sábado, 21 de junio de 2014

A cultura galega e o Gaiás

En Nueva Tribuna





Naqueles anos da abundancia, baixo o goberno de Fraga Iribarne comezaron a erguer os enormes edificios do monte Gaiás. O arquitecto máis famoso, as lousas máis caras -destrozando unha zona protexida-, o proxecto máis grandioso, as dimensións máis extravagantes: todo parecía xustificado para construir a Cidade da Cultura. Esta obra inacabada figura hoxe como un dos principais exemplos da incompetencia e o desgoberno. Millóns de euros –subtraídos do erario público- foron enterrados nesta obra innecesaria, excesiva e absurda, concibida para maior honra e gloria do seu promotor. Cando chegou o tempo das vacas fracas ninguén parou a tempo este despropósito pero recortaron sen pudor os orzamentos da sanidade, da educación e da cultura.


Mentres a cultura galega pasa grandes dificultades (a industria editorial, o teatro, o cinema), e o noso idioma esmorece abandonado pola Administración(cando non desprezado e atacado desde o propio poder), naquel monte preto de Santiago érguese, como un monumento ao desatino, a inacabada Cidade da Cultura. Nos tempos da dilapidación os políticos gobernantes deixáronse levar pola megalomanía, sen prever a grave carga que deixaban aos seus herdeiros.  


O gran proxecto de Fraga, iniciado en 2001 e promovido polo seu valido Pérez Varela, que ía “poner a Galicia en el mapa de Europa y la modernidad”, levounos en realidade ao baleiro e á ruína. Porque agora a Xunta, que xa mandou parar as obras, non sabe que facer con este inútil mausoleo. Gastou neste proxecto faraónico máis de 400 millóns de euros,   o triplo do previsto, e só abrir as portas desta enorme desmesura  custa cada día 27.000 euros. Cantas bibliotecas públicas se poderían dotar, cantos libros editar, cantas películas promover con todo ese diñeiro derramado! 

O Gaiás é o paradigma dunha forma de entender a cultura. As autoridades constrúen un desmesurado recinto onde se expoñerán os grandes eventos chegados de fora: a cultura como espectáculo, como celebración ocasional, como divertimento das elites. Pero hai outra forma de entender a cultura: como creación popular, como elemento da vida cotiá que nos perfecciona como persoas, como  construción colectiva que nos axuda a ser pobo, como industria diversa e plural que favorece a creación de riqueza. Para isto non hai cartos. Para levantar e manter o enorme despropósito do Gaiás, si. Algúns representantes do mundo audiovisual xa o advertiron:  No sector cultural estase a facer un ERE multitudinario do que ninguén se preocupa”.

Mentres pechan bibliotecas e xornais, mentres as empresas editoriais teñen serias dificultades para continuar o seu labor, mentres os cineastas, os músicos e todos aqueles que se dedican a calquera actividade cultural ou artística vense abandonados pola Administración (que non facilita o traballo nin aporta recursos que apoien a creatividade do propio país) os edificios do Gaiás permanecen como os restos dunha civilización, como aquelas ruínas que se vían  no final da película “O planeta dos simios”. 

A escena final foi filmada nunha pequena praia entre Malibú e Oxnard, en California.

2 comentarios:

  1. Neste post cualifícase á obra do Gaiás de proxecto faraónico, evocando as pirámides, aínda que os faraones houberan feito máis cousas. Unha pirámide é un gran envoltorio, un continente excesivo para o seu contido, un morto. Nese sentido, o Gaiás é unha pirámide inacabada que nin morto ten; só o evoca (tamén se fala de mausoleo).
    Seica a cultura precisa unha “cidade” específica que a acolla? Non o parece. É certo que hai palacios da música, teatros, bibliotecas, museos, salas de cine... Pero unha cousa son as actividades culturais ou os medios que propician a cultura, que poden requirir o seu espazo específico, e outra a cultura en si, que só é algo da orde persoal, de cada quen.
    Cicerón referiuse á cultura como cultivo do alma, unha tarefa que supón moito máis e, á vez, moito menos que conseguir unha erudición. Unha tarefa que sempre é actividade propia, de cultivo que, si é adecuado, aspira a cosechar sabedoría.
    A decisión política pode facilitar que cada un desenvólvase como ser humano, que cultive a súa alma, ou non, optando pola igualdade de oportunidades ou preferindo, pola contra, un elitismo dos poderosos, algo ao que estamos asistindo. Si o que se desexa é un pobo culto, investirase en educación, en bibliotecas, en medios audiovisuales, en acoller a creatividade, todo iso no ámbito da cidade, da mesma cidade que ten un mercado, autobuses, comercios, xente. Non nunha cidade separada, concibida como obra arquitectónica, que, confundindo cultura con colección ou exhibición, acabe sendo unha esperpéntica mostra en sentido contrario, da incultura dos que propiciaron tal despropósito.

    ResponderEliminar
  2. A mi entender estas cosas no pasan por la megalomanía de las élites. Son parte de una estrategia para evitar que las clases no gobernantes hagan uso del dinero generado por los impuestos. Te quitan dinero del salario en nombre de la cultura nacional (porque quién en su sano juicio puede negarse a tan importante gasto) y luego lo gastan en su versión de la cultura, que es ni más ni menos que propaganda en favor del status quo. A la vez, evitan el que aquellos integrantes de las clases populares con ideas tengan acceso a los medios de comunicación y presenten una versión diferente de la realidad. "Pero de que os quejáis?" dirán luego, "el dinero que se gastó está a la vista!". Sí que está, sí ...

    ResponderEliminar