Moitos autores teñen alertado, nos últimos anos, sobre a crecente medicalización da nosa vida (Ivan Illich) e os excesos da prevención (Skrabanek). Semella que, no mundo occidental, o progreso da medicina levou a un punto en que se pode abolir a dor, erradicar a enfermidade e prolongar indefinidamente a vida mediante a utilización dos servizos sanitarios e o consumo de fármacos. Chegouse á crenza de que é posible acadar o benestar perfecto e mesmo burlar a morte.
E non é así. A vida humana ten límites e a práctica da medicina tamén os ten. Os sanitarios somos unha profesión de axuda, e o noso obxectivo é apoiar a xente para vivir máis e mellor, máis estamos moi lon- xe de acadar a omnipotencia. Pero a actividade sanitaria ten tamén unha enorme importancia económica e percíbense cada vez máis as presións da industria farmacéutica e de grupos profesionais para "hipertrofiar" as intervencións sobre a saúde das persoas e dos colectivos humanos. A persecución da seguridade en relación coa saúde e a baixa tolerencia ao malestar fai que moitas persoas teñan hoxe en día unha boa "saúde hipocondríaca": uns parámetros biolóxicos perfectos acompañados da angustia permanente polo medo a enfermar.
As estratexias usadas polos lobbies para xerar alarmas en relación coa saúde son moi diversas. Unha das máis usadas é a esaxeración dos riscos. O mal das vacas tolas e a gripe aviar xeraron situacións de pánico global hai poucos anos. O paso do tempo veu amosar que os riscos para a saúde humana eran, por fortuna, ben inferiores ao que se vaticinaba.
É ben recente o caso da gripe A, que provocou pánico colectivo despois da súa aparición en México en marzo de 2009. A OMS puxo en alerta a tódolos gobernos do mundo ante a pandemia que se aveciñaba. Cando o virus comezou a circular polo cono sur deseguida se soubo que se trataba dun virus máis benigno que o da gripe estacional. A pesar diso non se modificou o estado de alerta mundial, producíronse situacións de pánico colectivo, realizáronse actuacións sanitarias innecesarias e custosas e os gobernos gastaron parte dos seus orzamentos na adquisición de antivirais e vacinas que agora deben ser destruídas. Os laboratorios fabricantes acadaron enormes ingresos. Hoxe sabemos que algúns asesores da OMS, que alimentaron o pánico, tiñan evidentes conflitos de intereses pois recibían tamén remuneración desas empresas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario