O escritor Fernando Ontañón
(Santander, 1972) presenta nos próximos días o seu cuarto libro de narrativa.
“Mi vida en otra parte” (Ed. Bala Perdida, 2019) é o título desta novela que o
consagra como unha figura esencial entre os narradores da súa xeración. Trátase
dunha novela curta que, baixo a súa aparente levedade esconde unha enorme forza
emotiva e unha profundidade reflexiva pouco habitual na literatura actual.
A narración discorre basicamente
na Coruña, onde vive o escritor, e ao longo da trama aparecen lugares moi
significados e reconocibles desta cidade; hai tamén unha viaxe iniciática ao
faro do fin do mundo, suceso de gran transcendencia na trama novelesca. O
relato ten unha protagonista feminina, Antía, da que imos coñecendo detalles da
súa existencia en dúas etapas fundamentais da súa vida: na sua adolescencia,
marcada polo acoso e o maltrato escolar e polos seus inicios no amor e o sexo,
e na súa madurez cando, logo de moitos anos ausente (Madrid, Nova York) e
convertida nunha escritora de éxito, regresa á súa cidade natal para recibir
unha homenaxe e para reencontrarse cos seus demos interiores e cos personaxes
que marcaron o seu tránsito á idade adulta.
A primeira etapa preséntase de
forma máis narrativa, cunha enorme verosimilitude. Hai escenas de bullying que se visualizan cunha
tremenda violencia, momentos intensos de iniciación ao sexo e á vida, e
diálogos ben trenzados, moi cinematográficos (a ver si alguén se decata de que
aquí dentro hai unha boa película). A etapa de madurez é máis analítica; a
protagonista recorda e reflexiona, en primeira persoa, sobre as peripecias da
súa vida, sobre os azares que trenzaron o seu destino ata convertela na persoa
que agora é, un ser adulto que aínda non foi capaz de vencer os temores e
frustracións dos seus anos de formación.
Fernando Ontañón (Foto: Xan Domínguez) |
É un texto moi literario no que
se percibe o alento dos escritores que o autor admira e ama, pero en ningún
momento cae na pedantería. O texto está moi traballado, hai párrafos de gran
intensidade literaria, metáforas sorprendentes e certeiras, frases contundentes
como puñetazos. As referencias e as citas aparecen no relato de forma natural e
non impostada. Os poemas dos escritores Manuel Vilas e Julio Llamazares, polos
que Ontañón sente especial reverencia, forman parte importante da historia;
Vilas aparece ata como personaxe nunha memorable escena da novela. Tamén a
música está moi presente, como en todas as obras deste autor. Neste caso son as
cancións de Lou Reed, e as súas letras, as que acompañan aos personaxes desde o
principio ata o final da novela.
A vida, nos seus inicios,
preséntase ante todos nós como un territorio de múltiples posibilidades, unha
senda con numerosas bifurcacións. Imos elixindo, ou o azar vainos levando e,
cando chega o tempo de resumir, dámosnos conta de todo o que puido ser e non
foi, dos acertos e os erros, das decisións e as renuncias que marcan o noso
destino, das cicatrices que acumulamos ao longo do camiño. Sobre isto
reflexiona a protagonista na súa idade madura, sobre o sentido da vida, sobre o
amor e a amizade, sobre o valor do éxito e o fracaso (“o fracaso non existe” di
Manuel Vilas). A novela sobrevoa a súa aparente facilidade e convértese nun
texto profundo e suxerente, emotivo, conmovedor. Esta novela confirma a
Fernando Ontañón como un excelente narrador. A súa lectura non defraudará a
ninguén. Non podo predecir si será un éxito de vendas (así o desexo) pero os
seus seguidores quedamos, xa, á espera da súa próxima entrega narrativa.
“Mi vida en otra parte” sae á venda o 10 de abril. O autor presentará
a novela o vindeiro venres 12 de abril, ás 19.30 horas, na librería Berbiriana
da Coruña (Rúa Santiago, 7. Porta Real). E en Santiago o venres 26 de abril, ás
19.30 horas, na librería Cronopios (Rúa de Alfredo Brañas, 24).
No hay comentarios:
Publicar un comentario