de Galicia apostou polo impulso da AP: desde o primeiro momento procurou a potenciación deste nivel asistencial, que se plasmou na sinatura do Plan de Mellora da AP, co obxectivo de promover a calidade da atención, aumentar a carteira de servizos e incrementar a capacidade de resolución.
De 2005 a 2009 fíxose un enorme esforzo para potenciar os Centros de Saúde. Coa chegada do goberno do PP este impulso cesou de repente. Non se creou ningunha praza das previstas no Plan de Mellora, non se incrementou a carteira de servizos nin a dotación dos centros. Pola contra, os recursos adicados á AP vense reducidos por primeira vez na historia da autonomía: a participación da AP no orzamento sanitario total de Galicia descendeu do 13,1% en 2009 ao 11,4% no 2010.
A AP galega está ameazada. O cesamento do Plan de Mellora e a redución de orzamento complétase coa proposta de Xerencia Única que xa se expuxo no Consello da Xunta, e que pretenden implantar en breve prazo na Coruña e en Santiago.
Deste xeito a AP pasa a ser un apéndice dos hospitais. Non hai ningunha experiencia documentada que amose que este modelo de xestión mellore o actual. ¿Por que insistir, polo tanto, nesta proposta? Porque esta polémica non é nova: no 2004, antes de perder as eleccións, o PP xa expuxo o mesmo que agora. O seguinte paso é propoñer a autoxestión nos Centros de Saúde e a contratación externa destes servizos. A dereita, cando chega ao poder, ten moi claro cal é o seu obxectivo: xerar, cos orzamentos públicos, espazos de negocio. Non se pretende mellorar o público senón procurar o beneficio particular.
Non se trata dunha proposta técnica. Non é unha medida de xestión. Trátase dunha estratexia para introducir o interese privado na sanidade pública. O actual presidente ten experiencia: é un experto privatizador (Correos) e foi o impulsor en Galicia das fundacións sanitarias (outro experimento de xestión que rematou en quebra técnica). Máis, ante esta ameaza evidente: ¿onde están as forzas sindicais, tan belixerantes co goberno de progreso? ¿que están a facer os partidos da oposición?
No hay comentarios:
Publicar un comentario