Vivimos nunha sociedade obsesionada polo triunfo, pola exaltación do campión. Escóitase, como unha máxima filosófica irrefutable, que o segundo é o primeiro dos vencidos. Semella que só serve ser primeiro e que, para conseguilo, son admisibles todos os medios. O diñeiro, o poder e a derrota do contrario son os obxectivos para acadar. Os medios de comunicación e, sobre todo, a televisión, contribúen a xerar este estado de opinión: hai numerosos programas nos que o afán por triunfar se converte nunha obsesión insá.
O mundo do deporte é paradigmático. A pasada temporada o Barça, cun xogo exquisito pero arriscado, acadou o máximo: o primeiro posto en todas as competicións. Agora, co mesmo fútbol estético e da máxima calidade, só ten posibilidades de ser campión de Liga. Os que loaban as excelencias de Guardiola e do seu grupo hoxe celebran o rigor táctico de Mourinho, ese adestrador maleducado e amarrado que conseguiu eliminar o contrario a base de raposería e dun intenso esforzo na destrución: o contrario do que debe buscar calquera traballo, e máis nun espectáculo seguido por millóns de persoas, que non é outra cousa que a excelencia.
Tamén na política semella que só serve o triunfo e que, para acadalo, vale todo. Nos últimos comicios de Galicia o PP, contra prognóstico e despois dunha campaña ruín, mesquiña e porca, gañou o poder.
Agora non sabe que facer con el, e está instalado nunha parálise institucional que lle impide facer fronte aos problemas da sociedade galega. Mentres, os outros partidos, estragados pola derrota, lamben as feridas e non son quen de construír unha oposición firme e contundente. Moitas veces a distancia entre o triunfo e a derrota é un instante (match point), a presenza do azar ou o capricho do destino. Se nos centramos no resultado final máis ca no camiño percorrido estaremos abocados á frustración. Por iso quizais debemos cambiar de paradigma. Cómpre poñer en valor a dignidade do labor ben feito, o traballo do artesán que só busca a recompensa da obra rematada, do corredor de fondo que compite consigo mesmo coas miras en chegar á meta sen considerar a posición, do traballador que se empeña en facer o labor da mellor maneira, sabendo que ese é o modo de mellorar o mundo. Esas son as actitudes que precisamos neste tempo incerto, lonxe da exhibición impúdica e da vaidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario