Entrevista (II):
Marciano Sánchez-Bayle: fundador da Asociación para a Defensa da Sanidade Pública
A Marea Branca, un exemplo a seguir
-En Madrid, ante as propostas privatizadoras do Partido Popular,
produciuse un movemento profesional e cidadán, a Marea Branca, que logrou frear
estas propostas. Na súa opinión: Cales foron os elementos principais para que
se producise esta potente movilización? Que ensinanza se pode sacar desta experiencia para aplicar noutros
lugares?
Contar brevemente un proceso de
varios anos e de tanta diversidade como a Marea Branca é complicado, pero
intentando resumir moito direi que as movilizacións xurdiron como resposta ao
chamado “Plan de sustentabilidade” que a Comunidade de Madrid intentou impoñer
en novembro de 2012. O rexeitamento masivo viuse facilitado porque abordaba
case todo o sistema sanitario, porque os profesionais xa estaban moi castigados
polos recortes e porque intentaron impoñelo sen ningún tipo de diálogo e no medio
de continuas descalificacións (de feito Lasquetty e Gonzalez foron uns dos
principais instigadores da contestación). O PP en Madrid, que xa levaba 11 anos
privatizando de xeito progresivo, paso a paso, con moi pouca resposta,
sobrevalorou a súa capacidade e pensou que estabamos derrotados e quixo impoñer
un golpe definitivo á Sanidade Pública, e foron a súa prepotencia e a súa
intransixencia as que favoreceron o rexeitamento case unánime de profesionais e
cidadanía.
Realmente case todas as
experiencias teñen peculiaridades moi concretas que son difíciles de
xeneralizar; por exemplo, en Madrid o intento de converter o Hospital da
Princesa nun xeriátrico foi o detonante das movilizacións, pero contando con
esas limitacións habería que sinalar algúns aspectos craves que poderiamos
esquematizarse así:
Un: a unidade é fundamental, pero
respectando a diversidade porque hai que conxugar os intereses e as diferenzas
de moitas entidades e organizacións. Dous: a participación de profesionais e
poboación é un binomio imprescindible para o éxito. Tres: as movilizacións
teñen que ser inclusivas permitindo a participación de todos na medida do seu
compromiso. Catro: o exceso de protagonismo é malo para a saúde das
movilizacións, hai que evitar os hiperliderazgos excluíntes. Cinco: deben
abarcarse todas as frontes de loita: legais, mediáticos, manifestacións, encerros,
folgas, etc. Seis: a persistencia e a paciencia son as palancas principais para
o éxito, unha das estratexias máis probables dos privatizadores será o intentar
o cansazo e a desilusión para desactivar as movilizacións. E sete: a
organización é clave para o mantemento das loitas e para poder continualas nos
momentos de refluxo que, como sucede con todas as mareas, son inevitables.
Outra cuestión que habería que
sinalar é que as movilizacións de Madrid tiveron unha gran visibilidade polo
lugar en que sucedían e a presenza na cidade de importantes medios de
comunicación , pero convén non esquecer que grandes movilizacións de características
moi parecidas producíronse noutros puntos da xeografía: por suposto en Galicia,
onde teñen unha importancia e unha continuidade moi relevante, Salamanca,
Cuenca, Cartaxena, Segovia, Alcañiz, Villarrobledo, Almansa, etc.
-Despois das pasadas eleccións o goberno da Comunidade de Madrid segue en
mans do Partido Popular. Considera que a batalla contra a privatización xa está
gañada ou aínda hai risco de que volvan á carga cos seus proxectos
privatizadores?
Houbo xa un acordo entre o PP e
Cidadáns para non privatizar máis centros sanitarios. De todas as maneiras hai
que ser conscientes de que a partir da dimisión de Lasquetty a privatización
directa dos centros sanitarios foi cambiada por unha estratexia de
privatización silenciosa baseada en tres eixos: as derivacións sistemáticas
cara aos centros privados de probas diagnósticas, consultas de especialistas e
intervencións cirúrxicas, complementada coa infrautilización dos recursos dos
centros públicos, e co intento de impoñer outros sistemas de privatización e
fragmentación da rede sanitaria pública (unidades de xestión clínica), e que
este compromiso non parece alcanzar estoutras políticas igualmente agresivas
contra a Sanidade Pública. Ou sexa que debemos ser conscientes de que a
política privatizadora continuará por outras vías probablemente menos visibles,
polo que teremos que continuar as movilizacións para evitalo.
