
A primeira medida nesa dirección adoptouna o PP nada máis chegar ao poder central. En abril de 2012 (tres meses despois da toma de posesión) publicou no BOE o funesto RDL 16/2012 -o que fai sospeitar que ese texto xa estaba escrito cando Rajoy prometía nos mitins que non tocaría a sanidade nin as pensións-. Esa norma introduciu copagos en sanidade, excluíu medicamentos do financiamento e excluíu persoas da sanidade pública: aos inmigrantes e ás persoas que teñen estancias no estranxeiro superiores a 90 días. Este apartheid sanitario é unha decisión inxusta, inhumana, perigosa e inútil: non produce ningún aforro económico e provoca un enorme sufrimento persoal e colectivo -ademais de significar un risco para a saúde pública-. Esta lei atopouse, desde o principio, coa oposición de moitos profesionais -que fixemos obxeción de conciencia-, e de todos os grupos políticos (excepto Cidadáns). O goberno central aplicouse con rigor neste retorno ao pasado. Levounos a un tempo preconstitucional: as persoas xa non temos dereito á atención sanitaria pola nosa condición de cidadáns senón en canto esteamos asegurados. O dereito á sanidade volve estar condicionado pola cotización previa.
Mentres tanto as CCAA no seu poder continuaron coas políticas xa iniciadas anos
atrás: recortes e privatizacións. A disminución do gasto sanitario nas
CCAA chegou ao 21% e pasou do 6.8% do PIB en 2008 a representar o 5.9% en 2013.
En 2015 o sistema sanitario público ten 55.000 traballadores menos (con menos
salario, peores condicións laborais e maior precariedade -10.300 médicos/as e
6.500 enfermeiros/as fuxiron ao extrenjero-) mentres as empresas sanitarias
conseguiron manter e ata aumentar os seus beneficios a costa dos orzamentos
públicos. Numerosas áreas relacionadas coa sanidade (limpeza, cociña,
mantemento, loxística, tecnoloxía, etc) pasaron a mans privadas (en concesións
para anos, o que fai máis difícil o seu rescate) e, ademais, xa sabemos -por un informe da FADSP-
que a construción de novos hospitais mediante a colaboración público-privada
incrementou o custo, o nivel de endeudamento e favoreceu a corrupción; moitos
deses centros teñen problemas legais e os novos gobernos das CCAA estudan
fórmulas para rescatalos.

Extraordinario artigo. Agardemos que a xente desperte dunha vez e espabile!
ResponderEliminar