En Galicia Hoxe
Nestes primeiros días de setembro tivemos a oportunidade de facer unha viaxe, xunto con outros amigos (Manolo Iglesias, Fina Quintáns e Che Turnes), polas terras de Croacia, un dos territorios da antigua Iugoslavia. Fixemos o percorrido desde o sur (Dubrovnik) ata o norte (Pula, na península de Istria), xa perto de Italia. Foron días de lecer que nos deron a oportunidade de reforzar os vínculos da amizade e de gozar dunha paisaxe extraordinaria e das cálidas augas mediterráneas.
Nestes primeiros días de setembro tivemos a oportunidade de facer unha viaxe, xunto con outros amigos (Manolo Iglesias, Fina Quintáns e Che Turnes), polas terras de Croacia, un dos territorios da antigua Iugoslavia. Fixemos o percorrido desde o sur (Dubrovnik) ata o norte (Pula, na península de Istria), xa perto de Italia. Foron días de lecer que nos deron a oportunidade de reforzar os vínculos da amizade e de gozar dunha paisaxe extraordinaria e das cálidas augas mediterráneas.
Podería falar da beleza dalgunhas cidades (Dubrovnik, Split, Trogir, Rovinj), da cor azul verdosa do Adriático, dos centenares de illas e illotes que embelecen o contorno da costa e amansan as augas deste mar calmo e transparente, ou da paisaxe do parque nacional de Plitvice, sementado de lagos e fervenzas. Tamén podería facer referencia á beleza dos habitantes da Dalmacia, ao seu carácter acolledor e á benignidade deste clima privilexiado. Podería facer unha estampa bucólica destes días de descanso e diversión. Máis non vai ser así, porque tamén estivemos en Mostar.
Houbo un día que cruzamos a fronteira –inexistente poucos anos atrás- e entramos en Bosnia-Herzegovina. Deixamos a costa e, seguindo a ribeira do río Neretva, chegamos á cidade de Mostar. Este territorio foi moi castigado durante a guerra fratricida que se desenvolveu desde 1991 a 1995 e que deixou a península balcánica desmembrada en seis pequenos estados independentes. De seguro que houbo responsables internos e externos que avivaron as confrontacións étnicas, relixiosas, lingüísticas e territoriais para que un estado próspero e poderoso –estaba próxima a súa integración na Comunidade Europea- se vise, de súpeto, envolto nun conflicto violento que deixou feridas que tardarán varias xeracións en cicatrizar. Despois de ver o que vin, poido afirmar que aquí perdeu o pobo. De seguro que alguén obtivo beneficios desta crueldade, pero a xente do común só acadou dor, pobreza, rencor e frustración.
Srebrenica e Sarajevo foron, se cadra, as cidades máis castigadas nesta guerra que deixou máis de 250.000 mortos. Houbo asasinatos en masa, violacións colectivas, episodios de crueldade extrema que os cronistas contaron no seu momento. Pero, despois de dezaseis anos de rematada a guerra eu vin en Mostar casas destruidas, cascallos acumulados e as pegadas dos disparos nas paredes dos edificios. Vin túmulos de civís no medio da cidade, onde deberían estar os parques para os xogos infantís. Vin a amargura reflexada nos rostros e a tristeza da poboación que ve, de repente, truncado o seu porvir. Unha moza valente, Maia, contounos, coas bágoas bailándolle nos ollos, que tardou maís de nove anos en voltar á casa familiar e que outros parentes aínda viven de aluguer por ter a súa vivenda derribada. “Viñeron axudas de Europa para a reconstrucción da cidade, pero adicáronse a restaurar igrexas, mezquitas e basílicas. As casas particulares ainda seguen derruidas, despois de dezaseis anos”, decía con tristeza (a biblioteca local tamén é unha ruína sen restaurar). A ponte vella foi reconstruída, pero hai mozos que non se atreven a cruzala: a xenreira e o temor seguen instalados na vida cotiá. Bosnia-Herzegovina segue a ser unha polvoreira, cun sistema de goberno tan complexo como inestable e, nos arredores de Mostar, hai enormes extensións de terras sen cultivar, sementadas de minas antipersoa.
De regreso á costa croata chegamos a Split. Despois de visitar o pazo de Diocleciano andivemos polo paseo marítimo da cidade. Alí puidemos ver unha curiosa competición deportiva. Dous equipos de mozos mutilados competían nun extraño partido de voleibol, sentados nunha alfombra enriba do lousado. Continuamos o percorrido por Zadar, pola illa de Pag, visitamos a cidade de Rovinj e o anfiteatro de Pula. Pero xa non puiden borrar da retina a imaxe daqueles homes sen pernas, co futuro truncado para sempre.
Nos tempos do presidente Tito, Iugoslavia era un estado socialista federal e as seis repúblicas integrantes dispoñían dun alto grado de autoxestión. Despois da súa morte, en 1980, medraron as tensións entre os distintos territorios. Croacia declarou a súa independencia en 1991, recoñecida de inmediato por Alemaña e outros países europeos. O presidente Milošević -que soñaba coa “Serbia Grande” e facía incendiarias exaltacións do nacionalismo serbio-, non recoñeceu dita independencia e comezou unha guerra na que se cometeron todo tipo de atrocidades e deixou o territorio balcánico convertido nun caos. En 2001 o Tribunal Penal Internacional solicitou a detención de Milošević por crimes contra da Humanidade e xenocidio. Non puido ser xulgado: “casualmente” apareceu morto no centro de detención de La Haya.
Despois de tanto sufrimento a xente do pobo decátase de que todos perderon, mesmo aqueles que se presentían gañadores. En Croacia, onde tanto desexaban a independencia, tentan recuperar o nivel perdido, sobre todo a base do turismo. Tatjana, unha moza luminosa e optimista que nos acompañou durante o percorrido, expresaba a súa nostalxia: “Nos tempos de Tito meus pais dispoñían de sanidade e educación gratuítas, podían viaxar ao exterior nas vacacións, tiñan casa propia e déronlle estudos aos seus fillos. Agora a xente nova só temos incertezas”. Pero, á beira de tanta desgracia, algúns negocios medran sen límite. A cadea de supermercados Lidl ten unha elevada presencia neste territorio. E para eludir unha pequena franxa de mar –pertencente a Bosnia- que separa o norte do sur de Croacia unha empresa alemana está a construir unha ponte kilométrica sobre o mar e vai destragar unha península de grande valor ecolóxico para facer unha autovía que una as dúas partes do país. Todo para evitar unha fronteira que nunca debeu existir. Como sempre, as guerras son provocadas polo afán de lucro duns poucos. As diferenzas étnicas, relixiosas e culturais –que se procuran agrandar- non son máis que a escusa para que a xente do pobo se mate entre sí.
Ignacio Ramonet xa ten advertido que en todo o mundo a globalización pretende rematar o estado do benestar. As empresas multinacionais e os axentes económicos que moven os fíos do "mercado" (que non é máis que o capitalismo salvaxe) prefiren como campo das súas actuacións estados pequenos, debilitados e necesitados de axuda. Por esta axuda externa sempre se paga unha enorme peaxe. É o que Naomi Klein denomina "o capitalismo do desastre": os tiburóns financeiros sempre obteñen grandes beneficios nas etapas de reconstrucción.
No hay comentarios:
Publicar un comentario