miércoles, 12 de noviembre de 2014

O ataque á Sanidade pública






Introdución do libro “La salud como negocio” (I)


Vicenç Navarro
Catedrático de Políticas Públicas, Universidade Pompeu Fabra, e Profesor de Public Policy, Johns Hopkins University



Hoxe estamos vendo en España, tanto a nivel central como autonómico (e moi en especial naquelas autonomías gobernadas por partidos conservadores-neoliberais), un ataque frontal á Sanidade pública, unha das conquistas sociais máis notables que conseguiron as clases populares nos anos oitenta coa aprobación, por parte das Cortes españolas, da lei que establecía o sistema público de cobertura sanitaria que, aínda non sendo universal (é dicir, que non garantía o acceso aos servizos sanitarios como dereito de cidadanía e residencia), cubría á gran maioría da poboación española. Este Servizo Nacional de Saúde non era perfecto. Traía herdadas moitas deficiencias, sendo a máis importante o seu escaso financiamento.

O Estado español, herdado da ditadura, tiña (cando a lei se aprobou) un dos gastos públicos sanitarios por habitante máis baixos dos países da Unión Europea (UE) cun nivel semellante de desenvolvemento económico ao español. Dita subfinanciación debíase ao enorme dominio que as clases podentes en España tiñan sobre o Estado español, favorecendo unhas políticas fiscais enormemente regresivas. Este dominio de clase, case absoluto durante a ditadura liderada polo xeneral Franco, continuou durante a época democrática. En contra da imaxe idílica da Transición (que promove o establishment mediático e político do país) que se deu en España da ditadura á democracia (que se presenta como modélica), dita Transición foi profundamente inmodélica. Os herdeiros da ditadura controlaban os aparellos do Estado e tamén a gran maioría dos medios de información, mentres que as forzas democráticas, lideradas polas esquerdas, acababan de saír da clandestinidade. Era imposible que unha situación tan desequilibrada puidese traducirse nunha Transición modélica.



Como resultado do dominio que as forzas conservadoras (instrumentos das clases podentes) tiveron sobre aquel proceso, o Estado español continuou sendo un Estado moi pobre, con escasa conciencia social e moi pouco redistributivo. E os datos están aí para todo quen queira velos. Ata hoxe, o Estado español (tanto central como autonómico) é (xunto con Grecia e Portugal, países que tamén sufriron ditaduras ultraconservadoras) o país da UE-15 que ten un dos gastos públicos por habitante e, dentro del, un dos gastos públicos sociais per capita (incluíndo o sanitario) máis baixos da UE-15 (o grupo de países da UE de semellante nivel de desenvolvemento ao de España), así como un Estado moi pouco redistributivo.

Agora ben, unha conquista das mobilizacións sociais -lideradas polo movemento obreiro- fixo que aquel Estado ditatorial se abrise, establecéndose unha democracia que, aínda sendo moi limitada e deficiente, permitiu a expresión dos desexos das clases populares. E entre elas, o desexo de que o Estado garantise os servizos públicos como Sanidade e Educación, así como as transferencias públicas, como as pensións, foron moi potentes. Por iso é polo que, como resultado de tales presións, o déficit do gasto público sanitario foise corrixindo, pero nunca alcanzou o nivel que lle correspondería a España polo nivel de desenvolvemento económico que ten. O nivel de riqueza de España é elevado. O seu PIB por habitante é xa do 94% do promedio da UE-15. En cambio, o seu gasto público social per capita é só o 74% do gasto promedio da UE-15. Si fose do 94%, España gastaría 66 000 millóns de euros máis do que gasta. Que non se gaste máis é porque o Estado non o recauda. É dicir, a riqueza para cubrir o enorme déficit de financiamento do estado do benestar español existe en España. O que ocorre é que o Estado non recauda. E débese ao enorme poder das clases podentes do país, que non contribúen ao mesmo nivel que os seus homólogos na UE-15. E é aí onde está o problema do que non se fala nos medios de información de maior difusión, claramente influenciados por esas clases, que aportan pouco ao Estado. Como resultado da súa influencia, as rendas do capital (que supoñen a maioría das rendas das clases máis podentes do país) aportan ao Estado moito menos que as rendas do traballo.


