
O meu amigo Federico Cocho ven de publicar un libro necesario e oportuno: “Guerra Civil, que pasou en Galicia e en España” (Xerais, 2011). O texto está ordenado en trinta capítulos nos que o autor relata cronolóxicamente, en forma de crónica xornalística, a sucesión de feitos que levan desde as debilidades da II República e os movementos conspirativos (o que Azaña cualificou como unha “carreira cega cara a catástrofe”), ata os principais episodios da guerra, a cruel persecusión dos derrotados na postguerra e a lenta e sistemática eliminación dos maquis, despois de anos de estéril resistencia polos montes.
É un libro honesto e rigoroso, froito de catro anos de intenso traballo e do estudio de numerosa documentación. O autor fai un excelente labor de síntese e constrúe un texto con vocación divulgativa e de gran valor educativo, que debería ser lectura abrigada en todos os centros de ensino de Galicia. Despois de anos de medo e silencio é preciso contar a historia con honestidade para evitar que se repitan os erros do pasado. “Honrar aos que sufriron. Rehabilitar a memoria dos asasinados naquel baño de sangue. (...) Interiorizar a lección contra a intolerancia, contra os salvapatrias, contra os extremistas. Aprender da historia para manter sempre viva a chama da liberdade e da paz”, tal como reclama o propio autor.
Cando ocorre unha catástrofe natural (Haiti, Fukushima) queda unha pegada de destrucción e morte. Máis cando se produce unha confrontación bélica permanece, ademáis, un rastro de temor, de xenreira e de contas pendentes que fai que as feridas permanezan abertas durante xeracións. Hai pouco estivemos en Mostar –conteino noutra crónica-, a elí puidemos ver o medo nos ollos da xente, o silencio receloso e a emoción asomando no rostro. Tamén vimos os parques da cidade sementados de túmulos.

Despois de tantos anos de medo e silencio, a Guerra Civil comezou, nos últimos anos, a ser tema literario para diversos autores (Rivas, Mendoza, Muñoz Molina), e hai historiadores e grupos de traballo que están a facer unha grande labor de investigación para procurar a verdade histórica. Débese mencionar o rigoroso traballo realizado polas universidades galegas (“As vítimas, as voces, os nomes e os lugares”), baixo a dirección do profesor Lourenzo Prieto. Tamén hai numerosas asociacións para a recuperación da memoria histórica que procuran a restauración da honra das víctimas do franquismo.
Pero era preciso un libro coma este, con afán divulgativo e coa pretensión de achegar unha lectura honesta da historia a quen queira comprender as causas e as consecuencias terribles desta guerra, que marcou o século XX deste país e mesmo de Europa. O propio autor explicaba nunha entrevista a orixe deste texto: “Foi por unha cuestión de interese persoal. O meu pai, Ángel Cocho, foi secretario das Mocedades Galeguistas e logo militante do Partido Galeguista. Nun proceso de busca de información atopei que faltaba un libro de síntese, que contase a guerra desde unha óptica galega”. Tamén afirma: “Galicia quedou pronto na zona nacional, e daquela moitos galegos foron mobilizados porque ´lles tocaba`. Pero o mito da Galicia fascista é mentira: así o proban os 14.000 represaliados que contabilizou ´Nomes e Voces`. (...) O que pasou en Galicia é unha proba de que o golpe tiña unha intención exterminadora, pois non era para nada necesario. A guerra só durou uns días, pero houbo 5.000 fusilados ou ´paseados`”.
O xeneral Mola, que exerceu como “director” da conspiración enviou instruccións por escrito (maio do 36): “Se tendrá en cuenta que la acción ha de ser en extremo violenta para reducir lo antes posible a un enemigo fuerte y bien organizado”. Os militares sublevados empregaron o terror de xeito sistemático. Contaron, ademáis, coa cobertura ideolóxica da Igrexa: “Houbo complicidade e aberta colaboración represora para o que definiron como “Cruzada”. Foi un apoio clave na ultracatólica España do momento”.
En Galicia non houbo campos de batalla: os nosos mozos foron morrer noutras xeografías. Pero houbo unha represión cruel contra dos vencidos, durante e despois da guerra, e houbo campos de concentración que acolleron a miles de presos en condicións infrahumanas, milleiros de cidadáns honestos perseguidos e humillados, e outros que fuxiron de España para salvar a vida ou evitar a prisión...
Como dí o autor no prólogo do libro: “Bágoas, moitas bágoas. Dor e sufrimento inimaxinables na Galicia de hoxe. Milleiros de mozos levados a morrer nunha guerra da que tamén foron vítimas. Vidas estragadas en plena mocidade. Moreas de crimes impunes por todos os recunchos do país. Viúvas, orfos e nais desgarradas pola perda dos fillos. Cárcere e penalidades sen conto para milleiros de familias”. Esa é a nosa historia e convén coñecela. Para eso serve este excelente libro de Federico Cocho.