En Praza Pública
O goberno de Rajoy
actuou desde o primeiro momento, de forma implacable, co obxectivo de degradar
e descapitalizar os servizos públicos para xerar espazos de negocio ás empresas
privadas. A sanidade foi seriamente atacada. O funesto Real Decreto 16/2012 significou
unha auténtica contrarreforma que provocou un grave prexuizo, moi difícil de
reparar, aos sistema sanitario, aos profesionais e, sobre todo, aos cidadáns. A
restauración do dano causado debe ser unha prioridade do novo goberno. A ministra Carmen Montón coñece ben as dificultades deste obxectivo: na
Consellería de Sanidade valenciana non llo puxeron nada fácil.
Pero en Galicia
segue a gobernar o Partido Popular e a degradación da sanidade pública continúa
baixo a batuta de Núñez Feijóo, que é un experto e convencido privatizador. Foi
a man dereita de Romay cando implantaron en Galicia as nefastas Fundacións
Sanitarias que despois tivo que rescatar –e incorporar ao Sergas- o goberno
progresista, pois estaban todas en quebra. Tamén foi presidente de Correos
(2001-2003) e aproveitou a ocasión para privatizar dita empresa pública.

Despois de nove
anos a sanidade pública está nunha situación dramática:
Núñez Feijóo fixo unha drástica redución
do orzamento sanitario, aplicou severos recortes de persoal, rebaixou o número
de camas hospitalarias e puxo en mans privadas o novo hospital de Vigo mentres
renovaba o concerto singular co hospital privado Povisa por dez anos máis. A actuación de Núñez Feijóo en relación coa
sanidade ten unha estratexia ben definida (a que aplicou o PP en Valencia e
Madrid con resultados nefastos): pretende suspender o dereito á atención
sanitaria, establecido na Constitución, e converter a actividade sanitaria nun
terreo lucrativo onde medran os negocios de empresas afíns e das grandes
multinacionais tecnolóxicas e farmacéuticas, que se están a facer co control do
sistema público.

Neste contexto
enténdese que o Hospital da Coruña veña de asinar un Acordo Marco cos hospitais
privados da cidade, por un montante total de case 100 millóns de euros, para
realizar actividade asistencial concertada nos próximos catro anos. O acordo
inclúe actividade asistencial, cirúrxica, probas complementarias e tamén a
hemodiálise. Os centros máis beneficiados por este Acordo Marco son o
Hospital San Rafael, Hospital Modelo e o Hospital Quirón, que xa ven realizando a hemodiálise de
pacientes do Sergas desde hai anos. Con estas medidas o orzamento sanitario é
desviado aos centros privados, mentres os centros públicos están sendo
descapitalizados e privados de medios e persoal, que traballa en condicións cada
vez máis precarias. Cómpre deter o deterioro da sanidade pública en Galicia,
mentres sexa posible: debe ser unha das prioridades políticas da oposición.