Entrevista (I):
Marciano Sánchez-Bayle, fundador da
Asociación para a Defensa da Sanidade Pública
Marciano Sánchez Bayle é unha das
figuras máis importantes entre os defensores da Sanidade Pública. Unha vida
enteira de compromiso e coherencia sitúano como unha persoa exemplar e un
referente ético para aqueles que lemos os seus escritos e seguimos a súa
traxectoria. É un dos líderes da Marea
Branca madrileña que conseguiu, de momento, paralizar o proceso
privatizador iniciado polo Partido Popular. Estivo en Galicia para presentar o
seu último libro, e aproveitamos a ocasión para manter esta entrevista.
Sánchez-Bayle naceu en Plasencia
(Cáceres) en 1949, é Doutor en Medicina, especialista en Pediatría e
Nefroloxía. Ten tres fillos. Foi xefe de sección de hospitalización de
Pediatría do Hospital do Neno Xesús de Madrid ata a súa xubilación forzosa pola
Consellería de Sanidade de Madrid en xullo de 2014. Fundador da Asociación para
a Defensa da Sanidade Pública (ADSP) e da Federación de Asociacións para a
Defensa da Sanidade Pública (FADSP), actualmente é presidente da ADSP de Madrid
e portavoz da FADSP. foi presidente da Internacional
Association of Health Policy da que agora é vicepresidente. Pertence aos
Consellos científico e deliberativo do Observatorio Iberoamericano de Políticas
e Sistemas de Saúde, así como ao Observatorio Madrileño de Saúde e foi director
do Observatorio de Políticas de Saúde da Fundación 1º de Maio. Escribiu varios
libros sobre sanidade e política sanitaria; tamén coordinou uns vinte
libros e escribiu capítulos noutros moitos. O último publicouse en 2015: “La sanidad no se vende. Manual para la defensa
de la Sanidad Pública” (Akal, 2015).
Publicou máis dun centenar de artigos en revistas científicas de ámbito
nacional e internacional e moitos máis en prensa periódica.
-Ven de publicarse o libro“La sanidad no se vende”, coordinado por
vostede -xunto co cardiólogo galego Hixinio Beiras Cal-, que pretende ser un manual
para a defensa da Sanidade Pública. Estamos aínda a tempo de salvala? O dano
causado polas Administracións do Partido Popular pode ser reversible?
Comezarei polo final; o único que
non é reversible é a morte. Eu vivín a construción do Sistema Nacional de Saúde
neste país e fíxose a partir dunha situación moito peor que a que existe agora
e hai que ser conscientes de que os Servizos Nacionais de Saúde (Reino Unido,
Suecia, Finlandia, etc) naceron en circunstancias moito peores que as actuais .
Por suposto canto máis se avance no proceso de recortes, deterioro e
privatizacións máis dificil será a recuperación; no fondo o problema está en
que para iso se necesitan tres condicions: unha potente vontade política, a
existencia dun amplo sector profesional que apoie a Sanidade Pública e un amplo
soporte social, non só militante, pero tamén, sobre todo, unha opinión pública
que defenda a Sanidade Pública e que opine, como acontece aquí e agora, que é a
que ten mellores instrumentos e respostas para garantir a saúde da poboación.
Os resultados das últimas eleccións parecen indicar que é probable que se
logren gobernos con esa vontade de recuperación do sistema sanitario público e
as amplas movilizacións sociais e profesionais escenifican que hai unha base
social e sanitaria máis que suficiente; eu persoalmente son optimista.
-Malia todo o dano causado polos gobernos da dereita (autonómicos e
central): Temos aínda unha boa Sanidade Pública?
Cando se trata de valorar un
sistema sanitario o que adoita usarse é unha comparación internacional, coa
situación noutros países, por iso é evidente que a nosa posición é bastante
favorable, aínda que, por suposto, produciuse un retroceso moi substancial; pero
como partiamos dunha posición moi boa, aínda as cousas funcionan dun xeito
bastante razoable, sobre todo polo esforzo dos traballadores do sistema
sanitario público, aínda que é obvio que si se mantén esta deriva de recortes e
privatizacións o sistema podería entrar en shock. Como adoita suceder nisto hai
moitas diferenzas entre as distintas CCAA.
-Na súa opinión, os severos recortes impostos na Sanidade: son de
aplicación obrigatoria debido á crise económica, como di o PP, ou son impostos
por razóns ideolóxicas e políticas?
Eu creo que hai prácticamente
consenso, fóra dos voceiros do PP, de que os recortes responden sobre todo a
criterios ideolóxicos e a intereses económicos e políticos. No noso país o
gasto sanitario era baixo comparativamente, e a eficiencia do sistema sanitario
moi alta, como recoñece todo o mundo (por exemplo, o último informe da Comisión
Europea sobre eficiencia dos sistemas sanitarios en xuño de 2015, que sitúa a
España no primeiro posto da UE); con todo, coa escusa da súa insustentabilidade,
impuxéronse toda unha serie de recortes inxustificados, pero teñamos en conta
que, paralelamente, se impulsaron privatizacións que supoñían sobrecustes de
7-9 veces sobre a súa alternativa no sector público. El Roto nunha viñeta que
citamos no libro xa o di : hai que esnaquizar todo o público para demostrar que
non funciona. Pois iso é o que estiveron facendo.
-No canto das medidas impostas polo Partido Popular (recortes,
privatizacións, exclusión sanitaria, copagos): Que outras alternativas se poden
aplicar, que estratexias serían posibles para non provocar o deterioro do noso
sistema sanitario?
Ben, hai que ser conscientes de
que o sistema sanitario ten problemas que deben abordarse e as solucións teñen
que ir doutra banda: por exemplo, ten un baixo financiamento e mal repartida; a
Atención Primaria, que debería ser a clave do seu funcionamento, foi marxinada
e desfinanciada, hai que racionalizar o gasto farmacéutico e a utilización
tecnolóxica (en ambos temas temos unha sobreutilización), fomentar a coordinación
e integración de niveis asistenciais, garantir a utilización intensiva dos
recursos dos centros sanitarios públicos, etc.
O Real Decreto Lei 16/2012: un atentado contra a Sanidade Pública
-Ademais dos recortes e privatizacións o Partido Popular publicou unha
lei (O Real Decreto Lei 16/2012) que supón unha auténtica contrarreforma
sanitaria, como vostede sinalou en varios artigos. Cales son os principais
elementos que introduce esta lei e por que son tan nocivos para a Sanidade
Pública?
O RDL 16/2012 foi a maior
agresión ao sistema sanitario do noso país. Basicamente contén catro cuestións
craves: Unha: transforma o dereito á atención sanitaria pasando dun modelo
baseado na cidadanía a outro que pivota sobre o aseguramento o que produciu
exclusións de colectivos da cobertura pública (os inmigrantes non
regularizados, os que teñen unha estancia no estranxeiro de mais de 90 días, e
as persoas con rendas superiores a 100.000 euros) con graves efectos sobre a
saúde dos grupos con menos recursos (polo menos hai 3 mortes documentadas de
inmigrantes por desatención sanitaria). Dous: fracciona a carteira de
servizos en tres partes, unha básica de acceso gratuíto e outras dúas, suplementaria
e complementaria, suxeitas a copagos. Tres: engade novos copagos sobre
farmacia (pensionistas e farmacia hospitalaria), dietas, ortese, prótese e
transporte sanitario, que aínda que só se aplicaron no que respecta aos
medicamentos dispensados por receita supuxeron grandes problemas para as
persoas máis pobres e máis enfermas (o 14,76% dos que reciben unha prescripción
non a retiran da farmacia por motivos económicos). E catro: exclúe 417
medicamentos do financiamento público aumentando o efecto anterior. É dicir:
aumenta a inequidade no acceso á atención sanitaria e establéce barreiras
económicas que dificultan que as persoas reciban prestacións sanitarias que
necesitan. Por sorte, grazas ao amplo rexeitamento social e profesional, estas
medidas aplicáronse só parcialmente e con grandes diferenzas segundo as
distintas CCAA.
-En realidade o título do libro leva a engano xa que, en realidade, a
Sanidade SI que a están vendendo. Están entregando a mans privadas hospitais
enteiros (modelo PFI) ou parcelas cada vez máis grandes da actividade
sanitaria. As chamadas Unidades de Xestión Clínica son, como din as súas
impulsores, un mecanismo para modernizar a xestión sanitaria ou un instrumento
máis para privatizar a bata branca?
O titulo inicial era o de “Manual
para a Defensa da Sanidade Pública” e a editorial considerou que era
conveniente un mais curto e rechamante e elexiron este que responde a un dos
eslógans da Marea Branca (“A Sanidade Pública non se vende... deféndese”),
responde a unha reivindicación do movemento, e por iso creo que non queda mal.
É obvio que a privatización directa dos centros sanitarios atopou unha gran
contestación social e profesional e iso fixo que se busquen outras vías para
privatizar, máis sofisticadas, mais silenciosas e menos evidentes, ahi están as
derivacións sistemáticas aos centros privados e as unidades de xestión clínica
que pretenden fragmentar o sistema sanitario en microunidades que permitan unha
máis fácil penetración dos intereses privados. Por sorte nalgunhas CCAA como
Galicia e Castela e León teñen unha forte oposición.
(Entrevista publicada na revista Tempos Novos, nº 218, xullo-2015)
No hay comentarios:
Publicar un comentario