Outro factor que explica a subfinanciación do estado do benestar, incluíndo a Sanidade pública, é o xeito como se realizou a integración de España no euro, un dos acontecementos menos analizados nos medios de información. En España, o euro estableceuse a costa do empobrecemento do seu estado do benestar. O enorme dominio que o capital financeiro (é dicir, a banca) ten no establishment (a estrutura de poder) europeo e na gobernanza do euro explica que os criterios de Maastricht, que ditaban os requisitos que un país tiña que ter para entrar no euro, interpretáronse de maneira que beneficiaron ás clases podentes a costa das clases populares. Así, a redución do déficit público do Estado (baixando dun 6% do PIB a un 3%) fíxose reducindo o gasto público (e con iso, o gasto público social, incluíndo o sanitario) en lugar de subir os impostos das clases podentes, que non aportaban o que deberían aportar ás arcas do Estado. E por iso, polo que o xeito que se escolleu para reducir o déficit, que se empobreceu o estado do benestar.

E isto é o que está ocorrendo agora de novo. O déficit creado, en gran parte, polas baixadas de impostos que tiveron lugar na época en que -tal como sinalou o presidente Zapatero- baixar impostos era unha política de esquerdas, redúceno a costa de recortes do gasto público social (incluíndo o sanitario). Nin que dicir ten que o goberno conservador e neoliberal do PP acentuou aínda máis estas respostas, como ben documentan as distintas achegas do libro "La salud como negocio".

 https://www.facebook.com/pages/La-salud-como-negocio/319967814853468


jueves, 6 de noviembre de 2014

A saúde: ideoloxía e negocios






O libro A saúde como negocio publicouse en galego na primavera de 2012. Dous anos despois Edicións Laiovento pensou traducilo ao castelán para distribuílo fóra de Galicia. Unha vez revisados todos os textos démonos  conta de que a realidade dos feitos foi contundente. As peores predicións, anticipadas no libro, cumpríronse e foron superadas. A actuación dos gobernantes foi implacable: en tan pouco tempo, retrocedemos máis de tres décadas. Dinamitaron a lexislación vixente co funesto Real Decreto 16/2012 e iniciaron un camiño de longo percorrido cara á privatización do sistema. Detrás das decisións políticas -impostas por decreto, furtando o debate parlamentario e abusando da maioría absoluta- hai unha ideoloxía clasista que pretende recuperar unha Sanidade dualizada (aseguramento privado para os podentes, beneficencia para todos os demais), e hai tamén unha decidida intención de apropiarse dos orzamentos destinados á Sanidade pública, que hoxe representan ao redor do 40% do diñeiro das comunidades autónomas.

O cambio provocado nestes anos foi tal que a maioría dos textos utilizados perderon vixencia. Por esa razón incorporáronse capítulos novos que reflicten e analizan a situación actual. La salud como negocio  é, xa que logo, un libro novo, que pretende aportar luz sobre o que están facendo os gobernantes coa nosa Sanidade: executan un implacable desmantelamento do sistema público para xerar espazos de negocio ás empresas afíns e ás grandes multinacionais da Sanidade. Aporta datos e análises que reflicten a extraordinaria magnitude deste proceso, que pode deixar aos nosos sucesores sen a protección sanitaria que tanto custou construír ás xeracións precedentes e a nós mesmos.


No prólogo do libro Xosé Manuel Beiras enmarca as actuacións dos gobernantes no contexto dunha crise sistémica global que “dota de sentido á crecente agresión contra os sistemas sanitarios públicos para abolir o dereito do cidadán común a unha Sanidade universal e gratuíta, e converter a saúde nun negocio para o capital privado, como denuncia este libro desde o mesmo título”. Contra estas actuacións é preciso que os cidadáns desencadeemos un furacán de ideas e de rebelión cívica: “a este combate contra a tiranía contribúe, no laboratorio das ideas e na práctica da denuncia valente, este libro, unha obra colectiva dun grupo de profesionais comprometidos na defensa da Sanidade pública”.

