Os
sistemas sanitarios organizados en dous niveis asistenciais son os máis
eficientes e os que máis aportan á saúde da poboación. Un sistema sanitario
“forte” precisa unha AP “forte” (Barbara Starfield). A AP debe ser o elemento
central que asuma a coordenación dos procesos asistenciais e, para iso, ten que
contar con profesionais formados e con medios suficientes que permitan resolver
máis do 80% dos problemas de saúde. Con
ese deseño foise construíndo, nos últimos 35 anos, un SNS que, pese a todolos
ataques, conserva un nivel de calidade máis que aceptable.
Cos
gobernos do Partido Popular o deterioro do SNS foi evidente. O nivel máis atacado foi a AP: en Galicia o PP suprimiu as
Xerencias de AP, decapitou o plan de mellora e degradou as condicións laborais
ata o extremo. Agora os profesionais, que se sinten maltratados, revélanse e
reclaman a reparación do dano causado. A Atención Primaria debe reunir unha
serie de condicións para ter unha boa calidade asistencial. De todas elas considero
que hai tres elementos imprescindibles que deben ser impulsados coa maior
premura: o aumento da capacidade resolutiva, a continuidade asistencial e a restauración
da accesibilidade.
-A
capacidade de resolución dos
problemas de saúde require de profesionais ben formados, e que conten con
medios e acceso a probas sen restriccións burocráticas. Na actualidade a boa
formación dos profesionais de AP está infrautilizada por causa da sobrecarga
asistencial, da aplicación de protocolos restritivos (impostos desde as
xerencias hospitalarias) e das excesivas trabas e demoras no uso de medios
diagnósticos. Para mellorar a AP é preciso recuperar poder e aumentar os
recursos: hai que incrementar os
orzamentos que hoxe representan un raquítico 12% do total adicado a sanidade
(moi lonxe do 25% que reclaman os expertos). Se isto non muda podemos volver á situación de hai 50 anos,
cando o médico de cabeceira era un escribano dedicado a facer receitas e volantes.
-A
continuidade asistencial é un
elemento básico da AP. Cando o profesional de AP atende durante tempo
prolongado aos pacientes e ás súas familias establécense vínculos de confianza,
empatía e respecto que son elementos esenciais da relación terapéutica. Dende o
goberno da Xunta estase a rachar esta característica de forma radical. A
ausencia de oposicións, os contratos-lixo, a non substitución do persoal
ausente, a amortización de prazas: todas estas decisións (de marcado contido
politico e económico) degradan a asistencia. É preciso convocar oposicións periódicas para que os profesionais
sanitarios teñan unha cota asignada fixa, e que os pacientes non sexan
atendidos por un profesional diferente cada vez que acuden ao seu Centro de
Saúde. O acordo asinado pola
Administración e algúns sindicatos é unha burla que perpetúa a precariedade e prexudica
aos pacientes.
-A
accesibilidade á consulta é un
elemento clave e definitorio dunha boa AP. Na Atención Hospitalaria, nos casos
que non sexan urxentes, pode admitirse unha demora razonable. Pero unha persoa
que precise de atención en AP debe poder acudir coa maior brevidade. A
Administración é a principal causante das demoras, xa existentes nalgúns
Centros de Saúde, pola sobrecarga asistencial, a non substitución das ausencias
e polas cotas médicas excesivas. Mais, neste caso, entendo que os profesionais
debemos facer o maior esforzo posible para non provocar listas de espera en AP.
O noso deber profesional é atender aos pacientes co maior respecto e o antes
posible.
Pero
considero que hai dous puntos clave para a abordaxe dos conflitos que agroman na
AP. Cómpre restaurar as Xerencias de AP, con orzamento propio e autonomía de
xestión. De non ser así, non haberá unha solución real aos problemas creados.
Tamén é preciso que as promocións novas
de profesionais se incorporen á loita colectiva polos dereitos cidadáns e pola dignidade profesional e que adopten
unha conducta de actuación común ante os problemas que afectan a todos. Cómpre
asumir que as solucións non son individuais nin sectoriais. Os afectados somos
todos: todas as categorías profesionais e, sobre todo, as persoas.
Pero
estamos nesta situación porque houbo quen adoptou decisións que nos trouxeron
ata aquí. O deterioro da AP non é froito
do azar nin da crise. Hai responsables na política e na xestión sanitaria que
provocaron este desastre. Non se trata só de buscar remedios puntuais aos
conflictos presentes. A degradación da AP (e da Sanidade Pública en xeral) é
consecuencia da acción política dos últimos dez anos; as solucións non se
atoparán con medidas cosméticas deseñadas por grupos de traballo afíns ao
poder. A restauración da AP só se producirá se hai unha mudanza politica en
Galicia. Mentres goberne o PP non haberá unha solución real.
Totalmente de acuerdo.
ResponderEliminarLa Atención primaria debiera ser primera. Primera, de primar, de garantizar una estabilidad del médico que por algo se llama de familia, y la ausencia de restricciones a la hora de peticiones diagnósticas complementarias. Parece una insensatez que un médico de primaria no pueda pedir pruebas que sí puede solicitar un residente de hospital. Eso ha ocurrido durante años y desconozco si sigue sucediendo. En cualquier caso, parece darse un cierto paternalismo censor desde la medicina hospitalaria hacia la primaria, trastocando cualquier elemento de sentido común. La Gerencia única no parece haber sido una buena decisión desde luego.