Comecei de neno, con pelotas de trapo e papel feitas por nós mesmos, tentando caneos darredor dos carballos no campo da festa de Ceilán. A miña carreira deportiva tivo continuidade no Negreira, onde compartin vestiario con Fernando Vázquez quen, andando o tempo, chegaría a ser un prestixioso adestrador. Aos dezaseis xogaba xa cos maiores, ainda que máis ben quentaba o banquiño. Lembro os pés magoados por aquelas botas destrozadas. Recordo o peso enorme daquel balón, enchoupado pola choiva: pegáballe con todas as miñas forzas e só lograba desplazalo uns poucos metros. Había, por suposto, defensas rudos naquela Liga da Costa dos anos setenta, que te avisaban con cortesía: “Rapaz, como tentes pasar por aquí pártoche as pernas”. Eu procuraba cambiar de banda. Aos dezaoito xa era unha “vella gloria”: deixei o equipo cando marchei estudiar Medicina. Daquela a viaxe de Negreira a Santiago, que hoxe se fai en quince minutos, era unha eternidade.
Pero nunca deixei o fútbol. Alí donde me levou a vida sempre busquei un grupo para compartir a afección. Desde que estou en Coruña practico, sobre todo, o fútbol-sala. Cos meus amigos do “Sobre Rodas” chegamos a gañar, no 2002, a Copa do Concello de Cambre. Pero os anos pasan e a media de idade do equipo chegou a ser bastante elevada. O responsable do pavillón, amigo noso, canso de nos ver perder partido tras partido díxonos un día: “E logo non será mellor que vaiades buscando un torneo de veteranos, para xogar con outros do voso tempo. Eu dígoo polo voso ben”...
Así pois, levo xogando ao fútbol toda a vida, pero poucas veces estiven nun equipo gañador. Este ano comecei a xogar a fútbol-7 nos campos de Acea da Ma, en Culleredo. Pois ben, quero compartir convosco a miña ledicia e o meu asombro. Veño de facer doblete, cos compañeiros do equipo Materno-Infantil: gañamos liga e copa no Torneo de Fútbol-7 da Área Sanitaria de A Coruña, na que participaron dez equipos de gran solvencia dos distintos centros públicos e privados da cidade. “O Materno consigue un doblete histórico”, titulou Alberto López a súa magnífica crónica. Aquí tendes a foto dos campións (juapos, juapos..), nesta imaxe para a posteridade. Quen me ía decir a mín que conseguiría os maiores logros deportivos nesta idade provecta. Pois que tome nota José Luis Oltra: de precisar reforzos, estamos dispostos a negociar.
No neu Muro de Facebook, onde coloquei o enlace estás recibindo moitas felicitacións.Aquí queda a miña cunha aperta , Campeón.
ResponderEliminarNunca é tarde para celebrar o éxito aínda que seña como veterano.
ResponderEliminarNoraboa.
Quin