martes, 21 de agosto de 2012

Lucho do Peto

En Galicia Hoxe

Avelino Pousa Antelo tivo unha vida longa e intensa. Chegou á idade de 98 anos sen perder a dignidade, nen sequera nos tempos escuros, cando había que disimular para poder sobrevivir. A súa biografía está marcada polo compromiso con Galicia. Foi un home vital e entusiasta que sempre quixo, segundo deixou escrito, “conquerir unha Terra máis libre e dona dos seus destinos: esa foi a ilusión que encheu os mellores anos da miña vida  e quero que sexa a miña mensaxe para a xuventude”. Algunha vez defineuse a sí mesmo como un perdedor, mais non é tal; a pesar das perdas que tivo ao longo da vida sempre mantivo unha actitude ética que lle permiteu construir unha biografía coherente, exemplar.

No libro “Conversas con Pousa Antelo” de Amancio Liñares demostra ter unha memoria prodixiosa e relata con detalle as diferentes etapas da súa vida (desde a infancia rural no val de Barcala á presidencia da Fundación Castelao), sempre marcada polo galeguismo, o desenvolvemento agrario, o cooperativismo, a renovación no ensino e a defensa da lingua. Relata o seu momento iniciático, que sucedeu nun mitin galeguista celebrado no Teatro Principal de Compostela o ano 1931. O último en intervir foi Castelao. “O teatro estaba cheo e a mín a intervención de Castelao impresionoume tan fondamente que saín de alí galeguista de por vida, e por mil vidas se as tivera. Foi un deses impactos que se cravan con fondura na conciencia dun mozo”.

Coñecín a Avelino Pousa cando eu era un rapaz. Os dous somos barcaleses, ainda que nos separan máis de corenta anos. Cando un grupo de mozos puxemos en marcha a Asociación Cultural “Afonso Eans” en Negreira nos anos setenta contamos co seu apoio e colaboración. Naqueles mesmos anos houbo unha movilización na Cooperativa Feiraco que se enfrentou á xunta rectora presidida por García Calvo; formouse unha candidatura alternativa encabezada por Pousa Antelo. Na tensa asemblea celebrada en Pontemaceira perdeu a votación por corenta votos de diferencia. Así era Avelino. Cando o chamabas sempre estaba disposto a colaborar. Hai uns anos participou na presentación dun libro meu (xunto con Fernán Vello e Xulio Valcárcel), na Galería Sargadelos de Santiago. Estivo como sempre: afectuoso, ameno e divertido.

Porque eu destacaría, por enriba de todas as cualidades persoais que posuía, o seu grande sentido do humor e a humildade. Era retranqueiro e tiña un arsenal de anécdotas que podía encadear durante horas. Cando nunha entrevista lle preguntaron por qué usaba boina contestou: “Porque comecei a quedar sen pelo. Vivindo en Santiago, merqueille outra boina ao meu netiño de tres anos e saiamos os dous á rúa con boina. ¡E a xente ría!”. Era amigo da troula e da festa. Valentín Arias conta nun libro como deu vida a conxuntos músico-vocais como a ronda “Os Codornisos” en Ponte de Mera (Ortigueira) e a orquestra “Avel Pousa y sus Jabatos” en Santa Comba de Lugo. 

Nunca esqueceu as súas orixes, nunca deixou de ser o neno Lucho do Peto, curioso e alegre, que axudaba nas tarefas da labranza. Fuxía do boato e da grandilocuencia. Cando lle dixeron se se consideraba o último galeguista histórico dixo: “Boh, agora a calquera cousa se lle atribúe o calificativo de histórico”. Pois, aínda que él o rexeitara, Avelino Pousa é un referente na historia deste país, un exemplo de coherencia e dignidade. Adeus, mestre, e moitas grazas por todo.

1 comentario: