http://galiciaconfidencial.com/nova/8150.html
Acaba de desaparecer Galicia Hoxe (GH) o único diario en galego que se publicaba neste país. Desde 2003 editáronse perto de 3000 números ata que a crise e “o radical recorte das axudas institucionais converten en inviable este proxecto”. Esta nova, temida desde hai algún tempo, produce un grande desconcerto e unha profunda dor.
Acaba de desaparecer Galicia Hoxe (GH) o único diario en galego que se publicaba neste país. Desde 2003 editáronse perto de 3000 números ata que a crise e “o radical recorte das axudas institucionais converten en inviable este proxecto”. Esta nova, temida desde hai algún tempo, produce un grande desconcerto e unha profunda dor.
Doen, en primeiro lugar, os traballadores que viñan desenvolvendo un labor noble e necesario para o país e que agora quedan na rúa. Comparto a pena que hoxe sinte Caetano Díaz, o seu director -un bo amigo desde tempos remotos, cando os dous éramos novos, felices e indocumentados-, que adicou algúns dos mellores anos da súa traxectoria profesional a este proxecto que agora fenece. Tamén participo do seu anoxo cando sinala ao actual presidente da Xunta como principal responsable do deceso: “Coa chegada a Monte Pío do ´señor das tesoiras` no GH comezamos a escribir a crónica dunha morte anunciada”.
Sinto mágoa porque desaparece un medio de comunicación aberto e plural, un punto de encontro que acollía como casa común a xente moi diversa, con discursos mesmo contrapostos que convivían nestas páxinas en discrepante harmonía. Tiven a fortuna de colaborar tanto en O Correo Galego como en GH e sempre dispuxen de absoluta liberdade para expresar as miñas ideas sen ningunha restricción.
Produce desesperanza ver como a sociedade galega deixa esmorecer ata a súa desaparición o único xornal editado na lingua propia, sen que se produza unha reacción colectiva que permita garantir a súa pervivencia. Esta perda ten un profundo significado simbólico. E non é a primeira publicación escrita en galego que desaparece; antes pecharon Vieiros, A Nosa Terra, A Peneira… Estas ausencias representan un serio revés para a pluralidade informativa, para a saúde democrática e para o futuro do galego.
Causa estupor observar a actuación dos actuais gobernantes, que amosan unha belixerancia activa contra do idioma e dos medios de comunicación que o utilizan. Algo estamos a facer mal neste país para que ocupe o poder un grupo marcadamente antigalego, instalado no autoodio e no desprezo ao que nos é máis propio. Na vez de situar a defensa e promoción da lingua como unha prioridade social, de entender que o idioma é un dos principais patrimonios dun pobo e da Humanidade, -que debe ser protexido e potenciado desde os poderes públicos-, están a facer todo o contrario: na vida política, no contorno educativo, no mundo editorial e nos medios de comunicación están a desenvolver medidas restritivas que condenan á nosa cultura á morte por asfixia. O señor Núñez Feijóo poderá quedar na Historia como o presidente que actuou deliberadamente desde o poder para aniquilar a cultura e o idioma propio deste país.
No hay comentarios:
Publicar un comentario