Manifesto de SOS Sanidade Pública
A Xunta de Galicia está desmantelando o sistema sanitario público galego
Desde a chegada do Partido Popular ao poder na Xunta de Galicia están impoñendo medidas que deterioran a Sanidade Pública e favorecen os intereses das empresas privadas que se lucran a costa dos orzamentos públicos. Recollemos aquí algunhas das decisións impostas, que poñen en serio risco a continuidade do noso sistema sanitario.
-Están a provocar a descapitalización
da Sanidade Pública: o recorte do orzamento sanitario en Galicia entre 2009 e
2014 foi do 12,3%, o que supuxo unha perda total de 460 millóns de euros;
eliminaron 2.094 postos de traballadores sanitarios e pecharon 275 camas
hospitalarias. Mentres, o 48,8% do
orzamento sanitario foi parar ao sector privado, e só o 7,1 % foi para
investimentos e funcionamento dos centros públicos.
-Cédenlle a multinacionais e fondos de investimento os
servizos de planificación e xestión
estratéxica da Consellería de Sanidade e do Sergas: a historia clínica e a receita electrónica, o sistema de citas -Call Center-, as telecomunicacións do Sergas, a loxística do
sistema, o mantemento dos equipos
sanitarios, a limpeza e enerxía, o
servizo de catering dos hospitais, a
adquisición de equipamento tecnolóxico,
os servizos de protección radiolóxica, a esterilización do instrumental,
a osixenoterapia, os servizos de ambulancias, a hemodiálise, o Centro
Oncolóxico de Galicia, a investigación, desenvolvemento e innovación (I +D+ I)
e a formación.
-Os actuais gobernantes facilitan que a sanidade pública
financie a investigación da
industria tecnolóxica privada e dos laboratorios das multinacionais, e permiten que sexan éstas as que decidan os
aparellos a adquirir polo sistema público. A través dos Institutos Biomédicos
de Investigación do Sergas (Instituto
Biomédico de Vigo e Instituto
Biomédico de Santiago) a Banca e a Industria Sanitaria privada controlarán
a investigación e a docencia e dificultarán calquera investigación que non
estea de acordo cos seus intereses empresariais.
-Tamén privatizaron
o Laboratorio Central de Galicia, a construción e xestión do novo hospital de
Vigo (PFI), renovaron o concerto singular co hospital Povisa, manteñen a
empresa pública de xestión privada Galaria, recortaron e privatizaron os Plans
Directorios dos hospitais de Lugo e Ourense e paralizaron a ampliación do de
Pontevedra.
-A Atención
Primaria sufriu un recorte de 190,9 millóns de euros (se
incluímos o gasto farmacéutico extrahospitalario), e de 33 millóns (sen a
farmacia). Están a desmantelar as Áreas Sanitarias para crear unha Área Única
que abarque todo o territorio galego coa finalidade de crear un mercado
sanitario no que poderá participar o sector privado. O desmantelamento das Áreas está sendo utilizado ademais para
recortar os hospitais comarcais no Barbanza, Monforte, Barco de Valdeorras, A
Costa e Salnés. O mesmo ocorre cos centros de Saúde Mental, Planificación
Familiar e Prevención e Atención á
Drogodependencia.
-As listas de espera experimentaron un incremento
substancial de forma que en catro anos a espera cirúrxica media pasou de 71 a 83 días.
En
resumo:
O goberno central cambiou o modelo sanitario e recuperou
a figura do asegurado (vincula o dereito á atención á
cotización e non ao feito de ser cidadán,
poñendo fin á universalidade do sistema), e introduciu numerosos
copagamentos, que sobrecargan as deterioradas economías familiares. O retroceso
histórico é descomunal.
