viernes, 15 de julio de 2011

Catálogo: o que importa é a propaganda

http://galiciaconfidencial.com/nova/8230.html

Vaia por diante unha afirmación rotunda: emprego moito os medicamentos xenéricos na consulta e defendo a diario diante dos pacientes a eficacia e seguridade dos mesmos. Nos anos noventa eu escribía artigos e falaba en público a favor destes fármacos, pero Feijóo (alto cargo na Consellería de Romay) non facía nada por promover o seu uso. Galicia foi sempre a comunidade con menor consumo de xenéricos. Mentras noutras autonomías impulsaban proxectos nese sentido, aquí os sucesivos conselleiros do PP non fixeron nada. Foi o goberno de progreso o que informatizou as consultas, implantou a historia clínica informatica (Ianus) e a receita electrónica, elementos clave para racionalizar o uso dos medicamentos (ferramentas xa utilizadas con éxito noutras comunidades, que non precisaron vulnerar a legalidade nin retar ao goberno central para procurar os seus obxectivos).

Despois de anos de desatención o PP local, agora gobernante, dibuxa un escenario catastrofista, anuncia que o gasto en farmacia pon en risco a sostibilidade do sistema sanitario e saca da manga un Catálogo Priorizado de Productos Farmacéuticos. Aplicouno desde primeiros de ano, sen escoitar as advertencias do Ministerio sobre a invasión de competencias. Esquecen que os gobernantes tamén teñen que respectar as leis e as regras do xogo democrático. Non se cuestiona o obxectivo desta medida, pero sí o procedemento. Impoñer este catálogo restritivo de xeito unilateral só se entende como un xogo desleal de política partidaria que pretende, sobre todo, xenerar problemas co goberno central e procurar o rédito electoral.

De non presentar recurso de inconstitucionalidade o Ministerio estaría admitindo unha norma que xera desequilibrios entre as distintas comunidades (tampouco é bo que existan 17 catálogos diferentes, como sucede co caos do calendario vacinal infantil). Ao recurrir, o Ministerio defende a legalidade vixente, pero é acusado de cómplice da industria farmacéutica. En calquera caso, nesta xogada de xadrez, o PP vese gañador, e tenta aparecer como defensor da racionalidade contra dos “intereses escuros” do goberno de Madrid. Esa é, polo menos, a versión que divulgan os propios interesados coa colaboración entusiasta de La Voz de Galicia, que ten adicado a este tema varias portadas. 

Nestes días pasados o citado xornal celebraba o levantamento da suspensión cautelar que o Tribunal Constitucional (TC) dictara sobre a aplicación do catálogo, e valoraba esta decisión como un triunfo definitivo da Consellería. Máis a victoria non é tal: cesa a suspensión cautelar da norma pero o recurso sigue o seu trámite e pode que, no seu día, o TC decrete a inconstitucionalidade da mesma. En resumo: 

-A Consellería impón desde xaneiro un catálogo restritivo (non priorizado) que exclúe da financiación pública, só en Galicia, determinadas marcas de medicamentos.
-O Ministerio entende que se invaden competencias estatais e recurre ante o TC.
-Este tribunal acepta o recurso e establece a suspensión cautelar do catálogo.
-Esta suspensión cautelar non foi acatada: o aplicativo informático nunca foi desactivado. A Consellería non respectou a decisión do TC.
-Este tribunal, diante da reclamación da Consellería, anula a suspensión cautelar, pero non o recurso, que sigue adiante.
-Ademáis deste, a Consellería terá que enfrontarse a outros tres recursos presentados ante o TSXG contra do catálogo.
Toda esta cerimonia da confusión está deseñada básicamente como un elemento de propaganda. Trátase dun xogo frívolo e irresponsable iniciado polos actuais gobernantes de Galicia e que persigue o deterioro do goberno central. Ese é o obxectivo oculto de todo este monumental enredo. O aforro en fármacos é, neste caso, un obxectivo secundario. En todo caso sempre debería ser perseguido sen vulnerar as leis nin provocar conflictos entre as distintas administracións do Estado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario