domingo, 30 de junio de 2013

Contrarreforma sanitaria


En Galicia Hoxe


Vivimos nun tempo difícil no que os gobernantes están a realizar un sistemático desmantelamento dos sistemas de protección social e, entre eles, da sanidade pública. Así se afirma no libro “La contrarreforma sanitaria” (Editorial La Catarata) que foi presentado hai uns días en Santiago.  


-O libro. Esta publicación colectiva analiza a situación actual da sanidade pública e fai un recorrido analítico e crítico polas variadas actuacións privatizadoras que se están a realizar nas comunidades autonómicas.  Sánchez Bayle (coordinador do libro) recorda a relevancia histórica da Ley General de Sanidad (Ernest Lluch, 1986), que estableceu a universalización do dereito á atención sanitaria, cun modelo baseado na prevención e na promoción e con servizos sanitarios maioritariamente públicos. Mais xa daquela, na década dos oitenta, comezaba a onda ultraliberal, impulsada por Reagan e Thatcher. A aplicación destas estratexias económicas no Reino Unido provocou o deterioro do NHS (National Health Service), modélico nos seus inicios e que sirveu de inspiración para a implantación en España do SNS (Servicio Nacional de Salud). 

O impulso privatizador comezou pronto en España. En 1990 aprobaron en Cataluña a LOSC que definía un modelo sanitario mixto, integrando na mesma rede asistencial aos centros públicos e privados. A LOSGA (2003) pretendía promover o mesmo modelo en Galicia. Pero xa antes, en 1991, o famoso Informe Abril recomendaba a separación das funcións de financiación e provisión e a xestión privada dos centros públicos. Romay Beccaría, conselleiro de sanidade en Galicia na década dos 90, impulsou a creación das fundacións sanitarias. A experiencia resultou calamitosa; tiveron que ser rescatadas económicamente e integradas na rede do Sergas, durante o mandato do goberno progresista (2005-09).


Hai un recoñecemento xeralizado da calidade asistencial do SNS español e do seu gran valor como elemento de cohesión social. Tamén se admite que (a pesar do elevado gasto farmacéutico, a sobreutilización tecnolóxica e os excesos preventivos) resulta un sistema eficiente que consigue indicadores de saúde e niveis de satisfacción elevados adicando  unha porcentaxe do PIB moi por debaixo da media europea. Con todas estas evidencias a tensión privatizadora continúa, insistente, na procura de espazos de negocio a expensas dos orzamentos públicos. Neste libro descríbense con detalle as distintas estratexias empregadas en toda a xeografía do Estado. Tamén se analiza o impacto negativo do RD Ley 16/2012 sobre o porvir da sanidade pública: copagamentos, exclusión de sectores da poboación, cambios na carteira de servizos, regresión ao aseguramento etc.


-A marea branca. O impulso privatizador máis intenso e persistente provocouno Esperanza Aguirre na comunidade madrileña. Cando chegou ao goberno en 2003 (despois do tamayazo),  había vinte hospitais de xestión totalmente pública. Agora case un de cada tres é de xestión privada, total ou parcialmente. En 2007 inaugurou o hospital Infanta Elena en Valdemoro. En 2008 inaugurou sete hospitais de xestión mixta público-privada. En 2011 abre o hospital de Torrejón de Ardoz, de xestión totalmente privada, igual que o de Móstoles (2012). O hospital de Collado Villalba, rematado e pechado, está sen inaugurar (custa 900.000 euros ao mes). Toda esta actividade inaugural tivo seguramente réditos electorais positivos, pero os expertos consideran que moitos destes hospitais teñen unha difícil viabilidade económica. Mentres executaba estas privatizacións tamén provocou  unha severa descapitalización dos centros sanitarios públicos tradicionais e unha marxinación sistemática da Atención Primaria. O PP impulsou en Madrid un proceso privatizador de longo recorrido, iniciado coa LOSCAM (Ley de Ordenación Sanitaria de la Comunidad de Madrid, 2001), que non afectou só aos hospitais senon á informática, á xestión dos laboratorios, á radioloxía etc. Non houbo ningun aforro. Pola contra,aumentou o gasto. A débeda sanitaria de Madrid é impresionante: máis de 1700 millóns de euros en decembro de 2011.


A finais de 2012 a Asamblea de Madrid aprobou un modelo de privatización xeralizada da rede hospitalaria e dos centros de saúde da comunidade. Esta proposta provocou unha resposta profesional e cidadán extraordinaria, coñecida como a marea branca (folgas, encerros, manifestacións, concentracións etc) que consigueu frear parcialmente o afán privatizador de Fernández Lasquetty.  A actuación máis recente desta marea branca foi a presentación dunha querela, admitida a trámite, sobre as posibles irregularidades cometidas durante a primeira onda de privatizacións. Neste texto (86  páxinas máis 70 anexos), presentado pola asociación médica Afem, sinalan “la negligencia en el control del gasto público y la facturación intercentros” e denuncian o “trasvase injustificado, masivo y sistemático de pacientes hacia clínicas concertadas mediante engaño a través del sistema centralizado de citas de Sanidad”. A querela tamén fai referencia aos casos de porta xiratoria na sanidade madrileña e sinala de forma explícita a dous exconselleiros (Lamela e Güemes) e ao director xeral de hospitais Antonio Burgueño. 

A batalla non está ganada. A tensión privatizadora segue cunha intensidade extraordinaria. Os grupos de presión teñen un poder enorme e contan coa complicidade dos actuais gobernantes. A busca do lucro a expensas da sanidade pública vai continuar. Hai moitos lobos agardando a súa tallada. Manuel Rivas, nun artigo recente, dalle a palabra a un médico que exerce na India: “El negocio con la sanidad es muy sucio. Aquí me dí cuenta de que una mala sanidad pública genera más y más pobreza”. E remata él: nun país chamado España, a alianza do negocio sucio e a política neopija ameaza destruir o seu mellor patrimonio.


1 comentario:

  1. La Marea Blanca, es una gran iniciativa y muy loable; pero no debemos olvidar que surge del personal sanitario, no de los pacientes. Los pacientes parecen estar muy felices y contentos con las supuestas "reformas"; el marketin funciona.
    Nuestros objetivos deben centrarse en acciones y planteamientos que mejoren nuestra situación retributiva y laboral.

    ResponderEliminar