O profesor Vicenç Navarro recorda, na introdución do libro, que estamos vendo en España un ataque frontal á Sanidade pública, unha das conquistas sociais máis notables que conseguiron as clases populares nos anos oitenta. Afirma que "detrás dos recortes hai outro obxectivo: agrandar o sector privado a custa de reducir o sector público. Isto está a acontecer masivamente en España, respondendo aos intereses do capital financeiro que, aliado co complexo sanitario industrial, está a destruír a Sanidade Pública".
Navarro considera que este libro é un dos mellores documentos que se publicaron en España sobre o que está ocorrendo na Sanidade pública: “É unha mina de información; escrito dun xeito ameno, fácil de ler e comprender, conxuga paixón e compromiso pola xustiza social cun gran rigor e credibilidade na súa documentación. É, sen dúbida, un libro que se converterá nun punto de referencia para todos aqueles movementos sociais que loitan para conseguir un mundo e unha Sanidade mellores. Debería ser unha lectura obrigatoria nas institucións de ensino do país”.




viernes, 31 de octubre de 2014

"La salud como negocio"



Nos próximos días vai sair á rúa o libro “La salud como negocio”. Plantexouse inicialmente como unha traducción do volume publicado en galego na primavera de 2012, pero a realidade sanitaria mudou de tal xeito neste tempo –a peor-  que o que ve agora a luz é un libro novo, con novos textos que analizan a realidade de hoxe, moi diferente á de hai dous anos. 

La salud como negocio”, que pronto estará  nas librarías, conta cun prólogo de Xosé Manuel Beiras e unha introducción de Vicenç Navarro. O libro foi coordinado por Pablo Vaamonde e conta con aportacións de Marciano Sánchez Bayle, María Luisa Lores Aguín, Manuel Martín García e Sergio Fernández Ruíz.  A continuación reproducimos algunha frases do libro coas que pretendemos despertar o interese por esta obra que se presenta como unha ferramenta para a militancia a favor da Sanidade pública. 

-Esta obra constitúe unha lúcida e valente acción en defensa da cidadanía. A este combate contra a tiranía contribúe, no laboratorio das ideas e na práctica da denuncia valente, este libro, unha obra colectiva dun grupo de profesionais comprometidos na defensa da sanidade pública.  Xosé Manuel Beiras.



-Este libro é un dos mellores documentos que se publicaron en España sobre o que está ocorrendo na sanidade pública. É unha mina de información. Escrito dun xeito ameno, fácil de ler e comprender, conxuga paixón e compromiso pola xustiza social cun gran rigor e credibilidade na súa documentación. É, sen dúbida, un libro que se converterá nun punto de referencia para todos aqueles movementos sociais que loitan para conseguir un mundo e unha sanidade mellores. Debería ser unha lectura obligatoria nas institucións de ensino do país.  Vicenç Navarro.


-Desde a época de Thatcher e Reagan, a ideoloxía neoliberal partiu da base de que é necesario adelgazar o Estado e facer que sexan as persoas as que individualmente asuman os riscos da súa vida, tamén da súa saúde. Os seus seguidores propugnan o desmantelamento dos sistemas de benestar e promoven un modelo de sociedade onde o mercado asume a totalidade da provisión de bens e servizos, polo que o acceso aos mesmos está mediatizado pola capacidade económica de cada persoa.  Marciano Sánchez Bayle.


-Na «axenda oculta» do Partido Popular había un obxectivo principal: ocupar o poder para desmontar desde dentro, como troianos, o estado de benestar, construído nas últimas décadas con tanto esforzo e que constitúe un elemento básico para garantir a cohesión social e a igualdade de oportunidades. Pero a facción ultraliberal que nos goberna non cre na igualdade das persoas e desconfía do sector público. Agora están executando os seus plans sen disimulo, sen que lles importe o sufrimento provocado. Non é certo que non se poida soster o Estado de benestar. O profesor Navarro recorda que España gasta neste terreo menos do que podería: «O PIB per capita é o 94% de promedio dos países da UE-15, mentres que o gasto público social é só do 72% de promedio». Pero o PP, no canto de intentar aumentar os ingresos, opta por reducir o gasto para que adelgace o peso do Estado. Así deixan máis espazo para o negocio aos grupos empresariais afins.  Pablo Vaamonde. 

