Se vostede é diabético nos EEUU vaino ter difícil para conseguir un seguro sanitario: esta doenza aumenta a posibilidade de complicacións e as compañías porán mil trabas para contratar unha póliza. Se vostede é pobre e ten unha insuficiencia renal crónica o máis probable é que non poida acceder á diálise e moito menos a un trasplante de ril. Pero aínda hai máis: se vostede perde o traballo o máis certo é que quede sen cobertura sanitaria xunto coa súa familia, desprotexidos todos ante os problemas de saúde. Arredor de 45 millóns de norteamericanos non dispoñen de cobertura sanitaria. A aparición dunha doenza representa un quebranto definitivo para a vida e a economía destas persoas, que poden chegar á ruína por facerlle fronte. Resulta triste e sorprendente que o país máis rico e poderoso do mundo non dispoña de mecanismos eficaces para ter protexidos os seus cidadáns fronte á dor e á enfermidade, algo que na maioría dos países de Europa consideramos coma un dereito.
Por iso a reforma sanitaria que o pasado 21 de marzo aprobou a Cámara de Representantes será, posiblemente, o maior triunfo da política interior do presidente Obama, pois garante (no horizonte do 2014) a cobertura sanitaria para uns 30 millóns de americanos. Quedarán aínda sen protección 15 millóns de persoas, na súa grande maioría inmigrantes irregulares. "Hoxe, case un século despois do primeiro intento; hoxe, despois dun ano de debate; hoxe, despois de cadrar todas as votacións; hoxe, a reforma do seguro de saúde convértese en lei nos EEUU", dixo exultante Obama tras acadar o acordo. O seu vicepresidente, Joe Biden, foi aínda máis expresivo: "Fucking big". A pesar da campaña do medo impulsada pola dereita republicana, que chegou a identificar a Obama con Hitler no seu intento de frear a reforma, o triunfo de Obama é incuestionable.
Según a OCDE o gasto sanitario como porcentaxe do PIB para EEUU é do 16%, mentres que o de España é de 8,5%. Os indicadores de saúde sitúan aos Estados Unidos nunha mala posición, máis España está entre os dez países con mellores índices. Debemos concluír, polo tanto, que o modelo liberal en sanidade non é eficiente, xa que EEUU é o país que emprega unha maior porcentaxe do PIB en servizos sanitarios e acada uns resultados escandalosamente pobres, situándose entre os do Terceiro Mundo.
Somos afortunados. En materia sanitaria representamos un exemplo para EEUU. Temos unha sanidade pública eficiente, de cobertura universal e atención gratuíta, e cunha calidade incuestionable. Cómpre defendela fronte ás políticas neoliberais (Madrid, Valencia, Galicia) que só pretenden crear espazos de negocio cos orzamentos públicos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario