Galicia é terra de grandes escritores e, sobre todo, de excelentes poetas. Entre estes destaca de xeito especial, ao meu ver, Xulio L. Valcárcel. Este home cordial posúe, ademais, o don da palabra exacta, a que serve para nomear o esencial, o que importa realmente nesta vida: o amor, a morte, as ausencias, a infancia perdida, a vida que pasa. Os títulos dos seus libros reflicten os seus centros de interese: Véspera do día, Memoria de agosto, Casa última, A melancolía dos corpos...
Xulio non se adorna, non rebusca no dicionario verbas ampulosas nin elabora metáforas escuras; pola contra, deixa os seus versos limpos de toda retórica innecesaria, plenos de emoción auténtica e transparentes como as augas do río. Luciano Rodríguez escribiu sobre a poesía de Xulio e destacou "a música das palabras que nos falan en voz baixa, máis que callan no ser, deixando unha marca indeleble". Ramiro Fonte deixou escrito que "os versos que necesitamos revelan parcelas de vida ou non revelan nada". Desa clase son os poemas de Xulio Valcárcel.
Coñecín ao poeta hai uns anos por mediación de Fernán Vello. Aceptou escribir o prólogo dun libro meu de relatos e acompañoume na presentación pública do mesmo. Comparto plenamente a afirmación de Darío X. Cabana: "Xulio é unha boísima persoa, un home cariñoso e tenro que suscita en nós un desexo irrefreable de sérmolo tamén".
Teño certa proximidade persoal con este autor pois na miña biografía hai alguns paralelismos coa súa vida: os dous procedemos do rural, estudamos en Santiago, vivimos no mesmo barrio na cidade da Coruña, sentimos paixón pola literatura e unha grande afección polo fútbol (el foi moitos anos tertuliano deportivo en Radio Coruña). Aquí acaban as semellanzas: Xulio é un poeta enorme, de proxección planetaria, que está xa na historia da literatura galega como figura principal. É, ademais, un home sinxelo, que nunca esqueceu as súas orixes e non renunciou ás conviccións importantes da vida.
Entre os seus libros sinto predilección por Casa última. Desta obra escribiu Dario X. Cabana: "Non é realmente un libro senón un mundo perdido, un río de innumerables sensacións que cunha saudade turbadora nos pon o corazón en carne viva". Nestes poemas recorda a casa onde naceu e aprendeu a vivir. Recorda olores, sons e ausencias. Fala dun mundo antigo que o axudou a ser o home que agora é: unha boa persoa e un poeta extraordinario..
Xulio L. Valcárcel escribeu (en Memoria de agosto) un dos poemas de amor máis intensos e emotivos das nosas letras:
Se envellecemos xuntos
Brezos (Óleo, 2004) Albeos |
(…) Máis, se envellecemos xuntos,
se desandamos o vieiro da vida
paso a paso,
mirarei nos teus ollos
o esvarar do tempo
inorde como un barco.
Se envellecemos xuntos
e desfago a madeixa dos meus días
ao teu lado
fareime confidente
do teu camiño sen pegadas
do teu canto e do teu ánimo. (...)
No seu libro Casa última recorda os olores da infancia:
(..) A chuvia, que sempre ole a pasado,
o alcanfor dos armarios,
o olor viciado das alcobas,
e o olor a limpo do limón.
O recendo do aceite e das cebolas
e o recendo a fume dos chourizos.
O olor a tabaco e a colonia,
o recendo a brandi das madeiras...
Moitos son os recendos que a memoria devolve.
Tamén hai certos sons que lle fan lembrar tempos pasados:
Escoito os ruídos,
o alarido do vento
aferrándose ás xanelas
na invernía,
a chuvia que pinga
en gotas gordas do tellado. (...).
Recorda a seu pai de neno, nunha fotografía:
Aquel neno vestido de mariño,
pantalóns polos xeonllos,
calcetíns brancos e zapatos negros,
mirábame fixamente, apretando
un libro contra o peito.
“É teu pai de primeira comuñón...”.
E recorda ao pai, vencido pola doenza:
Atardecer no río (Óleo, 2002) Albeos |
Ver ao pai
dobrado sobre sí,
a cabeza contra o peito
reclinada.
Ver ao pai,
antes forte e alegre,
resistindo,
resignado.
Ver ao pai
tendendo pontes
de comunicación
e confluencia,
a súa loita,
a súa dignidade insobornable.
Ver ao pai,
adurmiñado, ido,
vencidas as defensas,
claudicando.
Ver ao pai
que foi novo e temido,
agora enfermo e vello.
Derrotado.
Concordo coa túa valoración do extraordinario poeta Xulio L. Valcárcel.
ResponderEliminarAproveito, amais, para te felicitar polo estupendo blog.
Saúdos cordiais