lunes, 22 de septiembre de 2014

A Sanidade Pública galega está en risco



Manifesto de SOS Sanidade Pública

A Xunta de Galicia está desmantelando o sistema sanitario público galego 

Desde a chegada do Partido Popular ao poder na Xunta de Galicia están impoñendo medidas que deterioran a Sanidade Pública e favorecen os intereses das empresas privadas que se lucran a costa dos orzamentos públicos. Recollemos aquí algunhas das decisións impostas, que poñen en serio risco a continuidade do noso sistema sanitario.

-Están a provocar a descapitalización da Sanidade Pública: o recorte do orzamento sanitario en Galicia entre 2009 e 2014 foi do 12,3%, o que supuxo unha perda total de 460 millóns de euros; eliminaron 2.094 postos de traballadores sanitarios e pecharon 275 camas hospitalarias. Mentres, o 48,8% do  orzamento sanitario foi parar ao sector privado, e só o 7,1 % foi para investimentos e funcionamento dos centros públicos.

-Cédenlle a multinacionais e fondos de investimento os servizos de planificación e xestión estratéxica da Consellería de Sanidade e do Sergas:  a historia clínica e  a receita electrónica,  o sistema de citas -Call Center-, as telecomunicacións do Sergas, a loxística do sistema,   o mantemento dos equipos sanitarios, a limpeza e enerxía,  o servizo de catering dos hospitais, a adquisición de equipamento tecnolóxico,  os servizos de protección radiolóxica, a esterilización do instrumental, a osixenoterapia, os servizos de ambulancias, a hemodiálise, o Centro Oncolóxico de Galicia, a investigación, desenvolvemento e innovación (I +D+ I) e a formación.

-Os actuais gobernantes facilitan que a sanidade pública financie a investigación da industria tecnolóxica privada e dos laboratorios das multinacionais,  e permiten que sexan éstas as que decidan os aparellos a adquirir polo sistema público. A través dos Institutos Biomédicos de Investigación do Sergas (Instituto Biomédico de Vigo e Instituto Biomédico de Santiago) a Banca e a Industria Sanitaria privada controlarán a investigación e a docencia e dificultarán calquera investigación que non estea de acordo cos seus intereses empresariais.

-Tamén privatizaron o Laboratorio Central de Galicia, a construción e xestión do novo hospital de Vigo (PFI), renovaron o concerto singular co hospital Povisa, manteñen a empresa pública de xestión privada Galaria, recortaron e privatizaron os Plans Directorios dos hospitais de Lugo e Ourense e paralizaron a ampliación do de Pontevedra.

-A Atención Primaria sufriu un recorte de 190,9 millóns de euros (se incluímos o gasto farmacéutico extrahospitalario), e de 33 millóns (sen a farmacia). Están a desmantelar as Áreas Sanitarias para crear unha Área Única que abarque todo o territorio galego coa finalidade de crear un mercado sanitario no que poderá participar o sector privado. O desmantelamento das Áreas está sendo utilizado ademais para recortar os hospitais comarcais no Barbanza, Monforte, Barco de Valdeorras, A Costa e Salnés. O mesmo ocorre cos centros de Saúde Mental, Planificación Familiar e  Prevención e Atención á Drogodependencia.

-As listas de espera experimentaron un incremento substancial de forma que en catro anos a espera cirúrxica media  pasou de 71 a 83 días.



En resumo:
O goberno central cambiou o modelo sanitario e recuperou a figura do asegurado (vincula o dereito á atención á cotización e non ao feito de ser cidadán,  poñendo fin á universalidade do sistema), e introduciu numerosos copagamentos, que sobrecargan as deterioradas economías familiares. O retroceso histórico é descomunal.

Mentres tanto, o goberno galego prioriza os negocios. Asfixia economicamente o sistema sanitario público, pero  incrementa os concertos co sector privado (paralizando a actividade dos hospitais públicos -laboratorios, radioloxía, quirófanos- en horario de tarde). Ademáis privatiza o propio sistema e financia con diñeiro público a multinacionais, fondos de investimento, bancos e construtoras aos que lles cede os servizos de planificación, xestión estratéxica e investigación e desenvolvemento (I+D+I), o control e adquisición de novas tecnoloxías, a formación do persoal, así como a construción e xestión dos novos hospitais e centros de saúde.

Tamén introduce novas leis deseñadas para favorecer ao sector privado: Lei de Racionalización do Sector Público, que legaliza o patrocinio privado de todos os Servizos do Sergas e cede ao sector privado a doazón de sangue, a coordinación de transplantes de órganos e o almacenamento de células, tecidos e mostras biolóxicas; a Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias que permite aos pacientes que superen certos límites de tempo (de 60 días de espera para intervencións cirúrxicas e 45 para consultas e probas diagnósticas) que poidan acudir a un centro privado cos custes pagados con diñeiro público; tamén privatizaron a xestión das baixas laborais por enfermidade, e crearon as Unidades de Xestión Clínica coas que pretenden fraccionar o sistema sanitario en múltiples empresas acollidas á Lei 15/1997.

M.Martin no Parlamento galego
O desmantelamento do Sistema Sanitario Público está promovido e alentado por unha gran alianza (Club Gertecht) integrada por directivos das administracións sanitarias que entran e saen da administración e das empresas (porta xiratoria), organizacións profesionais como a OMC, FACME, Foro da profesión  e as cúpulas dalgúns sindicatos corporativos; apoian esta estratexia os laboratorios farmacéuticos, a industria tecnolóxica sanitaria e as construtoras, bancos e fondos de investimento que ven na sanidade unha oportunidade de negocio. Tamén están as aseguradoras, mutuas, auditoras, empresas de informática, grupos de comunicación, etc. que pretenden apoderarse dos recursos e da información sobre a saúde dos galegos para planificar as súas estratexias empresariais. Aínda que esta plataforma privatizadora conta con gran poder económico e institucional, a súa falta de respaldo social e profesional faina vulnerable. É necesario reforzar a Alianza Social e Profesional que representa SOS Sanidade Pública e desenvolver mobilizacións a nivel local e galego para frear esta estratexia de desmantelamento da sanidade pública. Por todo isto é preciso:

1.- Reforzar e ampliar, coa incorporación de novas organizacións sociais e profesionais, as Plataformas para a Defensa da Sanidade Pública que integran SOS Sanidade Pública.
2.- Elaborar un plan de traballo de SOS Sanidade que identifique os problemas e necesidades máis importantes que afectan á Sanidade Pública Galega, estableza prioridades e propoña un calendario de mobilizacións e outras actuacións para a defensa e mellora do sistema.
3.- Comezar a preparación dunha gran mobilización para poñer freo á privatización e recuperar os servizos sanitarios desmantelados e privatizados.


Galicia, setembro de 2014. 






1 comentario:

  1. Dise aquí: “Aínda que esta plataforma privatizadora conta con gran poder económico e institucional, a súa falta de respaldo social e profesional faina vulnerable”
    Esta afirmación paréceme moi importante, pois sinala que non estamos ante algo definitivamente irreversible. Son vulnerables. As cousas poden, deben, mellorar precisamente dende a resposta da cidadanía no seu conxunto e por parte dos profesionais que non se deixasen contaminar por prebendas, dos que non sexan cómplices do desmantelamento.
    É por iso que todo esforzo de unión é pouco en contra da barbarie que mostrou xa o seu rostro.
    Vaia pois a miña felicitación por este post e a miña declaración de apoio decidido na medida das miñas posibilidades a unha resistencia necesaria pola nosa propia dignidade como cidadáns

    ResponderEliminar