-O proceso privatizador da Sanidade, impulsado polo Partido Popular, está sendo executado, utilizando diversas fómulas, en toda a xeografía do Estado. Neste libro analizamos as actuacións realizadas en tres comunidades autónomas (Madrid, Valencia e Galicia) polo seu carácter paradigmático. Os métodos utilizados son similares aos usados nas demais autonomías.  María Luisa Lores Aguín.


-Recorrer á colaboración público-privada (PFI) é unha modalidade, para financiar e xestionar os servizos públicos con capital privado, posta en práctica en Reino Unido e Alemania á calor das políticas neoliberales. Galicia foi pioneira na aplicación das estratexias neoliberais na Sanidade. O Partido Popular utilizou as súas maiorías absolutas nesta comunidade autónoma como laboratorio para experimentar coa privatización dos servizos sanitarios públicos.   Manuel Martín García.

-Cando o 27 de xaneiro de 2014 se produce a comparecencia do presidente da Comunidade de Madrid co conselleiro de Sanidade Fernández Lasquetty e anuncian a dimisión deste e a paralización dos procesos de privatización total de seis hospitais semiprivados e dos centros de saúde da Comunidade de Madrid, todo o mundo o viviu como un éxito das mobilizacións da coñecida como «Marea Branca».  Sergio Fernández Ruíz.

-“La salud como negocio” é un libro de combate e divulgación, que pretende denunciar o que están facendo os gobernantes coa nosa sanidade: executan un implacable desmantelamento do sistema público para xerar espazos de negocio. Este proceso é de tal magnitude que pode deixar aos nosos sucesores sen a protección sanitaria que tanto custou construír ás xeracións precedentes e a nós mesmos.   Os autores.




viernes, 24 de octubre de 2014

Discurso no Parlamento




NO DÍA DA GALEGUIDADE EMPRESARIAL

Señores deputados e demais autoridades presentes: Bos días a todas e a todos.
Síntome moi honrado de poder tomar a palabra neste lugar, onde está representado o meu pobo, e poder dirixirme a vostedes na nosa fala. Cando era neno -e me reprendían por falar en  galego- nunca soñei que poderia chegar tal día como hoxe. Pois xa non é un soño: un cidadán corrente pode falar na sua língua diante do Parlamento do seu país. 

Moito temos avanzado, pero ainda queda moito camiño por diante. Falar galego xa non é un delito nin é -como era antes en certos médios-, motivo de ridículo. Nas últimas décadas o avance do galego, na regulación normativa e no recoñecemento social, foi certamente moi importante. O idioma  -que é o elemento cultural mais importante do país-, sigue vivo na sociedade e na vida cotiá. O compromiso e o traballo de moitas persoas permitiu que sobrevivise a tempos difíciles. Tamén cómpre destacar o labor político desenvolvido polos deputados actuais -e por cantos os precederon nesta tarefa-,  na defensa da nosa língua. Polo tanto, quero expresar publicamente a miña gratitude aos diputados aqui presentes e a cantos pasaron por esta cámara, e que traballaron para que esto sexa unha realidade. 

Tamén aproveito a ocasión, (aínda que non sexa o motivo desta xuntanza), para manifestar o meu desacordo coa demonización dos políticos e da política. Porque non é certo que todos os políticos sexan corruptos. A corrupción está na sociedade e chega ao exercicio da política igual que a outros ámbitos. E terá que ser a política a que procure sanear e rexenerar a vida pública, do mesmo xeito que é a vontade política a que pode garantir a pervivencia e potenciación do noso idioma. 