O TTIP: outra ameaza para a Sanidade Pública
-O tratado de libre comercio que está negociando a UE cos EEUU, con
bastantes segredo: Pode representar unha ameaza máis para a Sanidade Pública do
noso país? En que se concreta esta ameaza?
As ameazas máis importantes para
a Sanidade Pública contidas no Tratado son:
Un. Os gobernos non poderán
recuperar os servizos externalizados ou privatizados, aínda que sexan un
desastre e os seus gastos exorbitantes (como os hospitais PFI de Madrid ou de
Vigo, que multiplican por sete o seu custo real).
Dous. As empresas poderán
garantir e protexer os seus investimentos cun arbitraxe Inversionista - Estado,
que outorga ás corporacións o dereito de demandar a un goberno que tome
decisións que danen as súas ganancias, á marxe dos tribunais nacionais de
xustiza. Como consecuencia os gobernos europeos que adopten medidas lexislativas
que reduzan as expectativas de ganancias a unha empresa enfrontaranse a
reclamacións por "expropiación" ao asimilalas a unha incautación
ilegal da propiedade privada polo goberno.
Tres. A concesión de
indemnizacións en primeira instancia para a arbitraxe dos investimentos das
empresas nos sistemas sanitarios públicos supoñerá unha seria ameaza para a
capacidade dos gobernos de intervir na defensa do interese público con (de)
políticas que protexan intereses sociais como: Fixar prezos para os produtos
farmacéuticos e para a promoción de medicamentos xenéricos que garantan o
acceso aos mesmos a todos os sectores sociais; control e avaliación de
tecnoloxías que se vaian a incorporar ao sistema sanitario público atendendo a
criterios de racionalidade e sustentabilidade; medidas de protección da saúde
pública como o control do tabaco ou da seguridade e calidade dos alimentos
Finalmente, un dos principais
obxectivos do tratado é conseguir a privatización dos servizos sanitarios, que
son vistos polos inversores privados e pola industria farmacéutica de
tecnoloxías sanitarias como unha enorme lista de compras. Neste sentido a
Comisión de Comercio da Unión Europea acordou en 2010 presionar para chegar a
un acordo comercial que harmonizase a regulación do sector público europeo co
norteamericano que debía incluír a asistencia sanitaria dada a súa importancia
económica, polo que debería privatizarse como nos Estados Unidos.
-Algunhas das persoas que máis se significaron na defensa do noso
sistema sanitario están chegando, ou chegaron xa, á idade da xubilación: Hai
recambio xeneracional? Considera que os profesionais máis novos estan a implicarse para continuar esta tarefa?
A nosa xeración comezou a súa
experiencia nas movilizacións da Universidade contra o franquismo e logo nas
movilizacións dos MIR na época da Transición. Tratábase dun colectivo cunha
gran experiencia de loita e cunha ideoloxía solidaria e unha práctica sanitaria
cun compromiso social moi potente que volveu rebrotar nestes últimos conflitos.
A xente máis nova ha ter unha experiencia persoal e profesional moi distinta e
viviu durante moito tempo un sistema sanitario público en expansión e só de
xeito máis recente a tremenda política de recortes, pero é evidente que tamén
se mobilizou de xeito moi activo e ás veces moi imaxinativo, dando cabida a
outros instrumentos de traballo (redes sociais, etc). Se cadra aínda non
entenden como nós a importancia da organización para poder continuar o traballo
pola Sanidade Pública, pero os conflitos recentes faranlles comprendelo. Eu creo
que esa substitución producirase e a nosa tarefa é seguir traballando ata que
chegue a substitución.
(Entrevista publicada na revista Tempos Novos, nº 218, xullo-2015)
Pablo Vaamonde, Hixinio Beiras, Marciano Sánchez-Bayle, Manuel Martín. Foto de Luís Míguez |
pois que rapidiño se apresuraron a fírmalo o PP ( lóxico ) , CIU , PNV , UP y D e o PSOE ¿ socialistas ?
ResponderEliminar