sábado, 24 de septiembre de 2011

Eloxio da educación

 En Galicia Confidencial

Na casa onde nacín non había ningún libro. Meus avós, que axudaron na miña crianza, eran caseiros e pobres. Tiñan unha intelixencia notable pero grandes dificultades para a lectura. De neno escribín moitas cartas ao dictado para os tios que estaban na emigración. Ese sería o meu destino, ou o andamio, se non tivera a fortuna de coñecer a unha mestra, dona Carme, que tivo unha influencia decisiva na miña vida. Prestoume os libros da súa biblioteca e lin a Pearl S. Buck, Somerset Maugham, Mark Twain e Anatole France con dez anos. Ela é a principal responsable do meu amor polos libros. Tamén convenceu a meu pai, chegado o momento, para poder estudiar o bachillerato; daquela era máis complicado que hoxe: había que desplazarse a Santiago e supoñía unha carga económica dificil de afrontar. Ela fixo os trámites precisos para conseguir unha bolsa de estudios: dese xeito meu irmán e máis eu puidemos iniciar a nosa vida de estudiantes.
Falo de min porque é o exemplo que teño máis a man; moitas persoas poderían contar vivencias semellantes. Pero o que quero reflectir é que un bo mestre cambia a vida dunha persoa, pode modificar a traxectoria dun destino. Tiven a ocasión de expresarlle a miña gratitude e afecto a esta mestra exemplar (cuñada de Avelino Pousa Antelo) e sei do orgullo que sentía por aqueles alumnos que ela axudou a ir máis alá dos estudios primarios. 

Houbo un tempo recente en que a formación gozaba de grande prestixio e os mestres eran respectados e admirados polo seu saber. Nos tempos da República fíxose un esforzo intenso para elevar o nivel cultural dos traballadores, naquela sociedade donde o analfabetismo afectaba a unha importante porcentaxe da poboación. O mestre interpretado por Fernán Gómez en “A lingua das bolboretas” é o paradigma dos ensinantes daquel tempo: persoas entregadas ao seu labor con entusiasmo e coa convicción de estar a construir a modernidade do país. A guerra civil truncou aquela proxección e na postguerra o colectivo dos mestres foi perseguido con ensañamento. O réxime considerou que os portadores da cultura eran os seus principais inimigos. Manuel Rivas relata moi ben esta crispación. O neno protagonista, tan apreciado e protexido polo vello mestre, solta o veleno inxectado en vena polos seus maiores: “Buscaba con desespero o rostro do mestre para chamarlle traidor e criminal. Pero o convoi era xa unha nube de po ao lonxe e eu, no medio da alameda, cos puños pechados, só fun capaz de murmurar com rabia: ¡Sapo! ¡Tilonorrinco! ¡Iris!”.
 
Hai un par de meses asistín á presentación do libro “Vida y pedagogía de un maestro:  Julián Pérez Palacios”, convidado pola súa filla Irene. Neste volume, escrito por un neto, queda reflectido o enorme labor realizado por este home nacido en Salamanca que chegou á parroquia de Rúa, en Cervo (Lugo), e atopouse con que os nenos falaban un idioma extraño e ficaban mudos diante do mestre. Atendía a máis de 50 alumnos de tódalas idades e aínda hoxe é recordado con grande afecto. Malia que non tiña unha militancia política destacada, na postguerra foi sometido a consello de guerra, destituído do seu cargo e estivo preso no Porto de Santa María. É un exemplo daqueles mestres admirables que tentaron mellorar a vida dos seus alumnos mediante a cultura.

Nestes últimos tempos estamos asistindo a unha campaña de desprestixio do ensino público e da figura do mestre que recorda a que se fixo naquela época. O obxectivo perseguido non é tanto o castigo ideolóxico, como foi daquela, senon a busca de espazos de negocio coa progresiva privatización deste servizo público que, ata o momento, ten prestixio social e unha boa calidade. Nos medios de prensa afíns estase a perfilar a figura do ensinante público como un funcionario incompetente e absentista. Nada máis lonxe da realidade: a grande maioría dos profesionais van máis aló do que esixe o estrito cumplimento do deber (o mesmo que na sanidade, onde se está a desenvolver unha campaña de descrédito semellante e co mesmo fin).

Máis esta Xunta de señoritos ten nostalxia dunha sociedade como a de tempos pretéritos. De seguir adiante coa sua tarefa poderá chegar o momento en que exista unha educación privada para as élites e un sistema educativo público, de baixa calidade, para a plebe. Dese xeito quedará anulada toda posibilidade de emerxencia social e estará claro cal é o lugar de cada quen. Estes dirixentes teñen un discurso oficial no que din defender o público e unhas actuacións reais que o degradan. Esta noxenta campaña de desprestixio, xunto coa reducción do profesorado e a precarización da situación nas aulas só poden levar polo camiño indicado. Ainda que tenten exculparse coas verbas a linguaxe corporal ben que os delata: tanto o presidente como o conselleiro Vázquez vense a sí mesmos como membros dunha caste, situados por enriba do vulgo. Non hai máis que ver a arrogancia e a displicencia con que tenden a man ao populacho que congregan nas súas festas. Despois teñen que lavarse con esmero para quitar de enriba o cheiro do esterco.

1 comentario:

  1. Hoy se ha sabido que la Comunidad de Madrid sufraga una buena parte de las actividades extraescolares en los Colegios Concertados. Mientras elimina contratos interinos en la escuela publica, la de Julián Pérez Palacios y la que a tantos nos hizo entender el mundo como lo entendemos: desde la libertad, la igualdad y la fraternidad.
    Igual que la Xunta de Galicia que gasta el dinero público en cuñas de radio publicitando la construción del Hospital de Vigo, mientras lo entrega a los que más pronto que tarde, acabarán también con la Sanidad Pública tal como hoy la entendemos.

    ResponderEliminar