Porque a nosa língua, ainda que perde implantación social, (segundo os últimos informes), nunca estivo tan ben. Hai anos falar galego era proprio de paletos ou de roxos separatistas. Hoxe convertiuse nun signo de calidade e de cultura. Falar galego é moderno, falar galego é de persoas cultas e mesmo pode ser rendible. Falar galego identifícanos co país e concédenos visibilidade propia. É un signo de distinción. As campañas publicitarias mais exitosas fixéronxe en galego, cada día son mais as empresas galegas –e de fora- que utilizan o noso idioma para comunicarse cos consumidores e cos seus propios traballadores. Quero decir que estamos chegando á conclusión de que o galego non é un idioma de confrontación nin de polémica: é simplemente a nosa língua que nos permite comunicarnos entre nós e co resto do mundo.

Temos que ser optimistas, ainda que ás veces temos a sensacion de que alguns gobernantes non teñen a implicación necesaria para potenciar e protexer o idioma. E tamén hai sectores que entenden que o galego non é válido para o mundo do traballo, para os negocios e para a actividade empresarial. Eu considero que é todo o contrario: o galego é unha inmensa oportunidade para sermos mais considerados neste mundo globalizado. 


A miña empresa forma parte desa “clase media” que nin é grande nin pequena, nin rica nin pobre, pero que -con moitas outras de semellante factura-, contribúe a vertebrar o entramado económico máis importante do país. Xeneramos emprego e pagamos impostos. Estamos instalados na  legalidade, porque a nosa dimensión tampouco permitiría prácticas marxinais fora da lei. Pero estas empresas somos decisivas para a riqueza colectiva. Sentímonos identificados co país e temos o maior interese por potenciar as nosas señas de identidade para seguir medrando e poder concurrir a mercados externos cos nosos produtos. 

Hai quen non o comprende, hai moitos que non son conscientes de que na diferenciación está o futuro. Actualmente, a calidade dos productos dase por suposta. É tal o nivel de esixencia que, sen acadar eses mínimos, non se pode estar no mercado. Mais cómpre diferenciarse entre a multitude e para eso a nosa identificación co país e co idioma propio pode servir para resaltar a nosa visibilidade. Mais tamén debemos decir que utilizar o galego no contorno empresarial ten uns sobrecustes que deben ser compartidos pola sociedade no seu conxunto. Da parcela política depende que se elaboren normativas que permitan facer eses custes máis asumibles. Non se trata de pedir esmola, senon de actuar con xustiza e facer inversións estratéxicas favorables para o país, para o noso idioma e para o tecido empresarial.

Na sociedade actual, cos avances tecnolóxicos que dispoñemos, a producción de bens ou servizos é relativamente doada. O difícil é atopar mercados. Galicia ten importantes materias primas, dispón de tecnoloxía e ten empresas que realizan o seu labor de forma competente. Temos que convencer aos mercados para que merquen os nosos produtos: nesa tarefa o galego pode axudar para facernos diferentes. 

Sabemos que no mercado interno o galego ten gran aceptación. Hai un crecente sentido de país que está moito por enriba do reflectido politicamente  no parlamento e que cómpre potenciar e aproveitar. Non hai motivo para non etiquetar e facer publicidade na nosa lingua. Nos mercados externos cada vez valórase máis coñecer a orixe dos produtos e debemos destacar as nosas señas de identidade. En definitiva, non temos ningun motivo para non utilizar a nosa língua con normalidade. Só temos que observar como as empresas estranxeiras, mesmo as grandes multinacionais que operan en Galicia, utilizan cada vez máis o galego. Non o fan por patriotismo: entenden que o uso do galego lles é rendible.


Antes de rematar quero agradecer ao Foro Enrique Peinador e á presidencia do Parlamento por ter organizado este magnifico encontro. Tamén quero agradecer aos meus colegas empresarios que decidiran adicar um día enteiro á nosa língua. Espero que este sexa un punto de inflexión para fortalecer o noso compromiso co idioma, para convencernos  de que a nosa língua pode ser a mellor ferramenta para decirlle ao mundo enteiro que somos bós, que temos bós produtos e que facemos as cousas ben. Falando en galego, por suposto.
  
Moitas grazas a todas e a todos.
Xosé Turnes Paredes  (Empresa Progando).

(Discurso pronunciado polo meu amigo Xosé Turnes o pasado día 22 de outubro, no Parlamento de Galicia, na celebración do Día da galeguidade empresarial, organizado polo Foro Enrique Peinador, e que acolleu a un centenar de empresarios galegos. Reproducimos integramente o texto por consideralo de grande interese). 

