lunes, 23 de mayo de 2011

"Solsticio"

http://www.galiciahoxe.com/opinion/gh/solsticio/idEdicion-2011-05-23/idNoticia-671688/


O ruído: Nestes días pasados houbo moito ruído nas rúas da miña cidade. A actualidade deportiva e política xeran moito balbordo. Cando isto se publique xa estarán aclaradas algunhas incertezas. Pero neste sábado de reflexión, envoltos pola neboa deitada sobre o mar, aínda non sabemos se haberá salvación para o Dépor, non coñecemos quen gobernará os próximos anos nas vilas e cidades de Galicia, e non albiscamos se as acampadas da indignación van ser mobilizacións con data de caducidade ou se farán xermolar algún movemento para a rexeneración da vida pública. Porque para construír o futuro é preciso algo máis que un cabreo colectivo. Hai que elaborar un discurso que explique a realidade, ben complexa, e terá que haber un traballo continuado no tempo para conseguir melloras sociais. 

A música: Para fuxir deste alboroto nas rúas estiven algunha tarde dedicado á lectura e a escoitar Solsticio, o último traballo de Luar na Lubre. Representa o disco número doce dunha carreira profesional de 25 anos. Comezaron como grupo instrumental, na liña de Gwendal e The Chieftains. Un encontro fortuíto con Mike Oldfield, a quen acompañaron nunha xira no 1999, deunos a coñecer no mundo, chegando a ser o grupo folk galego de maior proxección internacional. Resulta admirable a súa continuidade, nun espazo musical tan pouco desenvolvido como o galego ("Somos moi teimudos", dixo Bieito Romero). Despois de cinco lustros, seguen a elaborar unha música de raíz popular que converten, con maestría e paciencia artesanal, en arte de primeiro nivel. 

Luar na Lubre é un dos mellores grupos musicais da Península. As verbas que mellor definen a súa traxectoria son honestidade e perseverancia. Amosan en todo momento un grande respecto ás súas raíces, elaboran os temas coa minuciosidade do ourive e son excelentes instrumentistas. De todos eles só coñezo a Pedro Valero. Tratei moito a seu pai, un comunista dos de antes: austero, elegante, fumador empedernido e conversador infatigable. Pedro hai vinte anos peiteaba unha longa cabeleira, andaba con chupas de coiro e cintos claveteados. Esta indumentaria heavy non lograba agochar o que é: un home bondadoso e un magnífico guitarrista. Neste último traballo Luar na Lubre mestura pezas tradicionais con música medieval e composicións propias creando un conxunto amable e harmonioso. Escoitando estes temas entendes que, por enriba de certas mesquindades da vida pública, existe a armonía e a beleza. Chegas a crer que outro mundo, mellor, é posible.. 



No hay comentarios:

Publicar un comentario