O Servizo Nacional de Saúde (SNS) español non é
perfecto –un dos principais problemas é o déficit crónico de financiamento-,
pero está entre os mellores e máis
eficientes do mundo. É unha das conquistas sociais máis importantes das
últimas décadas. Actualmente está a sufrir un ataque frontal, desde o propio
poder, para xenerar espazos de negocio. O obxectivo é alimentar ás empresas
privadas a costa de reducir o sector público. Os expertos concordan, e xa o
temos lembrado máis veces, que “os sistemas sanitarios universais, con
propiedade e xestion públicas e baseados na Atención Primaria (AP) son os que ofrecen mellores resultados en
saúde e tamén son os máis eficientes, equitativos e humanos”.
Mais o PP camiña en sentido contrario e está
realizando unha auténtica demolición do
SNS: suprimiron a cobertura universal (Decreto Lei 16/2012), anularon a AP
(coas Xerencias de Xestión Integrada), e entregaron a mans privadas os servizos
e os hospitais (Lei 15/97, hospitais PFI, externalizacións masivas, áreas de
xestión clínica, etc).
As factorías de pensamento neocom do mundo sanitario (Bamberg, Idis, Sedisa, Gertech)
difunden o seu credo baseado en catro
auténticas falacias: a insustentabilidade do sistema, a necesidade de
separar financiación e prestación dos servizos, a obriga de introducir
copagamentos e a crenza (falsa) de que a xestión privada é máis eficiente que a
pública. Con este argumentario falaz están a desmantelar o SNS, peza clave do
Estado de benestar, para favorecer negocios privados a expensas do diñeiro
público (a sanidade representa o 40% do orzamento das CCAA).
A esta actuación privatizadora, impulsada con
descaro polo PP, súmase agora unha nova
e grave ameaza:
O Acordo Transatlántico sobre Comercio e Inversión (TTIP)
que están a negociar con secretismo a UE e os EEUU. De ser aprobado este Tratado
representaría un perigo certo para a sanidade pública. Porque non procura só
estimular o comercio senon que pretende suprimir as “barreiras” reguladoras que
limitan os beneficios potenciais das corporacións transnacionais a ambos lados
do Atlántico e, sobre todo, pretende favorecer novos mercados
abrindo o sector dos servizos públicos e a contratación pública ás empresas
transnacionais, o que provocaría unha onda privatizadora en sectores como a
sanidade e a educación. Estas privatizacións serían, ademáis, imposibles de
recuperar, pois as empresas poderían recurrir a entidades arbitrais ad hoc para reclamar indemnizacións
elevadas por incumplimento de contrato e lucro cesante.
O TTIP tamén pode ter repercusións severas sobre a política farmacéutica.
O gasto en farmacia é un dos principais problemas do SNS: o gasto en medicamentos
é case o doble da UE. Este Tratado fortaleceria ainda máis a posición da
poderosa industria farmaceutica, que podería impoñer medidas favorables aos
seus intereses: prolongar as patentes dos fármacos, retrasar a entrada de
xenéricos no mercado, reducir os requisitos para as súas patentes, controlar ás
axencias estatais de avaliación de medicamentos e tecnoloxía sanitária,
conseguir maior influencia nos organismos estatais que fixan as políticas de
precios, apropiarse do control dos ensaios clínicos de novos fármacos, etc. Con
todo esto, e outras posibilidades de intervención que non mencionamos, o gasto
sanitario podería incrementarse de tal maneira que faría, daquela sí, realmente
insustentable a continuidade do SNS.
No hay comentarios:
Publicar un comentario