lunes, 13 de octubre de 2014

A vida líquida






“El periodista despedido”, a nova novela de Fernando Ontañón

O escritor Fernando Ontañón ven de publicar o seu segundo libro, “El periodista despedido” (Ézaro), unha excelente novela que confirma a súa decidida vocación literaria e que pon en evidencia as grandes dotes do autor para o xénero narrativo.  Este cántabro afincado na Coruña desde hai anos é unha voz orixinal e auténtica da nova narrativa, que relata de xeito moi convincente as vidas da súa xeración, a que naceu na década dos setenta e está agora a piques de chegar aos  corenta.

Me llamo Francisco Bueno y soy un periodista despedido. Uno de tantos”. Así comeza esta historia, na que o protagonista relata en primeira persoa as peripecias da súa vida persoal e profesional. Desde un presente pouco optimista –despedido do traballo e rachada a última relación sentimental, agora comparte piso con persoas coas que ten escasa relación-, recorda episodios do pasado recente e tenta comprender que pasos o levaron á situación case depresiva en que se atopa.

Cun ritmo moi cinematográfico –de aquí pode saír unha boa película- o narrador realiza constantes flashback para recuperar os anos de universidade, as relacións de amizade, os amores, as rupturas e os intentos fallidos de conseguir unha proxección profesional que o conducen á frustración e o desencanto. Estruturada en sete capítulos e con diálogos ben trenzados,  a novela discorre placidamente; semella que non acontece nada relevante mais, de maneira sutil,  traza un retrato verosímil dun grupo de persoas que chegan á madurez sen ter superado a adolescencia.

O xornalista parado recorda a súa última relación sentimental con Amalia, que traballa de cociñeira mentres el afirma estar escribindo unha novela que en realidade non existe. Síntese descontento e atormentado pola situación, que o levaa aceptar unha proposta de traballo que vulnera por completo o seu sentido da ética profesional. Como trasfondo da narración aparece a crise económica e a perda masiva de postos de traballo que conduce a este xornalista a un difícil dilema: volver á casa paterna ou compartir piso con xente descoñecida. 

Este grupo de mozos, que non coñeceron as estreiteces do franquismo, que medraron nunha época de bonanza económica e puideron facer estudos universitarios, criáronse coa expectativa dunha vida confortable na que poderían desenvolverse sen estreiteces e coa posibilidade de proxección profesional. De repente todo o que parecía seguro comeza a derrubarse con estrépito, deixándoos á intemperie, sen traballo, sen ingresos e sen a esperanza de mellora no futuro.

Nesta novela hai amores e desamores, lembranzas da amizade perdida, sexo furtivo, algúns porros e moito alcohol. Hai homes inmaduros e mulleres fortes, hai moita música e longas conversas nocturnas no pub El Malogrado. Tamén hai tramas corruptas, borracheiras comatosas, traizóns, adulterios e algún morto. E un protagonista desnortado que, na metade da vida, vese atenazado pola culpa e atemorizado ante un futuro incerto que o enche de pavor. 

O filósofo Zygmunt Bauman acuñou o termo de “vida líquida” para definir as formas de convivencia na sociedade actual. Os proxectos vitais da xente nova están marcados pola precariedade e a incerteza. Nada é sólido, nada é permanente. Hai cambios de cidade, de casa, de traballo, e relacións monogámicas sucesivas. Sempre hai un inicio e un final; a vida consiste nunha sucesión de mudanzas, rupturas e novos comezos: semella que todo ten data de caducidade; todo, mesmo os afectos, está afectado pola obsolescencia programada. 

Fernando Ontañón fai un relato oportuno e necesario desta forma de vida, cada vez máis estendida no noso contorno. Reflexa o desconcerto desta xeración que se vía destinada a unha vida cómoda e que se atopa, de repente, golpeada pola inseguridade e o infortunio. Fernando Ontañón demostra, con esta entrega narrativa, que é un dos escritores novos que merecen maior proxección e recoñecemento.

No hay comentarios:

Publicar un comentario