viernes, 31 de octubre de 2014

"La salud como negocio"



Nos próximos días vai sair á rúa o libro “La salud como negocio”. Plantexouse inicialmente como unha traducción do volume publicado en galego na primavera de 2012, pero a realidade sanitaria mudou de tal xeito neste tempo –a peor-  que o que ve agora a luz é un libro novo, con novos textos que analizan a realidade de hoxe, moi diferente á de hai dous anos. 

La salud como negocio”, que pronto estará  nas librarías, conta cun prólogo de Xosé Manuel Beiras e unha introducción de Vicenç Navarro. O libro foi coordinado por Pablo Vaamonde e conta con aportacións de Marciano Sánchez Bayle, María Luisa Lores Aguín, Manuel Martín García e Sergio Fernández Ruíz.  A continuación reproducimos algunha frases do libro coas que pretendemos despertar o interese por esta obra que se presenta como unha ferramenta para a militancia a favor da Sanidade pública. 

-Esta obra constitúe unha lúcida e valente acción en defensa da cidadanía. A este combate contra a tiranía contribúe, no laboratorio das ideas e na práctica da denuncia valente, este libro, unha obra colectiva dun grupo de profesionais comprometidos na defensa da sanidade pública.  Xosé Manuel Beiras.



-Este libro é un dos mellores documentos que se publicaron en España sobre o que está ocorrendo na sanidade pública. É unha mina de información. Escrito dun xeito ameno, fácil de ler e comprender, conxuga paixón e compromiso pola xustiza social cun gran rigor e credibilidade na súa documentación. É, sen dúbida, un libro que se converterá nun punto de referencia para todos aqueles movementos sociais que loitan para conseguir un mundo e unha sanidade mellores. Debería ser unha lectura obligatoria nas institucións de ensino do país.  Vicenç Navarro.


-Desde a época de Thatcher e Reagan, a ideoloxía neoliberal partiu da base de que é necesario adelgazar o Estado e facer que sexan as persoas as que individualmente asuman os riscos da súa vida, tamén da súa saúde. Os seus seguidores propugnan o desmantelamento dos sistemas de benestar e promoven un modelo de sociedade onde o mercado asume a totalidade da provisión de bens e servizos, polo que o acceso aos mesmos está mediatizado pola capacidade económica de cada persoa.  Marciano Sánchez Bayle.


-Na «axenda oculta» do Partido Popular había un obxectivo principal: ocupar o poder para desmontar desde dentro, como troianos, o estado de benestar, construído nas últimas décadas con tanto esforzo e que constitúe un elemento básico para garantir a cohesión social e a igualdade de oportunidades. Pero a facción ultraliberal que nos goberna non cre na igualdade das persoas e desconfía do sector público. Agora están executando os seus plans sen disimulo, sen que lles importe o sufrimento provocado. Non é certo que non se poida soster o Estado de benestar. O profesor Navarro recorda que España gasta neste terreo menos do que podería: «O PIB per capita é o 94% de promedio dos países da UE-15, mentres que o gasto público social é só do 72% de promedio». Pero o PP, no canto de intentar aumentar os ingresos, opta por reducir o gasto para que adelgace o peso do Estado. Así deixan máis espazo para o negocio aos grupos empresariais afins.  Pablo Vaamonde. 

-O proceso privatizador da Sanidade, impulsado polo Partido Popular, está sendo executado, utilizando diversas fómulas, en toda a xeografía do Estado. Neste libro analizamos as actuacións realizadas en tres comunidades autónomas (Madrid, Valencia e Galicia) polo seu carácter paradigmático. Os métodos utilizados son similares aos usados nas demais autonomías.  María Luisa Lores Aguín.


-Recorrer á colaboración público-privada (PFI) é unha modalidade, para financiar e xestionar os servizos públicos con capital privado, posta en práctica en Reino Unido e Alemania á calor das políticas neoliberales. Galicia foi pioneira na aplicación das estratexias neoliberais na Sanidade. O Partido Popular utilizou as súas maiorías absolutas nesta comunidade autónoma como laboratorio para experimentar coa privatización dos servizos sanitarios públicos.   Manuel Martín García.

-Cando o 27 de xaneiro de 2014 se produce a comparecencia do presidente da Comunidade de Madrid co conselleiro de Sanidade Fernández Lasquetty e anuncian a dimisión deste e a paralización dos procesos de privatización total de seis hospitais semiprivados e dos centros de saúde da Comunidade de Madrid, todo o mundo o viviu como un éxito das mobilizacións da coñecida como «Marea Branca».  Sergio Fernández Ruíz.

-“La salud como negocio” é un libro de combate e divulgación, que pretende denunciar o que están facendo os gobernantes coa nosa sanidade: executan un implacable desmantelamento do sistema público para xerar espazos de negocio. Este proceso é de tal magnitude que pode deixar aos nosos sucesores sen a protección sanitaria que tanto custou construír ás xeracións precedentes e a nós mesmos.   Os autores.




2 comentarios:

  1. Desexando lelo!!
    Grazas polo traballo que estades a facer.

    ResponderEliminar
  2. KEEP CALM AND CARRY ON
    Manteñamos a calma, con Valium se é preciso, e sigamos lendo este libro tras abrilo. É difícil manter a súa lectura, non pola súa forma, impecable, non polos seus datos, moi abundantes, senón precisamente polo seu contido, que mostra algo que, aínda que sospeitado, non quereriamos ver nunca: os efectos da avaricia dos poderosos, que non se paran á hora de vender nosa propia saúde, de comerciar coa nosa enfermidade e coas marcas informáticas dela.
    Os autores móstrannos as consecuencias pasadas, presentes e, de non o remediar, futuras, da inmoralidade, da insensatez. Parafraseando malamente a Churchill, poderiamos dicir que nunca tantos no noso país imos deber tanto dano a... bastantes. Porque non son poucos os voitres que axexan.
    Cunha riquísima documentación, móstrasenos o efecto dos conflitos de interese, do "todo vale" disfrazado como eficiencia, como áreas de xestión, como un "isto na privada non pasaría" que tantas veces se dixo por quen ten escuros intereses. Recórdansenos as consecuencias inhumanas do deleznable decreto 16 /2012. ("Real", non o esquezamos). E é que os vellos, os inmigrantes, os discapacitados, os pobres... non importan. Son lixo humano para os que hoxe están a decidir estas políticas privatizadoras, que non son precisamente austeras, pois enriquecen a moitos, aínda que sexan letais para moitos máis.
    Este libro é necesario, tanto como duro, porque dura é a realidade, e nos revela que o goberno do PP é terrorífico, porque terrible é o dano causado e terror produce o que anuncian.
    Á vez, estamos ante un libro que sostén a esperanza. A marea branca mostrou que é posible frear a barbarie. A cidadanía pode e debe defender o seu. Cada un, así, dun nun, no seu lugar. No hospital, na rúa, na prensa, nos xulgados...Os que traballamos no sistema público temos aquí e agora unha gran responsabilidade, a que vai máis alá do deber estritamente profesional. Somos responsables dun comportamento ético que diga si ou non cando haxa que dicir si ou, non rexeitando silencios cómplices.
    Os que redactaron as páxinas deste magnífico texto coordinado por Pablo, quen o prologou, o brillante Prof. Beiras, e quen fixo a súa introdución, o exemplo de sensatez que é o Prof. Navarro, son bos referentes para ese compromiso ético imprescindible, que haberemos de tomar, tamén en soidade, por nós mesmos, polos nosos fillos e polos nosos irmáns, todos os cidadáns dun gran país que non consentirá o espolio pretendido.

    ResponderEliminar