En Praza Pública
En Galicia Confidencial
![]() |
Praia Langosteira (Fisterra) |
Galicia é un territorio
periférico (o Finis Terrae) e a súa poboación vive dispersa en aldeas, vilas e
cidades pequenas. A chegada de persoas alleas é escasa (se pechamos o Camiño de
Santiago) e non temos un aeroporto internacional con excesivo tránsito de
estranxeiros. Esta situación tivo, nesta epidemia do coronavirus, un efecto
protector. Neste caso foron as
condicións propias da nosa xeografía as que nos protexeron.
A pandemia tivo unha
escasa repercusión en Galicia. Os estudos realizados indican que arredor do un por
cento da poboación tivo contacto co virus. O confinamento foi eficaz e permitiu
diminuir o número de contaxios. A día de hoxe morreron por esta causa pouco
máis de 600 persoas. É un drama, pero menor que noutras partes do Estado. Ainda
podería ter menos impacto se non se deran condicións previas que facilitaron a
penetración explosiva do coronavirus en dous espazos moi determinados: nos
Servizos Sanitarios e nas Residencias de Maiores. A sanidade pública galega
foi desmantelada desde a chegada ao poder de Núñez Feijóo en 2009. Os recortes
aplicados e as privatizacións deixaron o servizo público moi debilitado e con
escasa capacidade de resposta ante a pandemia. Moitos profesionais foron
afectados por carecer da necesaria protección. A falta de medios provocou un
risco real de colapso do sistema.
Todas as mortes producen
dor, pero nesta pandemia produciuse unha altísima mortandade nas Residencia de
Maiores, en situacións de soedade e abandono, que as fai especialmente
dolorosas.A día de hoxe houbo en España 18.600 mortos en centros xeriátricos
por causa do Covid-19, a maioría en Madrid, Catalunya e nas dúas Castelas. É un
auténtico drama, irreparable, que ten moito que ver coas privatizacións
realizadas nos últimos anos, que converteron estas institucións en negocios que
cotizan en bolsa (en mans de fondos voitre e de Florentino Pérez). A prestación
do servizo estaba baseada en conseguir o máximo beneficio mediante o recorte de
medios, de persoal e a precarización da atención. Neste momento non puideron
frear a traxedia. E houbo hospitais que deron orden para non ingresar pacientes dos xeriátricos afectados polo Covid.
En Galicia faleceron nas
residencias 270 persoas e houbo tamén coidadores afectados. Eso significa o 45%
do total de mortos en Galicia. De non ser por esta altísima afectación das
institucións xeriátricas o número de defuncións polo coronavirus sería pouco
máis de trescentos, o que significaría un impacto menor do Covid-19 na
nosa Comunidade. As políticas aplicadas nos anos anteriores teñen moito que ver
coa precariedade actual das residencias.

Así pois, os recortes e
privatizacións realizados na última década en sanidade, e a entrega das Residencias
de Maiores a mans privadas e amigas, son os antecedentes necesarios para que
esta epidemia provocase unha mortalidade tan elevada neses entornos. As
políticas de recortes e "austeridade" foron impostas polo PP desde o
goberno central, e aplicadas aquí por Núñez Feijóo de maneira implacable. Agora
quere aparecer, neste momento preelectoral, como o heroe que freou a pandemia.
Pero as súas actuacións previas contribuiron máis ben ao contrario. As familias afectadas xa acudiron ao xuzgado.
A ver se a xustiza non tarda en actuar.