Mentres tanto, o goberno galego prioriza os negocios. Asfixia economicamente o sistema sanitario
público, pero incrementa os concertos co
sector privado (paralizando a actividade dos hospitais públicos -laboratorios,
radioloxía, quirófanos- en horario de tarde). Ademáis privatiza o propio sistema
e financia con diñeiro público a multinacionais, fondos de investimento, bancos
e construtoras aos que lles cede os servizos de planificación, xestión
estratéxica e investigación e desenvolvemento (I+D+I), o control e adquisición
de novas tecnoloxías, a formación do persoal, así como a construción e xestión
dos novos hospitais e centros de saúde.
Tamén introduce novas
leis deseñadas para favorecer ao
sector privado: Lei de Racionalización do Sector Público, que legaliza o
patrocinio privado de todos os Servizos do Sergas e cede ao sector privado a
doazón de sangue, a coordinación de transplantes de órganos e o almacenamento
de células, tecidos e mostras biolóxicas; a Lei de Garantías de Prestacións
Sanitarias que permite aos pacientes que superen certos límites de tempo (de 60
días de espera para intervencións cirúrxicas e 45 para consultas e probas
diagnósticas) que poidan acudir a un centro privado cos custes pagados con
diñeiro público; tamén privatizaron a xestión das baixas laborais por
enfermidade, e crearon as Unidades de Xestión Clínica coas que pretenden
fraccionar o sistema sanitario en múltiples empresas acollidas á Lei 15/1997.
M.Martin no Parlamento galego |
O desmantelamento do Sistema Sanitario Público está
promovido e alentado por unha gran alianza (Club Gertecht) integrada por directivos das administracións
sanitarias que entran e saen da administración e das empresas (porta
xiratoria), organizacións profesionais como a OMC, FACME, Foro da
profesión e as cúpulas dalgúns
sindicatos corporativos; apoian esta estratexia os laboratorios farmacéuticos,
a industria tecnolóxica sanitaria e as construtoras, bancos e fondos de
investimento que ven na sanidade unha oportunidade de negocio. Tamén están as
aseguradoras, mutuas, auditoras, empresas de informática, grupos de
comunicación, etc. que pretenden apoderarse dos recursos e da información sobre
a saúde dos galegos para planificar as súas estratexias empresariais. Aínda que
esta plataforma privatizadora conta con gran poder económico e institucional, a
súa falta de respaldo social e profesional faina vulnerable. É necesario
reforzar a Alianza Social e Profesional que representa SOS Sanidade Pública e desenvolver mobilizacións a nivel local e
galego para frear esta estratexia de desmantelamento da sanidade pública. Por
todo isto é preciso:
1.- Reforzar e ampliar, coa incorporación de novas
organizacións sociais e profesionais, as Plataformas para a Defensa da Sanidade
Pública que integran SOS Sanidade Pública.
2.- Elaborar un plan de traballo de SOS Sanidade que
identifique os problemas e necesidades máis importantes que afectan á Sanidade
Pública Galega, estableza prioridades e propoña un calendario de mobilizacións
e outras actuacións para a defensa e mellora do sistema.
3.- Comezar a preparación dunha gran mobilización para
poñer freo á privatización e recuperar os servizos sanitarios desmantelados e
privatizados.
Galicia, setembro de 2014.
Dise aquí: “Aínda que esta plataforma privatizadora conta con gran poder económico e institucional, a súa falta de respaldo social e profesional faina vulnerable”
ResponderEliminarEsta afirmación paréceme moi importante, pois sinala que non estamos ante algo definitivamente irreversible. Son vulnerables. As cousas poden, deben, mellorar precisamente dende a resposta da cidadanía no seu conxunto e por parte dos profesionais que non se deixasen contaminar por prebendas, dos que non sexan cómplices do desmantelamento.
É por iso que todo esforzo de unión é pouco en contra da barbarie que mostrou xa o seu rostro.
Vaia pois a miña felicitación por este post e a miña declaración de apoio decidido na medida das miñas posibilidades a unha resistencia necesaria pola nosa propia dignidade como cidadáns