Os
sistemas sanitarios organizados en dous niveis asistenciais son os máis
eficientes e os que máis aportan á saúde da poboación. Un sistema sanitario
“forte” precisa unha AP “forte” (Barbara Starfield). A AP debe ser o elemento
central que asuma a coordenación dos procesos asistenciais e, para iso, ten que
contar con profesionais formados e con medios suficientes que permitan resolver
máis do 80% dos problemas de saúde. Con
ese deseño foise construíndo, nos últimos 35 anos, un SNS que, pese a todolos
ataques, conserva un nivel de calidade máis que aceptable.
Cos
gobernos do Partido Popular o deterioro do SNS foi evidente. O nivel máis atacado foi a AP: en Galicia o PP suprimiu as
Xerencias de AP, decapitou o plan de mellora e degradou as condicións laborais
ata o extremo. Agora os profesionais, que se sinten maltratados, revélanse e
reclaman a reparación do dano causado. A Atención Primaria debe reunir unha
serie de condicións para ter unha boa calidade asistencial. De todas elas considero
que hai tres elementos imprescindibles que deben ser impulsados coa maior
premura: o aumento da capacidade resolutiva, a continuidade asistencial e a restauración
da accesibilidade.
-A
capacidade de resolución dos
problemas de saúde require de profesionais ben formados, e que conten con
medios e acceso a probas sen restriccións burocráticas. Na actualidade a boa
formación dos profesionais de AP está infrautilizada por causa da sobrecarga
asistencial, da aplicación de protocolos restritivos (impostos desde as
xerencias hospitalarias) e das excesivas trabas e demoras no uso de medios
diagnósticos. Para mellorar a AP é preciso recuperar poder e aumentar os
recursos: hai que incrementar os
orzamentos que hoxe representan un raquítico 12% do total adicado a sanidade
(moi lonxe do 25% que reclaman os expertos). Se isto non muda podemos volver á situación de hai 50 anos,
cando o médico de cabeceira era un escribano dedicado a facer receitas e volantes.


Pero
considero que hai dous puntos clave para a abordaxe dos conflitos que agroman na
AP. Cómpre restaurar as Xerencias de AP, con orzamento propio e autonomía de
xestión. De non ser así, non haberá unha solución real aos problemas creados.
Tamén é preciso que as promocións novas
de profesionais se incorporen á loita colectiva polos dereitos cidadáns e pola dignidade profesional e que adopten
unha conducta de actuación común ante os problemas que afectan a todos. Cómpre
asumir que as solucións non son individuais nin sectoriais. Os afectados somos
todos: todas as categorías profesionais e, sobre todo, as persoas.
Pero
estamos nesta situación porque houbo quen adoptou decisións que nos trouxeron
ata aquí. O deterioro da AP non é froito
do azar nin da crise. Hai responsables na política e na xestión sanitaria que
provocaron este desastre. Non se trata só de buscar remedios puntuais aos
conflictos presentes. A degradación da AP (e da Sanidade Pública en xeral) é
consecuencia da acción política dos últimos dez anos; as solucións non se
atoparán con medidas cosméticas deseñadas por grupos de traballo afíns ao
poder. A restauración da AP só se producirá se hai unha mudanza politica en
Galicia. Mentres goberne o PP non haberá unha solución real.