 

lunes, 13 de octubre de 2014

A vida líquida






“El periodista despedido”, a nova novela de Fernando Ontañón

O escritor Fernando Ontañón ven de publicar o seu segundo libro, “El periodista despedido” (Ézaro), unha excelente novela que confirma a súa decidida vocación literaria e que pon en evidencia as grandes dotes do autor para o xénero narrativo.  Este cántabro afincado na Coruña desde hai anos é unha voz orixinal e auténtica da nova narrativa, que relata de xeito moi convincente as vidas da súa xeración, a que naceu na década dos setenta e está agora a piques de chegar aos  corenta.

Me llamo Francisco Bueno y soy un periodista despedido. Uno de tantos”. Así comeza esta historia, na que o protagonista relata en primeira persoa as peripecias da súa vida persoal e profesional. Desde un presente pouco optimista –despedido do traballo e rachada a última relación sentimental, agora comparte piso con persoas coas que ten escasa relación-, recorda episodios do pasado recente e tenta comprender que pasos o levaron á situación case depresiva en que se atopa.

Cun ritmo moi cinematográfico –de aquí pode saír unha boa película- o narrador realiza constantes flashback para recuperar os anos de universidade, as relacións de amizade, os amores, as rupturas e os intentos fallidos de conseguir unha proxección profesional que o conducen á frustración e o desencanto. Estruturada en sete capítulos e con diálogos ben trenzados,  a novela discorre placidamente; semella que non acontece nada relevante mais, de maneira sutil,  traza un retrato verosímil dun grupo de persoas que chegan á madurez sen ter superado a adolescencia.

O xornalista parado recorda a súa última relación sentimental con Amalia, que traballa de cociñeira mentres el afirma estar escribindo unha novela que en realidade non existe. Síntese descontento e atormentado pola situación, que o levaa aceptar unha proposta de traballo que vulnera por completo o seu sentido da ética profesional. Como trasfondo da narración aparece a crise económica e a perda masiva de postos de traballo que conduce a este xornalista a un difícil dilema: volver á casa paterna ou compartir piso con xente descoñecida. 

Este grupo de mozos, que non coñeceron as estreiteces do franquismo, que medraron nunha época de bonanza económica e puideron facer estudos universitarios, criáronse coa expectativa dunha vida confortable na que poderían desenvolverse sen estreiteces e coa posibilidade de proxección profesional. De repente todo o que parecía seguro comeza a derrubarse con estrépito, deixándoos á intemperie, sen traballo, sen ingresos e sen a esperanza de mellora no futuro.

Nesta novela hai amores e desamores, lembranzas da amizade perdida, sexo furtivo, algúns porros e moito alcohol. Hai homes inmaduros e mulleres fortes, hai moita música e longas conversas nocturnas no pub El Malogrado. Tamén hai tramas corruptas, borracheiras comatosas, traizóns, adulterios e algún morto. E un protagonista desnortado que, na metade da vida, vese atenazado pola culpa e atemorizado ante un futuro incerto que o enche de pavor. 

O filósofo Zygmunt Bauman acuñou o termo de “vida líquida” para definir as formas de convivencia na sociedade actual. Os proxectos vitais da xente nova están marcados pola precariedade e a incerteza. Nada é sólido, nada é permanente. Hai cambios de cidade, de casa, de traballo, e relacións monogámicas sucesivas. Sempre hai un inicio e un final; a vida consiste nunha sucesión de mudanzas, rupturas e novos comezos: semella que todo ten data de caducidade; todo, mesmo os afectos, está afectado pola obsolescencia programada. 

Fernando Ontañón fai un relato oportuno e necesario desta forma de vida, cada vez máis estendida no noso contorno. Reflexa o desconcerto desta xeración que se vía destinada a unha vida cómoda e que se atopa, de repente, golpeada pola inseguridade e o infortunio. Fernando Ontañón demostra, con esta entrega narrativa, que é un dos escritores novos que merecen maior proxección e recoñecemento.