Avelino
Pousa Antelo tivo unha vida longa e intensa. Chegou á idade de 98 anos sen
perder a dignidade, nen sequera nos tempos escuros, cando había que disimular
para poder sobrevivir. A súa biografía
está marcada polo compromiso con Galicia. Foi un home vital e entusiasta
que sempre quixo, segundo deixou escrito, “conquerir unha Terra máis libre e
dona dos seus destinos: esa foi a ilusión que encheu os mellores anos da miña
vida e quero que sexa a miña mensaxe
para a xuventude”. Algunha vez defineuse a sí mesmo como un perdedor, mais non
é tal; a pesar das perdas que tivo ao longo da vida sempre mantivo unha
actitude ética que lle permiteu construir unha biografía coherente, exemplar.
No libro “Conversas con Pousa Antelo” de Amancio
Liñares demostra ter unha memoria prodixiosa e relata con detalle as diferentes
etapas da súa vida (desde a infancia rural no val de Barcala á presidencia da
Fundación Castelao), sempre marcada polo galeguismo, o desenvolvemento agrario,
o cooperativismo, a renovación no ensino e a defensa da lingua. Relata o seu momento iniciático, que sucedeu nun
mitin galeguista celebrado no Teatro Principal de Compostela o ano 1931. O
último en intervir foi Castelao. “O teatro estaba cheo e a mín a intervención de
Castelao impresionoume tan fondamente
que saín de alí galeguista de por vida, e por mil vidas se as tivera. Foi
un deses impactos que se cravan con fondura na conciencia dun mozo”.
Coñecín a
Avelino Pousa cando eu era un rapaz. Os dous somos barcaleses, ainda que nos
separan máis de corenta anos. Cando un grupo de mozos puxemos en marcha a
Asociación Cultural “Afonso Eans” en Negreira nos anos setenta contamos co seu
apoio e colaboración. Naqueles mesmos anos houbo unha movilización na
Cooperativa Feiraco que se enfrentou á xunta rectora presidida por García
Calvo; formouse unha candidatura alternativa encabezada por Pousa Antelo. Na
tensa asemblea celebrada en Pontemaceira perdeu a votación por corenta votos de
diferencia. Así era Avelino. Cando o chamabas sempre estaba disposto a
colaborar. Hai uns anos participou na presentación dun libro meu (xunto con
Fernán Vello e Xulio Valcárcel), na Galería Sargadelos de Santiago. Estivo como
sempre: afectuoso, ameno e divertido.
Porque eu
destacaría, por enriba de todas as cualidades persoais que posuía, o seu grande sentido do humor e a humildade.
Era retranqueiro e tiña un arsenal de anécdotas que podía encadear durante
horas. Cando nunha entrevista lle preguntaron por qué usaba boina contestou:
“Porque comecei a quedar sen pelo. Vivindo en Santiago, merqueille outra boina
ao meu netiño de tres anos e saiamos os dous á rúa con boina. ¡E a xente ría!”.
Era amigo da troula e da festa. Valentín Arias conta nun libro como deu vida a
conxuntos músico-vocais como a ronda “Os
Codornisos” en Ponte de Mera (Ortigueira) e a orquestra “Avel Pousa y sus Jabatos” en Santa Comba
de Lugo.
Nunca
esqueceu as súas orixes, nunca deixou de
ser o neno Lucho do Peto, curioso e alegre, que axudaba nas tarefas da
labranza. Fuxía do boato e da grandilocuencia. Cando lle dixeron se se
consideraba o último galeguista histórico dixo: “Boh, agora a calquera cousa se
lle atribúe o calificativo de histórico”. Pois, aínda que él o rexeitara,
Avelino Pousa é un referente na historia deste país, un exemplo de coherencia e
dignidade. Adeus, mestre, e moitas grazas por todo.
Bon artigo Pablo, gústame.
ResponderEliminar