“A flor da figueira” (Edicións doCumio) é o título do libro que ven de publicar o meu amigo Xosé Manuel López Tuñas. O propio autor preséntase como aquel que
deixa pasar o tempo, no caer da tarde, vendo como os raios do sol penetran a
través das follas da figueira. Mais esa semblanza de home contemplativo non se
corresponde estrictamente coa realidade. López Tuñas é unha persoa de acción,
un home comprometido que deixou moitas horas da súa vida no exercicio da
profesión, na actividade política e no compromiso social.
Xosé Manuel López Tuñas |
Tamén é un home culto que adicou
moito tempo á lectura, ao estudo e a tentar profundizar na realidade para
comprender a vida, a historia e o acontecer diario. Moitas desas reflexións
foinas publicando no seu blog “Ágora” e
son a base principal deste libro. Ainda que os textos foron publicados na rede,
o volume que os recolle ten unha certa unidade, un fio conductor que enlaza os
sucesivos capítulos e dalle ao libro unha consistencia propia. Non se trata,
por tanto, dun feixe de artigos, reunidos para publicar en conxunto, senon que
o libro ten entidade propia, ten unha categoría superior ao simple amoreamento
de textos.
Este é un texto híbrido, pois non
é un libro de memorias -ainda que
reflicte e analiza moitos acontecementos da vida local e universal; non é unha
autobiografía –ainda que fai referencia a numerosos momentos da vida persoal e
familiar; non é un ensaio –ainda que hai moita reflexión e análise sobre
diversas materias-; e non é un libro de historia, pero reflicte e analiza
numerosos acontementos históricos de tempos remotos e máis recentes. É un pouco
de todo eso, escrito con amenidade e ben documentado. Agradécese a
documentación gráfica que acompaña os distintos capítulos. Algunhas fotos falan por sí mesmas. O fío condutor do libro é a
propia vida do autor, que relata momentos especialmente emotivos do seu avó,
dos pais, dos amigos e da súa vida familiar, con especiais referencias á
compañeira da súa vida, Luz. A través dese leve fío vai enlazando, como elos
dunha cadea, numerosas anécdotas, feitos históricos e reflexións sobre a vida
cotiá, para conseguir un texto unitario, coherente e sólido.
Mural de Xosé Cobas na Casa da Cultura de Negreira |
Hai capítulos máis narrativos e outros máis reflexivos. Algúns
teñen unha carga emotiva (cando se recorda a sí mesmo na fonte do Carme, a relación cos avós e cos pais, os primeiros
pasos como ensinante), outros teñen un tono claramente humorístico (como Que ven o touro!, donde narra unha
frustrada corrida de touros en Negreira); adica moitas páxinas a relatar
episodios da emigración –e o admirable labor que fixeron os emigrados en
América para mellorar a vida na comarca, coa construccións de escolas e outras
dotacións públicas-, e outras a recuperar, con nostalxia, a historia recente da
vila de Negreira e da bisbarra (o tempo antiguo do Casino, a chegada do cinema,
os inicios da modernización agraria, etc). Hai capítulos máis análiticos nos
que reflexiona sobre o drama das guerras (a guerra civil, a II guerra mundial,
os campos de concentración), e noutros fai un un encendido eloxio da educación
pública e unha defensa firme do dereito á cultura e á igualdade. Nas páxinas
adicadas á guerra civil e á sua repercusión na comarca, fai unha rendida
homenaxe aos mortos e os perseguidos, que tiveron o valor e a decencia de
defender a legalidade da República.
Pazo do Cotón en Negreira |
XM López Tuñas é un home comprometido, xa o dixemos. Venlle dende o
berce. É un home de esquerdas que nunca escondeu o seu pensamento nin eludíu o
compromiso. Tivo, desde moi novo, unha decidida vocación pola docencia, á que
se adicou profesionalmente ata a súa recente xubilación. Moitos alumnos
recordan con afecto a súa entrega no traballo, porque Manolo é deses mestres que deixan pegada na vida
dos alumnos –como aquel que interpretaba Fernán Gómez na película A lingua das bolboretas-. A súa
actividade política comezou xa nos tempos da ditadura. Na súa adolescencia
integrouse nas actividades das XARC e participou na organización dos primeiros
campamentos comarcais –que permitiron a moitos nenos da comarca ver, por
primeira vez, o mar-. Xa no tardofranquismo foi un dos principais impulsores da
Asociación Cultural Afonso Eans e da asociación veciñal de Negreira.
Nos inicios da democracia foi alcalde de Negreira, cargo que
exerceu durante doce anos, en tres mandatos sucesivos. É o mellor alcalde da
historia deste concello. Fixo unha xestión municipal participativa e puxo as
bases para que a vila e o concello entrasen na modernidade. Deixou a alcaldía
por decisión propia, sen ceder á presión dos conveciños que o animaban a
seguir. Recuperou o exercicio da docencia ata a xubilación e foi o principal
impulsor da Sociedade “Alén Mar”, adicada a fomentar os lazos coa emigración de
Cuba.
López Tuñas é, por enriba de todo, unha excelente persoa, cunha
traxectoria persoal, politica e profesional exemplar. É un home bó, cun
profundo sentido da amizade -neste libro honra a memoria dalguns amigos-, e eu
teño a sorte de contar co seu afecto. Agora preséntase tamén como un excelente
escritor. Este vai ser un libro moi valorado en Negreira e bisbarra, pois
recupera relatos e persoaxes que merecen estar na memoria colectiva e que
poderían quedar no esquecemento. Máis tamén despertará interese fóra da comarca
pois, a fin de contas, as historias que aquí se recollen poderían ter sucedido
en calquera outro lugar.
(Este texto é o prólogo do libro "A flor da figueira", de Xosé Manuel López Tuñas, editado por Edicións do Cumio).
Convite para a presentación do libro "A flor da figueira" en Negreira |
No hay comentarios:
Publicar un comentario