JD Cubillo (Fotos: Luís Míguez) |
Jesús Cubillo, que
chegou a Galicia desde Salamanca hai medio século, é xa un galego de adopción; exerceu
a súa profesión de médico psiquiatra ata a xubilación en 2011, mentres desenvolvía unha grande paixón pola
pintura, oficio ao que dedica agora a maior parte dos seus días.
Inverno |
Iniciouse na
pintura desde mozo, participou en exposicións colectivas e xa no ano 1981 fixo
unha individual na Coruña; pero hai dez anos deu comezo a un proxecto moi
interesante iniciado cunha exposición en Portas Ártabras baixo o título “Naturezas mortas, construcións e paisaxes”,
con 30 cadros figurativos nos que había
materiais de laboratorio, matraces, crisois, edificios industriais e minas
abandonadas. En 2012 fixo outra exposición con temática similar, e en 2015
presentou no Casino de A Coruña unha colección de cadros que representaron unha
evolución moi importante na súa obra. Con “As cores do ferro” deixaba atrás a
pintura figurativa e introduciuse no terreo do abstracto, facendo énfase na cor
e na textura, co emprego de cores ocres e coa utilización de materiais “non
artísticos”: madeiras, ferros, arames, parafusos, moedas vellas.
Notas desde a Terra |
Na presente
exposición Cubillo da un paso máis na súa evolución como creador. Na última
década o pintor inicia unha traxectoria marcada por dúas coordenadas: a
transición da pintura figurativa a un territorio máis abstracto e poético (os
cadros teñen títulos: Campos minados,
Universos paralelos, Terras altas, A forza das mareas, Tarde violeta de
tormenta...), e tamén polo salto do óleo e o acrílico ata realizar obras a
medio camiño entre a pintura e a escultura: os seus cadros foron adquirindo
relevo e forma coa utilización de materiais recollidos nos seus paseos pola rúa,
polos montes e nas frecuentes visitas a minas antigas. O artista recolle
materiais de refugallo e devólveos á vida transformados en arte.
Ferro vermello nunha paisaxe neosuprematista |
Se na anterior
exposición predominaban as cores ocres e terrosas, nesta ocasión utiliza cores
máis vivas, que aportan luz a algúns dos cadros. Cubillo está construíndo unha
lenta traxectoria artística, moi sólida e coherente. Hai unha busca permanente
da austeridade. E hai tamén un certo carácter lúdico nesta obra recente;
imaxino ao autor fronte ao cadro seleccionando arames e madeiras coma quen
constrúe un puzle. A pesar da gran evolución realizada o artista posúe un mundo
propio e presenta unha obra moi recoñecible en calquera das súas etapas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario