Xa teño falado algunha vez da miña afección polo fútbol. Levo máis de cincuenta anos tentando aprender e aínda non abandonei o empeño. Deixando a un lado as miñas carencias como xogador, que son dabondo, hai xa un tempo que estou entregado a un novo reto: dende hai máis de dez anos –tiña cinco o meu fillo Daniel- colaboro cos salesianos do Colexio Calvo Sotelo; exerzo de adestrador dos equipos de fútbol base no barrio de Labañou. Nesta tempada que ven de rematar conseguimos o ascenso dos infantís á primeira división autonómica. ¡Sinto a mesma ledicia que Guardiola cando gañou a Champions!
Emprego boa parte do meu tempo de lecer neste labor e, despois de darlle unhas cantas voltas, coido que hai varias razóns para que non desista. En primeiro lugar está a miña afección por esta práctica, que me ten reportado momentos de disfrute colectivo e a posibilidade de compartir esta paixón con moitos compañeiros.
Tamén considero que este deporte, como outras actividades de grupo, ten un grande potencial educativo; os rapaces poden aprender o valor do esforzo e da humildade, do espíritu solidario, do traballo en equipo, do apoio aos compañeiros, do respecto aos contrarios. Poden aprender a gañar e a perder con elegancia, sabendo tolerar a euforia e a frustración, que niso vai consistir a vida que lles agarda.
Hai unha terceira razón para que leve tanto tempo adicado a esta tarefa. Chámase Severino Pérez. Este home de máis de setenta anos conserva o entusiasmo e a alegría de vivir intactos. A súa actitude ante a vida resulta exemplar (a docencia, o deporte e o teatro son as súas paixóns). Él foi o principal impulsor deste proxecto deportivo, que se iniciou con vinte rapaces e agora acolle máis de douscentos. O seu impulso xeneroso, o constante traballo cotiá, o compromiso infatigable (chova ou queime o sol nunca faltou a un partido) son elementos dabondo para contribuir nesta empresa que ten, con toda certeza, unha influencia moi positiva nos rapaces do meu barrio. Desde esta humilde páxina eu reclamo a berros: ¡un monolito, unha praza, unha rúa principal adicada a este home de ben!
Hai outra razón importante para persistir no empeño. Formouse un grupo darredor deste proxecto, de altísima cualificación profesional, integrado por excelentes persoas. É un pracer compartir tarefas con Tojo, Lamas, César, Pedro, Gilberto, Cousido, Abraham,... ¡Quén lle dera este equipo técnico ao Real Madrid! Non andarían queixándose tanto dos árbitros…Tamén é valioso saber que os pais non agardan de nós a excelencia deportiva e que prestan atención a outro tipo de detalles: entenden que é máis importante formar persoas que conseguir figuras do balompé.
Finalmente debo decir que tiven a grande fortuna de dirixir nesta tempada que remata a
un grupo de rapaces excepcional, con grandes cualidades deportivas e humanas.
O éxito é froito do seu compromiso co grupo, do esforzo constante nos adestramentos e nos campos de xogo, da unidade do equipo na procura dun obxectivo común. Para todos eles a miña felicitación e o meu afecto. Aquí están na foto, nun dos últimos partidos xogados no campo de Meicende, perto das chemineas de refinería. Non están todos (faltan: Rubén, Aitor, David, Neira, Mario e Marcos).
 |
De pé: Pablo, Adrián, Andrés, Diego, Fernando, Sergio, Oscar, Jove, Naveira, Severino.
Agachados: M.Anxo, Martín, Miguel, Rubén II, Iván, Nacho. | | |
|